María Mariño Carou, nada en Noia o 8 de xuño de 1907 e finada en Seoane do Courel (Folgoso do Courel) o 19 de maio de 1967, foi unha escritora galega do século XX. Encadrada na xeración do 36, a pesar da súa con escasa obra (poética en galego e narrativa en castelán) foi reivindicada para a literatura galega pola xeración Brais Pinto, especialmente por Uxío Novoneyra e Xosé Luís Méndez Ferrín. Da súa autoría son Palabra no tempo (1963) e Verba que comenza (1990). Compaxinou a súa actividade intelectual cunha vida discreta e moi apartada dos cenáculos literarios. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas do ano 2007, co que foi a terceira muller homenaxeada con ese recoñecemento despois de Rosalía de Castro no 1963 e Francisca Herrera Garrido no ano 1987.
Traxectoria
Foi a cuarta dos cinco fillos de Xosé María Mariño Pais, zapateiro, e Filomena Carou Lado, costureira, 2007, páx. 16.: María de la Concepción (1898), Emilio (1901), Cándido (1902), María (1907) e Asunción (1908). 2007, páx. 16. A súa infancia e xuventude estiveron marcadas polas dificultades económicas da familia. En Noia recibiu uns poucos anos de escola coas monxas e logo traballou como costureira polas casas. Posteriormente trasladouse a Escarabote (Lampón, Boiro), onde unha parente súa, Consuelo, traballaba de cociñeira no Pazo de Goiáns, que tiña unha boa biblioteca e onde accedeu a algunhas lecturas, aínda que Esperanza Mariño (2007) o desmente. miniatura|esquerda|Busto en Noia, obra de Soledad Penalta. Ao pouco de iniciarse a guerra civil española marchou a Berango, Biscaia, onde vivía a súa irmá máis vella, Concha, casada cun mariñeiro vasco. Trala conquista desa zona polas tropas franquistas, regresou a Boiro, onde impartiu clases a nenos. Alí coñeceu o mestre compostelán Roberto Pose Carballido, que tiña escola en Escarabotiño, co que casou na igrexa de Santiago de Lampón o 31 de maio de 1939. El tiña 24 anos e ela estaba a piques de cumprir os 32.
En 1943 marcharon a Arzúa, e despois regresou a Biscaia, ao ser destinado el a Elantxobe no curso 1945-46. Desde alí aproveita para visitar a familia, que se trasladaran de Berango e agora viven en Algorta, Getxo. Regresa a Galiza estando embarazada, para dar a luz nas Casas Baratas das minas de San Fins (Vilacova, Lousame), pois contaba con asistencia médica ao traballaren alí o seu irmán Emilio, mecánico, e maila súa nai, Filomena, xa viúva. Alí, con trinta e nove anos cumpridos, deu a luz o 6 de setembro de 1946 a un fillo, Roberto Pose Mariño, que morreu o 10 de outubro dese mesmo ano a causa dunha gastroenterite aguda. 2007, páx. 94, reproduce a acta de defunción. dereita|miniatura|Casa escola de Parada do Courel, onde viviu María Mariño. O seu marido foi destinado a Romeor, Esperante, e despois trasládanse por consello médico a Parada do Courel, a causa da depresión nerviosa que sofre a escritora. Alí botou os restantes anos da súa vida, agás algunhas vacacións en Noia, Monforte de Lemos e A Coruña.
En maio de 1967 faleceu na comarca da montaña luguesa, a causa dunha leucemia. Os seus restos mortais repousan no cemiterio de Seoane do Courel.
