John Trulock, nado en Bow (Londres) o 31 de decembro de 1856 e finado en Iria Flavia (Padrón) o 8 de xuño de 1919, foi o xerente en Galicia da compañía inglesa The West Galicia Railway Co. Ltd., propietaria da primeira liña de ferrocarril entre Santiago de Compostela e Vilagarcía de Arousa.

Traxectoria Fillo de John Trulock (1814-1869), un comerciante de millo natural de Bow, e de Henrietta Glascott (1833-?), natural de Whitechapel, que casaron o 31 de xullo de 1855. John Trulock foi o irmán máis vello doutros cinco fillos do matrimonio; Alfred, Arthur, Henry, Kate e mais Ellen.

John naceu en Bow e residiu con seus pais e os seus cinco irmáns en varios lugares do leste de Londres ó longo da súa infancia. Tivo unha existencia cómoda ata os trece anos, cando seu pai finou o día 24 de agosto de 1869 á idade de 55 anos. Trala morte de seu pai tódalas pertenzas da familia foron vendidas nunha poxa pouco tempo despois.

A familia foi separada; no censo de 1871 consta que seus irmáns foran acollidos en diferentes asilos para orfos da cidade de Londres, non obstante, John con 14 anos vivía de forma independente e figura no censo como traballador dun almacén para unha fábrica de paraugas en Holborn.

Cando contaba 18 anos de idade Trulock foi nomeado en Galicia voceiro da compañía Sociedad del Ferro-Carril Compostelano de la Infanta Doña Isabel na xunta xeral de accionistas de 1875. En 1876 figuraba como membro do consello do Ferro-Carril Compostelano, representando o financeiro británico da compañía Credit Foncier e en 1883 exercía como xerente, cargo que ocupou ata a súa morte en Iria Flavia no ano 1919. En 1886 adquiriu para a compañía ferroviaria a locomotora Sar.

Casou o 31 de maio de 1889 no Consulado británico da Coruña con Josefina Bertorini, filla do seu socio comercial Camilo Bertorini e mais da súa esposa María Margarita Jones, tamén coñecida como María Bertorini, a quen Rosalía de Castro dedicou o poema "Na tomba do Xeneral Sir John Moore", do libro Follas novas (1880). O matrimonio tivo sete fillos, incluídos John, que foi piloto da RAF, María, que casou con Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón, e mais Camila, a nai de Camilo José Cela Trulock.

En 1902 foi fundador e primeiro presidente do Real Club de Regatas de Galicia.

John Trulock faleceu o 8 de xuño de 1919 ós 62 anos de idade e foi soterrado no cemiterio de Adina, en Iria Flavia. dereita|miniatura|Sepulcro de John Trulock e a súa familia.

Recoñecemento Trala inauguración da Fundación Camilo José Cela no ano 1991, creouse o 25 de maio de 1999 o Museo do Ferrocarril, integrado dentro da casa Museo Camilo José Cela, en homenaxe a John Trulock.

Notas

Referencias

Véxase tamén

Outros artigos Camilo José Cela Cemiterio de Adina Locomotora Sar

Ligazóns externas

Categoría:Nados en Tower Hamlets Categoría:Nados en 1856 Categoría:Finados en 1919 Categoría:Ferrocarril en Galicia