Carmela Porteiro Lago, nada en Santiago de Compostela no ano 1950, é unha bióloga galega experta en avaliación e xestión de recursos mariños vivos.
Biografía e traxectoria Criouse nunha familia concienciada coa igualdade na educación para mulleres e homes. A súa infancia e mocidade transcorreron nun ambiente con moita relación co científico Tomás Batuecas, quen foi unha grande influencia para ela.
Porteiro gustaba da natureza dende moi nova e decidiu estudar Bioloxía. Licenciouse na Universidade de Santiago de Compostela e marchou a Vigo a facer un curso de oceanografía, na ría de Arousa. Deseguido entrou como alumna libre no Centro Oceanográfico de Vigo onde obtivo varias bolsas e contratos ata acadar a súa praza de funcionaria no Instituto Español de Oceanografía (IEO). Especializouse na avaliación e xestión de recursos mariños vivos e dedicouse a investigación no IEO. Tamén é experta en especies peláxicas de vida curta.
Dirixiu expedicións a bordo dos buques Cornide Saavedra e Thalassa, onde os patróns pesqueiros participaban e achegaban experiencia e coñecemento en canto ao lugar e os costumes das pesqueiras a estudar.
No ano 1979 participou na campaña chamada Cigala 79, que resultou a raíz da crise coa xestión do lagostino en España e Portugal. Percorreron o litoral no Cornide Saavedra desde Fisterra ata Huelva e houbo moitos patróns especializados da zona norte e sur que foron a bordo para prestar a súa colaboración.
Anos despois centrouse máis na avaliación e xestión de pesqueiras, actividades na que se especializou e a que dedicou a meirande parte da súa carreira profesional. Comezou a súa vinculación co ICES no ano 1983, formando parte do grupo de traballo da sardiña e despois continuou cos demais peixes peláxicos. O Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES-CIEM) é un organismo con máis dun século de historia e que conta coa colaboración de máis de dous millares de científicos dos dezanove países membros. Durante 10 anos foi a delegada española do Comité Asesor para a Xestión das Pesqueiras. Alí decidíase a formación dos consellos científicos de cada país, baseándose nos informes dos diferentes grupos. En 2004 foi nomeada delegada de España en ICES e no 2005 ocupou a vicepresidencia, que tras cumprir os 3 anos de mandato renovou por outros 3 ano máis. Co seu nomeamento, España accedeu xunto con Canadá, Francia, Rusia e Suecia a un posto clave nesta institución dedicada a coordinación e promoción da investigación no Atlántico Norte.
A mellora do coñecemento e a chegada da tecnoloxía supuxo un avance importante na recollida e almacenaxe dos datos, aínda que segundo explicou Porteiro, a base da investigación é a mesma. Na súa experiencia, os debates entre os equipos científicos e o sector pesqueiro sempre tiveron un ton dialogante, con transparencia e de xeito construtivo. Neste contexto, desenvolveu un papel esencial no asesoramento internacional para a xestión pública dos recursos mariños e pesqueiros, unha aplicación da ciencia oceanográfica a través da recollida de datos estatísticos a miúdo descoñecida pero imprescindible para que a explotación e o consumo dos recursos dos mares se faga de maneira sustentable.
Entre outros organismos internacionais, foi representante de España na Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), Comité Científico, Técnico e Económico para a Pesca da Comisión Europea (STCEF) e a Administración Nacional Oceánica e Atmosférica (NOAA) estadounidense. En 2016 pasou a formar parte do Comité Asesor Científico Técnico (CACT) da Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI).
Ao longo da súa traxectoria, Porteiro recoñece que por ser muller non foi fácil. Había poucas mulleres dedicadas a investigación non só en España, se non a nivel internacional. Viviu o receo da tripulación masculina, cando ela era a única muller a bordo e sobre toda cando dirixía campañas. Tivo momentos moi tensos, porque os homes non aceptaban as súas decisións, querendo impoñer as súas. Custoulle chegar a postos de mando, pasando primeiro por postos máis técnicos, logo de asesoramento e despois de xestión pesqueira. No ano 2004 foi cando se nomeou a primeira directora do IEO, Concha Soto e a Pilar Pereda como Xefa da Área de Pesca, coincidindo a vicepresidencia de Carmela Porteiro naqueles anos.
É autora de numerosos traballos científicos publicados en diversas revistas e publicacións especializadas.
Premios e recoñecementos O Consello da Cultura Galega en 2019 organizou unha homenaxe, en recoñecemento a súa labor de muller científica pioneira no campo da investigación mariña.Ademais, a profesión destacou o difícil percorrido das mulleres científicas da súa xeración, nun eido como a oceanografía e os recursos mariños, no que tiveron que abrirse camiño e onde nada estaba adaptado a súa presenza.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Ángeles Alvariño
Ligazóns externas ICES
Categoría:Nados en 1950 Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Biólogos de Galicia Categoría:Oceanógrafos de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes