Pierre-Emerick Emiliano François Aubameyang, nado o 18 de xuño de 1989 en Laval, é un futbolista franco-gabonés que xoga como dianteiro no Deportivo da Coruña, da Primeira División. Anteriormente xogou en clubs de varios países europeos, destacando especialmente no Saint-Étienne, no Borussia Dortmund e no Arsenal, club este último do que foi capitán. É internacional dende 2009 coa , da que é o máximo goleador histórico con 40 tantos. Considerado o mellor futbolista gabonés de todos os tempos, é coñecido polo seu ritmo, capacidade de finalización e movementos sen balón. Aínda que habitualmente xoga como dianteiro centro, tamén ten xogado como extremo.

Autor de máis de 400 goles ao longo da súa carreira, é o máximo goleador da historia da Europa League, competición na que marcou 31 goles, e foi o máximo artilleiro tanto da Bundesliga como da Premier League, nas filas do Borussia Dortmund e o Arsenal respectivamente. É fillo do exfutbolista gabonés Pierre Aubameyang e irmán de Catilina e Willy Aubameyang, todos eles tamén internacionais coa selección de Gabón.

Traxectoria

Orixe e comezos Naceu no seo dunha familia moi vencellada ao fútbol. Seu pai é o futbolista gabonés Pierre Aubameyang, que xogaba como defensa e que foi internacional coa selección de Gabón nas décadas de 1980 e 1990. Súa nai é a española Margarita Crespo, nacida na localidade abulense de El Barraco, e que emigrou a Laval con cinco anos xunto á súa familia. Seus irmáns Catilina e Willy Aubameyang tamén son futbolistas profesionais.

Na época do seu nacemento na vila francesa de Laval, en 1989, seu pai xogaba como defensa nas filas do Stade Lavallois. Criouse en L'Huisserie e comezou a xogar ao fútbol na canteira do ASL L'Huisserie, antes de que os sucesivos cambios de equipo de seu pai, levasen á familia por varias cidades francesas. Deste xeito pasou tamén polas categorías inferiores do Nice, o Stade Lavallois e o Rouen. Durante a súa estancia en Le Havre tivo que deixar o Rouen por problemas administrativos e pasou ao Bastia.

Milan En 2007 ingresou no equipo xuvenil do Milan, co que asinou o seu primeiro contrato profesional en febreiro. Axiña comezou a destacar no conxunto Primavera e chamou a atención do mundo do fútbol en agosto dese mesmo ano, cando conquistou a Champions Youth Cup, proclamándose máximo goleador con sete tantos en seis partidos.

Cesión ao Dijon No verán de 2008 regresou a Francia para xogar cedido no Dijon, da Ligue 2, na primeira das catro cesións que encadearía nas seguintes tres tempadas. A súa única campaña en Côte-d'Or foi todo un éxito, formou dupla co uruguaio Sebastián Ribas e anotou 10 goles.

Cesión ao Lille Para a tempada 2009/10 foi cedido ao Lille, co que debutou na Ligue 1. Xogou un total de 22 encontros co equipo de Rudi Garcia, 10 deles como titular, e anotou dous goles (contra Monaco e Rennes), ademais de debutar na Europa League.

Cesión ao Monaco Na primeira metade da tempada 2010/11 xogou cedido no Monaco. Titular indiscutible ás ordes de Guy Lacombe, disputou 23 partidos, marcando dous goles e repartindo tres asistencias. Con todo, non era do gusto de Laurent Banide, que substituíu a Lacombe en xaneiro de 2011, polo que o club puxo fin á súa cesión no mercado invernal.

Cesión ao Saint-Étienne Trala súa saída do Monaco foi cedido ao Saint-Étienne, tamén da Ligue 1, onde tivo como adestrador a Christophe Gaultier. Despois de marcar dous goles en 14 partidos, a súa cesión foi ampliada.

Saint-Étienne En decembro de 2011 foi traspasado definitivamente ao Saint-Étienne, co que asinou ata 2016. Consolidado na titularidade, pechou a tempada 2011/12 como o cuarto máximo anotador da liga, con 16 tantos, so por detrás de Giroud, Nenê e Hazard. Sumou ademais 10 asistencias, un triplete ante o Lorient, así como dous goles na Copa da Liga.

