Blade Runner é un filme de ciencia ficción, cyberpunk e cinema negro de 1982 dirixido por Ridley Scott e protagonizado por Harrison Ford, Rutger Hauer, Sean Young, Edward James Olmos e Daryl Hannah. O guión, escrito por Hampton Fancher e David Peoples, foi unha adaptación libre da novela de 1968 Soñan os androides con ovellas eléctricas? de Philip K. Dick. Estreouse en galego na TVG o 30 de maio de 2010. O director de dobraxe foi Tacho González.

O filme ten lugar nun Os Ánxeles distópico no que a empresa Tyrrell Corporation fabrica uns androides denominados replicantes, visualmente indistinguibles dos humanos adultos. O uso destes replicantes na Terra está prohibido e empréganse soamente para traballos perigosos ou de pouca importancia nas colonias espaciais. Uns axentes especiais de policía coñecidos como "Blade Runners" encárganse de perseguir e matar ("retirar") a aqueles replicantes que desafían a prohibición e retornan á Terra. O argumento céntrase nun grupo de replicantes que acaba de escapar agochándose na cidade dos Ánxeles e no queimado Blade Runner experto Rick Deckard, quen a desgana acepta o traballo para cazalos.

Blade Runner recibiu críticas divididas da crítica trala súa estrea. Algúns críticos queixáronse do ritmo do filme, mentres que outros eloxiaron a súa complexidade temática. Ó ano seguinte da súa estrea, o filme gañou o Premio Hugo á Mellor Presentación Dramática. Nos cinemas norteamericanos non conseguiu unha boa recadación, pero dende entón pasou a estar considerado un filme de culto. Eloxiada polo seu deseño de produción, representando un futuro postapocalíptico e "retromodernizado", considérase un dos mellores exemplos do xénero neo-noir. Grazas a este filme a obra de Philip K. Dick recibiu unha maior atención de Hollywood, dando paso a varios filmes posteriores baseados nas súas obras literarias. Ridley Scott chegou a afirmar que Blade Runner era probablemente o seu filme máis completo e persoal. A Biblioteca do Congreso seleccionouno en 1993 para a súa conservación no National Film Registry dos Estados Unidos por ser "culturalmente, historicamente ou esteticamente significativo", e gran parte da crítica moderna considérao un dos mellores filmes de ciencia ficción de tódolos tempos.

Emitíronse sete versións distintas do filme para varios mercados como resultado de varios cambios controvertidos por parte dos executivos do filme. En 1992 publicouse unha versión do director (Director's Cut) tras unha grande acollida da proxección dun workprint do filme. Grazas a isto e á súa popularidade no alugueiro de vídeo axudou a súa venda como un dos primeiros filmes publicados en DVD, nun disco básico cunha imaxe e calidade de son considerados mediocres. En 2007 Warner Bros. publicou a versión The Final Cut, unha versión remasterizada dixitalmente co gallo do seu 25º aniversario, sendo esta a única na que Scott tivo unha liberdade artística completa. Esta versión final proxectouse en varios cinemas seleccionados e publicouse posteriormente en DVD, HD DVD e Blu-ray.

Sinopse

Na cidade dos Ánxeles, en novembro de 2019, o oficial da policía Gaff (Edward James Olmos) procura o expolicía Rick Deckard (Harrison Ford) e lévao ata a oficina do seu anterior supervisor, Bryant (M. Emmet Walsh). Deckard é un antigo "Blade Runner", adicado a perseguir a uns androides creados mediante bioenxeñaría coñecidos como "replicantes" e "retiralos" (un eufemismo de "matar"). Bryant infórmalle da chegada de catro destes replicantes á Terra de forma ilegal. Os replicantes son un modelo Nexus-6 pertencentes á empresa Tyrell Corporation, e só teñen unha esperanza de vida de catro anos, polo que o seu propósito podería ser tentar estender o seu tempo de vida.

