Laureano José Rodríguez, coñecido como Cachán, nado na Coruña c. 1906 e finado en Asturias o 15 de setembro de 1937, foi un futbolista galego, que xogou no Deportivo da Coruña nas décadas de 1920 e 1930.
Traxectoria Orfo e analfabeto, viviu na Casa da Misericordia da Coruña ata os 19 anos. Tras xogar no Rápido FC, no Deportivo da Coruña e no Emden FC, emigrou a Cuba en 1926. Na Habana incorporouse ao Fortuna, vencedor o ano anterior do Campionato Nacional de Fútbol de Cuba e en 1927 pasou brevemente polo Iberia, no que xogaban outros galegos como Pepe Torres, Cosme ou os irmáns Gonzalo, Edelmiro e O'Donell Lorenzo. Coa camiseta do Iberia enfrontouse en xuño de 1927 ao Nacional de Montevideo, no que militaban varios campións olímpicos coa selección uruguaia (Mazali, Scarone, Lorenzo Fernández, Ghierra, os irmáns Antonio e Santos Urdinarán, Castro, Cea e Saldombide). Ademais chegou a formar parte da selección cubana.
Ese mesmo ano volveu a Galicia. Xogou varios partidos co Deportivo e en xullo de 1928, asinou pola Cultural Leonesa. Estivo no club leonés até outubro de 1930, cando volveu ao Deportivo. En 1933 marchou ao Racing de Ferrol volvendo ao Dépor ao ano seguinte.
Tralo golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 entrou nunha armería da rúa de San Andrés, que foi asaltada por sindicalistas que buscaban armas para facer fronte ao golpe. Foi detido e interrogado e, grazas á mediación de Ramón de Llano, librouse do cárcere, pero foi forzado a combater na guerra civil, dentro das milicas de Renovación Española. Destinado á fronte de Asturias, morreu o 15 de setembro de 1937, e os seus restos foron recollidos polo doutor Cardama, tamén xogador do Deportivo da Coruña.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Datos do xogador en BDFutbol .
Categoría:Nados na Coruña Categoría:Finados en 1937 Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Xogadores do Club Coruña Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Xogadores da Cultural Leonesa Categoría:Xogadores do Iberia Categoría:Xogadores do Fortuna (Cuba) Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Cuba Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes finados hai máis de 80 anos