Na campaña 2012/13 repetiu 10 asistencias e subiu a súa cifra goleadora ata as 19 dianas, rematando como o segundo máximo anotador da liga, só por detrás dos 30 do sueco Zlatan Ibrahimović. Proclamouse ademais campión da Copa da Liga, despois de vencer na final do Stade de France ao Rennes, asistindo a Brandão no único gol do partido.

Borussia Dortmund En xullo de 2013 foi traspasado por uns 13 millóns de euros ao Borussia Dortmund, que viña de ser finalista da Liga de Campións. Debutou co seu novo club diante do Bayern de Múnic na Supercopa, substituíndo no minuto 72 ao polaco Jakub Błaszczykowski e nos minutos finais deulle unha asistencia a Marco Reus para o cuarto e último gol do Dortmund, que conquistou o título por un resultado final de 4-2.

O 10 de agosto debutou na Bundesliga ante o Augsburg, converténdose no primeiro futbolista gabonés en xogar no campionato alemán. Marcou o seu primeiro gol no seu primeiro disparo e completou un triplete no seu partido de debut. Tres meses despois marcou o seu primeiro gol na Liga de Campións, nun encontro ante o Napoli no Westfalenstadion. Pechou a súa primeira campaña en Alemaña cun total de 16 goles e cos subcampionatos de liga e Copa.

Coa saída de Robert Lewandowski do Borussia no verán de 2014, Aubameyang converteuse no líder do ataque do equipo de Renania do Norte-Westfalia, por diante da nova fichaxe, Ciro Immobile. Comezou a tempada conquistando a Supercopa de Alemaña cunha vitoria por 2-0 sobre o Bayern, partido no que participou nos dous goles, asistindo a Henrikh Mkhitaryan no primeiro e marcando el mesmo o segundo. Celebrou o seu gol colocando unha máscara de Spider-Man, xesto que xa realizara nalgunha ocasión durante a súa carreira. A súa segunda tempada no Dortmund rematou cun total de 25 goles en 46 partidos, incluído un gol na final da Copa de Alemaña que o seu equipo perdeu por 3-1 ante o VfL Wolfsburg no Estadio Olímpico de Berlín. Foi o xogador máis destacado do equipo, que na liga só puido ser sétimo.

Na tempada 2015/16 converteuse no primeiro futbolista en marcar nas seis primeiras xornadas de liga, récord que prolongou ata os oito encontros. O equipo rematou a liga recuperando o segundo posto e con Aubameyang como o segundo máximo goleador con 25 dianas, só por detrás de Lewandowski. Sumou ademais 11 goles na Europa League e 3 na Copa de Alemaña, para un total de 39.

Na campaña 2016/17 elevou aínda máis as súas cifras goleadoras co equipo de Thomas Tuchel. Marcou nos tres primeiros partidos da Liga de Campións e anotou catro goles nun mesmo encontro de liga ante o Hamburgo, unha vitoria por 5-2 na que lle deu tamén a asistencia a Ousmane Dembélé para o quinto gol. En marzo anotou un triplete ante o Benfica no partido de volta dos oitavos de final da Liga de Campións. Acabou a tempada como o máximo goleador da Bundesliga, con 31 tantos, e sumou 7 máis na Liga de Campións, na que foi superado só por Cristiano Ronaldo, Messi e Lewandowski. Ademais proclamouse campión da Copa de Alemaña, marcando de penalti o gol da vitoria diante do Eintracht Frankfurt. O seu gran rendemento levouno a ser elixido Futbolista Africano do Ano en 2016.

Comezou a seguinte campaña nas filas do club alemán, anotando 21 goles nos primeiros 24 partidos, ata que no mercado invernal foi traspasado ao Arsenal por uns 63 millóns de euros, converténdose na fichaxe máis cara da historia do club inglés naquel momento.

Arsenal Debutou co club londiniense na Premier League o 3 de febreiro de 2018 ante o Everton no Emirates Stadium e marcou o cuarto gol na vitoria do seu equipo por 5-1, picando o balón por riba do gardameta Jordan Pickford. Pechou a súa primeira media campaña no Arsenal con 10 goles en 14 encontros e foi o autor do derradeiro gol da era de Arsène Wenger.

Na tempada 2018/19 mantivo os seus altos rexistros goleadores e sumou o seu primeiro triplete co Arsenal, nas semifinais da Europa League ante o Valencia, metendo o seu equipo nunha final que acabaría perdendo diante do Chelsea. Na liga, o Arsenal só puido ser quinto, pero Aubameyang acabou compartindo a Bota de Ouro da Premier League con Sadio Mané e Mohamed Salah, tras anotar os tres dianteiros 22 goles.