Deckard revisa un vídeo doutro Blade Runner chamado Holden (Morgan Paull) realizando a proba "Voight-Kampff" cun suxeito. Esta proba está deseñada para distinguir ós replicantes dos humanos baseándose nas súa resposta emocional a varias preguntas. O suxeito, Leon Kowalski (Brion James), dispara a Holden cando este lle fai unha pregunta sobre a súa nai. Bryant quere que Deckard retire a Leon e ós outros tres replicantes: Roy Batty (Rutger Hauer), Zhora Salome (Joanna Cassidy) e Pris Stratton (Daryl Hannah). Deckard rexeita o traballo nun primeiro instante, pero acaba por aceptalo tras unha ambigua ameaza de Bryant.

Deckard comeza a súa investigación na sede da Tyrell Corporation para asegurar que a proba funciona cos modelos Nexus-6. Tras unha entrevista co presidente da compañía, Eldon Tyrell (Joe Turkel), leva a cabo a proba coa asistente deste, Rachael (Sean Young), e descobre que é unha replicante experimental que cre ser humana, con recordos implantados que lle permiten contar cunha base emocional, polo que a proba resulta insuficiente para determinar se é realmente unha replicante.

Mentres tanto Roy e Leon investigan un laboratorio que fabrica ollos para replicantes procurando achegarse a Tyrell. Alí obrigan pola forza o científico Chew (James Hong) a darlles información sobre J.F. Sebastian (William Sanderson), un deseñador xenético achegado a Tyrell. Posteriormente Rachael visita a Deckard no seu apartamento para probarlle a súa humanidade mostrándolle unha fotografía familiar, pero cando Deckard lle di que os seus recordos foron implantados usando os da sobriña de Tyrell, Rachael marcha do apartamento chorando. Noutro lugar da cidade, Pris localiza a Sebastian e comeza a manipulalo psicoloxicamente para gañarse a súa confianza.

Deckard achégase ata o cuarto de hotel de Leon, e mentres investiga o lugar atopa unha fotografía de Zhora e unha escama de serpe sintética que o dirixe ata un club de striptease onde ela traballa. Comeza unha pelexa con Zhora, que trata de escapar ata que Deckard consegue finalmente "retirala". Tralo tiroteo, Gaff e Bryant aparecen e informan a Deckard que debe "retirar" tamén a Rachael, que se atopa desaparecida da Tyrell Corporation. Deckard localiza a Rachael no medio dun tumulto de xente, pero Leon interponse no seu camiño e atácao. Rachael mata a Leon usando a pistola de Deckard, que se lle cae durante a pelexa, e ámbolos dous volven ó apartamento de Deckard. Alí manteñen unha conversa íntima, na que el lle promete que non vai perseguila. Cando Rachael tenta marchar de forma abrupta, Deckard agárraa e bícaa.

Roy chega ó apartamento de Sebastian e dille a Pris que Leon e Zhora están mortos. Simpatizando coa súa situación, Sebastian revélalles que a el tamén lle queda pouco tempo de vida, por mor da "síndrome de Metuxalén", unha desorde xenética de envellecemento prematuro. Posteriormente Sebastian e Roy conseguen entrar no ático privado de Tyrell. Roy pídelle que lle de máis tempo de vida, pero Tyrell indícalle que iso é imposible. Roy confésalle que fixo "cousas cuestionables", ó que Tyrell non dá importancia, eloxiando o seu avanzado deseño e o que leva conseguido facer na súa curta vida. Roy bica a Tyrell, e despois mátao. Tras isto Sebastian escapa polo ascensor, seguido de Roy. Sen amosarse de forma explícita, unha mensaxe de radio de Bryant implica que Roy tamén mata a Sebastian.