Creación literaria A mediados dos anos cincuenta, María Mariño comezou a escribir poemas, primeiro en castelán e logo en galego. Despois, no contorno do Courel, coñeceu o poeta Uxío Novoneyra que promoveu a publicación destes versos. Palabra no tempo editouse no ano 1963 na colección Tesos cumes de Ediciones Celta, Lugo,Imaxe da portada de: Palabra no tempo de María Mariño. Coleución Tesos Cumes Ediciones Celta. Lugo. 1963. con limiar de Otero Pedrayo e ilustracións de Raimundo Patiño.
miniatura|Tumba en Seoane do Courel. Sen apenas relación no mundo literario, o illamento e a marxinalidade que caracterizou en moitas ocasións o labor creativo das mulleres condicionou a recepción da súa obra, mesmo chegou a suscitar nalgún momento dúbidas sobre a súa existencia e a autoría dos poemas.Véxase o limiar, de Darío Xohán Cabana, en (2007). Dicionario María Mariño
27 anos despois, en 1990, e 23 logo do falecemento, os poetas Uxío Novoneyra e Antón Avilés de Taramancos promoveron unha edición dos seus últimos poemas. O volume, titulado Verba que comenza, rematado pola poeta en marzo de 1967, dous meses antes de morrer, foi publicado polo concello de Noia, cun estudo de Carmen Blanco García. A súa poética é radicalmente intimista, cunha linguaxe rupturista.
Escribiu, amais, dous textos narrativos en castelán: Los años pobres. Memoria de guerra y posguerra, obra desaparecida, coñecida só pola mención feita por Novoneyra, e Más allá del tiempo, de 1965, desaparecida durante máis de cuarenta anos, atopada e publicada en 2007 por Alvarellos Editora, editada por Helena González Fernández.
Recoñecementos As homenaxes nas revistas Dorna e Carabela de Xiada, a realizada na vila de Noia en 1983, a da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a inclusión en antoloxías e as análises críticas da súa obra, contribuíron a situar no lugar que lle corresponde a obra desta poeta.
En plenario do 7 de xullo de 2006, os membros da Real Academia Galega decidiron dedicarlle o Día das Letras Galegas de 2007.
Foi homenaxeada no Día das Galegas nas Letras de 2024: a plataforma de crítica literaria A Sega nomeouna Señora das Letras 2024.
Listaxe da obra
Poesía (en galego) Palabra no tempo (1963, Ediciones Celta). Verba que comenza (1990, Concello de Noia).Imaxe da portada de Verba que comenza libro de homenaxe.
Narrativa (en castelán) Los años pobres. Memoria de guerra y posguerra (inédita). Más allá del tiempo (2007, Alvarellos Editora).
Compilacións Obra completa (1994, 2006, Xerais), edición de Victoria Sanjurjo Fernández. Antoloxía poética (2007, Galaxia), édición de Patricia Arias Chachero.Ficha de Antoloxía poética en Culturagalega.org. CCG
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Boletín da Real Academia Galega número 368. (2007) Inclúe: Carmen Blanco: "O misterio Mariño: unha poética de mar de fondo" . Manuel Fernández Rodríguez: "A combustión espontánea de María Mariño. Mística e palabra" . Arcadio López-Casanova: "Un diario da ultimidade (sobre dúas claves de Verba que comenza)" . María Lopo: "No bosque Mariño" . Chus Nogueira: "Darse en verba aberta. A palabra na obra poética de María Mariño" . Olga Novo: "Pía o paxaro da paz. O Courel de María Mariño". Ana Romaní: "Do lugar. Re-creación da mar calma de Noia na voz de María Mariño" . Darío Xohán Cabana: "María Mariño". Rosario Álvarez Blanco: "María Mariño. Noiesa do Courel, dinamiteira da fala" . Xosé Luís Méndez Ferrín: "Abismo y dinamita" .
Outros artigos Día das Letras Galegas Día das Galegas nas Letras Xeración do 36 Uxío Novoneyra Ligazóns externas Figuras homenaxeadas Real Academia Galega Letras Galegas 2007 Biblioteca Virtual Galega María Mariño na páxina da Asociación Socio-Pedagóxica Galega. "María Mariño. Homenaxeado/a ano 2007" galiciadigital.com
Categoría:Artigos destacados sobre Galicia