João Nepomuceno Baltazar de Lima, nado en Maputo (Mozambique) o 8 de xullo de 1965, é un cantautor portugués, máis coñecido como João Afonso.
Traxectoria Viviu en Maputo coa súa familia até o seu traslado en 1978 a Portugal. Recolle as influencias da música urbana africana do seu país de orixe e a tradición portuguesa do seu tío o cantante portugués Zeca Afonso. Participa nos actos de homenaxe a este último que se organizan a finais da década de 1980 e no ano 2012.
En decembro de 1994 integra o proxecto Maio maduro maio xunto a José Mário Branco e Amélia Muge. Gravado en dobre compacto en 1995, preséntase en diversas capitais internacionais, incluída Lisboa. Colabora nos discos Janelas verdes e Acústico de Júlio Pereira e en Lua extravagante, do grupo homónimo.
En 1996 canta en España, xunto a Luis Pastor, temas propios e de Zeca Afonso; ocasionalmente úneselles Pedro Guerra, que por entón era unha nova promesa da canción nacional. En maio de 1997 publica en Portugal Missangas, o seu primeiro disco en solitario, que se reedita despois en Francia (Polygram) e España (Resistencia). Na Exposición Internacional de 1998 en Lisboa participa na gravación do espectáculo Voz e guitarra e ofrece concertos propios.
En 1998 ofrece dous temas do romanceiro histórico ao disco colectivo Novas vos trago, compón música para o poema Paz de Santiago de José Saramago, que grava Luís Pastor no seu álbum Por el mar de mi mano, e grava co grupo canario Mestisay o tema Na machamba, cuxa versión orixinal se incluía na súa obra Missangas. En 1999 canta o tema Aquí em baixo (Azul) no disco da cantante galega Uxía.
En 1999 publica Barco voador, o seu segundo disco en solitario, onde recolle a súa experiencia como viaxeiro por diversos continentes. A discográfica Universal edítao en España. En 2002 edita o seu disco Zanzibar, con catorce temas —a maioría da súa autoría— con xogos instrumentais e vocais. En 2006, Outra vida, confírmao como un dos mellores intérpretes e creadores da súa xeración en Portugal. En 2014 edita Sangue bom, con composicións propias sobre poemas de Mia Couto e de José Eduardo Agualusa.
Participou nos festivais galegos Cantos na Maré, Festas do Apóstolo e Festigal, entre outros.
Discografía
Maio maduro maio, con José Mário Branco e Amélia Muge (1995) Missangas (1997) Barco voador (1999) Zanzibar (2002) A arte e a música, recompilatorio (2004) Outra vida (2006) Um redondo vocábulo, con João Lucas (2010) Sangue bom (2014)
Obras colectivas
Voz e guitarra (1997) Encontros: Canções de João Lóio (1997) Novas vos trago (1998) Cantigas de amigo (1999) O cancioneiro do Niassa, canções proibidas (1999) Canções de embalar (2001)
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Canle de João Afonso en YouTube
Categoría:Músicos de Portugal Categoría:Nados en 1967 Categoría:Nados en Maputo