Deckard chega ó apartamento de Sebastian, onde recibe unha emboscada de Pris, a quen mata xusto cando Roy chega ó apartamento. Roy comeza a morrer e persegue a Deckard polo edificio, rematando ámbolos dous no tellado. Deckard tenta saltar ata un tellado doutro edificio lindeiro, pero non consegue aterrar ben e queda colgado dun saínte do tellado. Roy salta con facilidade, e cando Deckard está a piques de caer ó chan agárrao e súbeo ata o tellado, salvándolle a vida. Mentres o tempo de vida de Roy remata, conta nun monólogo como os seus recordos "vanse perder como lágrimas na chuvia". Roy falece diante de Deckard, quen observa a escena en silencio. Tras isto Gaff aparece e dille a Deckard: "Mágoa que ela non vaia a vivir, mais así a todo, quen vive?" Deckard volve ó seu apartamento e decátase de que a porta está forzada. Rachael está dentro sa e salva, durmindo. Mentres os dous escapan xuntos de alí, Deckard divisa un pequeno origami dun unicornio, deixado alí por Gaff.

Temática Malia considerarse principalmente un filme de acción, Blade Runner opera en múltiples niveis narrativos e dramáticos. Presenta varias convencións típicas do cinema negro: Unha femme fatale, a narración en voz en off do protagonista (eliminada en versións posteriores), unha cinematografía escura e sombría, e unha perspectiva moralmente cuestionable do heroe protagonista, incluíndo reflexións sobre a natureza da súa propia humanidade. En En Considérase un filme culto de ciencia ficción, abrazando tematicamente a filosofía da relixión e as implicacións morais do dominio da enxeñaría xenética nun contexto de hybris e drama grego clásico. Tamén fai uso de imaxes bíblicas, como por exemplo o Diluvio de Noé, En así como de fontes literarias como Frankenstein. En Lingüisticamente, a temática da mortalidade preséntase de forma sutil na partida de xadrez entre Roy e Tyrell.

miniatura|esquerda|Ridley Scott no 2012 O filme afonda nas implicacións da tecnoloxía no medio ambiente e na sociedade evocando o pasado, usando recursos literarios, simboloxía relixiosa, temas dramáticos clásicos e recursos do cinema negro. A ambientación preséntase en forma dun futuro postapocalíptico e "retromodernizado", con alta tecnoloxía e relucente nalgúns lugares pero vello e en decadencia noutros. Nunha entrevista de Lynn Barber para o xornal The Observer no 2002, Ridley Scott describiu o filme como "extremadamente escuro, tanto literal como metaforicamente, cun sentir estrañamente masoquista".

Unha aura de paranoia cobre o filme, que presenta elementos como o poder ameazante das grandes empresas, unha aparente omnipresenza da policía, luces de emerxencia e vehículos que investigan nos edificios, e as consecuencias do gran poder biomédico sobre o individuo, especialmente as consecuencias dos recordos implantados para os replicantes. O control sobre o medio ambiente represéntase a grande escala da man da ausencia de calquera tipo de vida natural, con animais artificiais substituíndo os seus predecesores xa extintos. Este fondo opresivo serve para explicar as frecuentes referencias no filme á migración dos humanos cara ás colonias extraterrestres. As temáticas distópicas de Blade Runner son un temperán exemplo da aparición de conceptos cyberpunk no cinema. Os ollos tamén son un motivo recorrente no filme ó igual que a manipulación de imaxes, cuestionando a realidade e a capacidade humana de percibila e recordala con exactitude.

Os diversos elementos temáticos do filme fornecen unha atmosfera de incerteza para o tema central da análise da identidade humana. Para descubrir os replicantes emprégase un test de empatía, con varias preguntas centradas no tratamento dos animais como indicador aparente da humanidade dunha persoa. Os replicantes amosan unha compaixón e preocupación por outros que se xustapón coa personalidade humana carente de empatía mentres que a masa da humanidade é fría e impersoal. O filme chega a poñer en dúbida a propia humanidade de Deckard, forzando a audiencia a avaliar o significado de ser un humano.