Manuel Chorens García, nado na Coruña o 22 de xaneiro de 1916 e finado en data descoñecida, foi un futbolista galego, que xogaba en Cuba, onde chegou a ser o capitán da selección cubana.

Gañou seis veces o Campionato Nacional de Fútbol de Cuba defendendo as cores do Deportivo Centro Gallego e foi o capitán da histórica selección cubana que disputou a Copa do Mundo de 1938.

Traxectoria

Clubs Deu os seus primeiros pasos futbolísticos na Coruña, onde xogou nos equipos Britis, Ferrolán, Hércules CF e Deportivo da Coruña, neste último só uns poucos partidos. Despois marchou a Cuba, onde pasou a xogar no Deportivo Centro Gallego da Habana, club ao que se incorporou en xuño de 1929. Pasou a ser un dos xogadores máis destacados do equipo e pouco despois da súa chegada xa era capitán. Co club "galego" gañou a liga cubana en 1932 e 1933 e comezou a actuar tamén como adestrador. A pesar dos rumores da súa fichaxe polo Deportivo da Coruña, e de recibir ofertas tamén do Celta e de equipos mexicanos, finalmente fichou polo Sporting de Xixón en 1934. Con todo, volveu poucos meses despois ao DC Gallego, onde se desempeñou de novo como defensa e en ocasións como adestrador e onde volveu ser un dos xogadores máis destacados do campionato. Con este equipo gañou catro campionatos nacionais de xeito consecutivo entre 1937 e 1940.

Selección nacional Xogou na selección cubana, da que foi capitán. Participou como capitán de Cuba na Copa Mundial da FIFA de 1938 en Francia, a única participación dun país caribeño nun Mundial. Eliminaron a selección romanesa e caeron en cuartos de final contra Suecia.

Vida persoal Casou en marzo de 1937 con Emilia García Rouco, na Igrexa de Nosa Señora do Carme da Habana.

Notas

Véxase tamén Outros artigos

Cuba na Copa Mundial de Fútbol de 1938

Categoría:Nados en 1916 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Futbolistas de Cuba Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Galegos de Cuba Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do DC Gallego Categoría:Xogadores do Sporting de Gijón Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Cuba Categoría:Finados en ano descoñecido Categoría:Xogadores do Hércules CF Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1938 Categoría:Futbolistas mundialistas de Galicia