A fulgurita (do latín fulgur, 'lóstrego') é unha rocha metamórfica en forma de tubo composta por lechatelierita (sílice vitrificado) que se pode atopar en areas, arenitas ou materias semellentes. A súa formación débese á caída de raios atmosféricos.
A caída do raio sobre un terreo areoso provoca a fusión dos grans de sílice, xa que a temperatura deste pode chegar aos 4.000 °C, até unha profundidade de máis dun metro, mais nunha zona moi estreita. O sílice queda así vitrificado en forma de tubos de raio, de 2 a 50 mm de diámetro, ás veces retortos ou ramificados. Por isto, as fulguritas adoitan atoparse nos desertos de area e nas dunas litorais.
Poden ser de diferentes cores dependendo da composición da area onde se formaron, incluíndo negro, bronce, verde e branco translúcido. O interior da fulgurita é comunmente liso ou con liñas de pequenas burbullas. O exterior está xeralmente cuberto de partículas rugosas de area. Teñen aparencia rizomorfa e normalmente presentan pequenos buracos. Tamén algunhas veces as fulguritas forman conxuntos vítreos en rochas sólidas.
A formación de fulguritas é un fenómeno pouco frecuente, e extraer unha íntegra é complicado por causa da súa fraxilidade, crebándose facilmente. Posiblemente o exemplar mellor conservado atópase na Academy of Natural Sciences de Filadelfia, descuberto en 1940.
Véxase tamén
Pedra do raio
Ligazóns externas Imaxe dunha fulgurita encontrada en Arizona Petrified Lightning, por Peter E. Viemeister (pdf, en inglés)
Categoría:Xeoquímica Categoría:Mineraloxía Categoría:Rochas metamórficas