Cimadevila é un lugar da parroquia de Castrofeito, no concello coruñés do Pino, na comarca de Arzúa. Segundo o IGE, en 2019 tiña 34 habitantes (15 homes e 19 mulleres).
Xeografía
Este casarío algo disperso encóntrase dividido entre as parroquias de Castrofeito e de Pereira, aínda que o IGE contabiliza a súa propia poboación para esta última parroquia. A división entre unha e outra parroquia ven determinada pola ladeira do monte da Barreira na que se atopa, unha na bacía do río Brandelos (Pereira) e outra na bacía do rego do Amenal (Castrofeito). Trátase dunha zona rural orientada ao leste cara á plataforma do aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro, polo que xusto neste lugar dá comezo unha acusada pendente, e tamén ao carón da N-547, poucos metros despois de ter pasado O Amenal. Como o Camiño Francés a Santiago pasa por esta pequena poboación xusto antes e durante a devandita suba ao aeroporto, tense desenvolvido unha pequena infraestrutura hostaleira neste lugar, especialmente xunto á estrada nacional.
O monte da Barreira de Arriba (que acada os 376 m de altitude), no que as dúas Cimadevilas se estriban na súa cara leste, non só serve de soporte a unha parte fundamental da pista de aterraxe do aeroporto, senón tamén á malograda infraestrutura do Polígono Industrial do Pino, que se ve atravesada polo Camiño tralo seu paso por Cimadevila.
Galería de imaxes
Lugares e parroquias Lugares de Castrofeito
Parroquias do Pino
Notas
Categoría:Lugares do Pino Categoría:Lugares divididos entre dúas parroquias