Comezou a tempada 2019/20 sendo elixido mellor xogador da liga do mes de setembro e ao mes seguinte Unai Emery nomeouno novo capitán do club, herdando o brazalete de Granit Xhaka. Despois da paréntese que provocou a pandemia de COVID-19 Aubameyang acadou os 50 goles na Premier League, converténdose no xogador do Arsenal máis rápido en logralo, precisando só de 79 partidos, e no sexto máis rápido da historia da competición só por detrás de Andy Cole, Alan Shearer, Ruud van Nistelrooy, Fernando Torres e Mohamed Sala. Pechou a liga coa mesma cifra de goles da tempada anterior, 22, un menos que o gañador da Bota de Ouro, Jamie Vardy.

O 18 de xullo de 2020 nas semifinais da FA Cup ante o Manchester City de Guardiola marcou os dous goles dos gunners (2-0), metendo o equipo na final. Nesta, Aubameyang volveu anotar dous goles, dándolle a vitoria ao seu equipo diante do Chelsea (2-1), e converteuse no primeiro xogador de orixe africana en levantar o trofeo como capitán. En agosto de 2020 volveu ser protagonista na Community Shield fronte ao Liverpool de Jürgen Klopp, marcando o único gol do seu equipo no tempo regulamentario, e posteriormente o lanzamento decisivo na quenda de penaltis, conquistando así un novo título. Dúas semanas despois asinou co club un novo contrato polos seguintes tres anos.

Marcou 15 goles en 39 partidos ao longo da tempada 2020/21, pero na seguinte campaña o adestrador Mikel Arteta afastouno do equipo por motivos disciplinarios e máis tarde retiroulle a capitanía. O 1 de febreiro de 2022 o club anunciou a súa saída por acordo mutuo.

Barcelona Un día despois da súa marcha do Arsenal anunciouse a súa fichaxe polo FC Barcelona, co que asinou ata 2025. Debutou ás ordes de Xavi na Primeira División esa mesma semana, nunha vitoria por 4-2 sobre o Atlético de Madrid no Camp Nou. Marcou os seus tres primeiros goles no fútbol español o 20 de febreiro, na vitoria por 1-4 sobre o Valencia en Mestalla, encontro no que foi o xogador máis destacado no campo. Un mes despois anotou dous goles na histórica goleada por 0-4 contra o Real Madrid no Santiago Bernabéu,

Participou na primeira xornada da tempada 2022/23 contra o Rayo Vallecano, pero a fichaxe do seu excompañeiro Robert Lewandowski, sumada aos problemas económicos do club presidido por Joan Laporta, fixeron que fose traspasado ao Chelsea por uns 12 millóns de euros. Poucos días antes da súa saída de Barcelona el e a súa familia foron asaltados a punta de pistola na súa casa por unha banda de atracadores que o golpearon e lle roubaron numerosas pertenzas. Deixou o Barcelona cun balance de 24 partidos, 13 goles e un gran recordo entre os seareiros do club.

Chelsea Debutou co Chelsea na primeira xornada da Liga de Campións 2023/24 ante o Dinamo Zagreb, un partido que rematou en derrota e que provocou a destitución do técnico Thomas Tuchel. Disputou o seu primeiro encontro na Premier co club londiniense o 1 de outubro ante o Crystal Palace, marcando un dos dous goles do seu equipo (1-2). Marcou dous goles en dous partidos da fase de grupos da Liga de Campións,. ambos ante un dos seus antigos equipos, o Milan, pero o adestrador Graham Potter deixouno fóra das convocatorias do equipo para as roldas eliminatorias. Disputou un total de 21 partidos cos blues, con tres goles e unha asistencia.

Olympique de Marsella (1ª etapa) En xullo de 2023 deixou o Chelsea e fichou por tres anos polo Olympique de Marsella, regresando así á Ligue 1 dez anos despois. Disputou a terceira rolda de clasificación para a Liga de Campións, marcando dous goles ante o Panathinaikos, pero o equipo francés acabou eliminado na quenda de penaltis En decembro anotou catro goles e repartiu catro asistencias en cinco partidos, sendo elixido mellor xogador do mes. O 22 de febreiro de 2024, durante un partido ante o Shakhtar Donetsk, Aubameyang converteuse no máximo goleador da historia da Europa League, con 31 goles, superando os 30 do colombiano Radamel Falcao.