Esgos é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca de Ourense e á Ribeira Sacra. Segundo o Padrón municipal, en 2017 tiña 1.154 habitantes (1.318 en 2003).

Poboación

Censo total 1.154 (2017) Menores de 15 anos 86 (7,45 %) Entre 15 e 64 anos 617 (53.47 %) Maiores de 65 anos 451 (39.08 %)

Xeografía O concello de Esgos está situado ao norte da provincia de Ourense. Limita ao norte con Nogueira de Ramuín, ao sur con Paderne de Allariz e Maceda, ao leste con Xunqueira de Espadanedo e ao oeste co Pereiro de Aguiar. Ten 37,8 km² de superficie, e abrangue 7 parroquias.

Cara ao noroeste esténdense a Cabeza, con picos de 1147 e 1128 metros no límite con Nogueira de Ramuín. Cara ao leste está a serra dos Chairos (793 m) e os montes de Rocas, co Outeiro de Arcos (893 m) O Castelo (721 m) ou O Barbeirón, onde se asenta o mosteiro de Rocas. No pico do Birbiza (790 m) está o límite cos concellos de Paderne de Allariz e Maceda. No sueste está o alto do Couso (710 m).

O curso fluvial máis importante é o río Loña, afluente do río Miño en Ourense. Á súa vez, dous afluentes do Loña son o regato do Porto -que atravesa Lobaces e Gomariz- e O Grañal. O regato de Pazos que cruza a aldea de Esgos.

Historia O topónimo vén dado polo rego de Esgos, citado na documentación de San Pedro de Rocas en 1007 e 1175 como rivulo Alesgos e en 1227 como Aesgus.

Durante a idade media esta zona estivo vinculada ao mosteiro de San Pedro de Rocas. Coa fin do antigo réxime e a constitución dos concellos estableceuse a capitalidade na aldea de Esgos, lugar de paso na estrada real cara a Ponferrada, actual OU-536.

Oficios tradicionais desta zona son os de albardeiro, cordeleiro, sogueiro, afiador ou oleiro.

No lugar do Regueiro, da parroquia de Santa Olaia, naceu en 1809 Manuel Blanco Romasanta, coñecido como o lobishome de Allariz.

Patrimonio Entre o patrimonio do concello destaca o mosteiro de San Pedro de Rocas, recoñecido en 1923 como Ben de Interese Cultural.

Galería de imaxes

Parroquias

Lugares de Esgos Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Esgos vexa: Lugares de Esgos.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Eleccións municipais en Esgos

Categoría:Esgos