Baleira é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca da Fonsagrada. Segundo o IGE no 2015 tiña 1380 habitantes (1584 no 2009, 1684 no 2006, 1729 no 2005, 1778 no 2004, 1800 no 2003). O xentilicio é . Xeografía A comarca da Fonsagrada encrávase nas Serras Orientais galegas, integrada por un relevo moi accidentado e montañoso. A sucesión de montañas que conforma toda a comarca serve de fronteira natural entre Asturias e a meseta lucense. Limita coas serras de Cuias e de Uría no leste, no oeste coas do Miradoiro, Vaqueiriza e Puñago, e polo sur coas de Foncuberta e Llouxas. Estas serras, xunto coas de Lastra, Follabal e Invernal, situadas na parte central da comarca, conforman as cabeceiras dos principais colectores hidrográficos: os ríos Neira, Eo e Navia. As elevacións máis importantes encóntranse na serra do Pozo, con altitudes máximas no alto do Padornelo (958 m), Penas de Pasadama (1049 m) e o Monte Panda (833 m). Na serra da Lastra a altitude media é de 736 m, destacando os montes de Candón (923 m), O Chao (790 m), Candán (849 m) e Cordeira (858 m).
Outros cumios de importancia son o monte Lagúa (942 m), Bieira (1001 m), A Matanza (815 m), O Ramallo (913 m), Mermella (904 m), O Pradoiro (1029 m), Pena Corista (1000 m), Pozo da Lagoa (1000 m), Penas de Outeiro (823 m) e os montes Zarra e Teixeiro (758 m).
Hidroloxía Ademais dos tres ríos principais, Navia, Eo e Neira, outros afluentes destes son o Córneas, Muíños, Fonte das Veigas, Trabeiro, Candal, Castiñeira, Veiga, Liñeira, Os Mosqueiros, Rego de Martín, río Pousada, río Vilares e río Cabana.
Climatoloxía Toda a comarca, por ser unha zona interior de montaña de elevadas altitudes e relativamente afastada do mar, o que non permite un grande influxo oceánico, determina un clima de montaña, de temperaturas extremas, con invernos fríos e veráns curtos e moderados. Tamén hai numerosos factores locais que posibilitan a existencia de microclimas máis benignos, sobre todo nas zonas de escasa altitude ou nos pequenos vales ben orientados. Os microclimas ocasionan gran diversidade de biótopos que incrementan o valor ecolóxico da zona.
As precipitacións aproxímanse aos 1.754 mm. Dentro dun ano a media de días de choiva e de 120 a 130 días. As temperaturas oscilan entre 8 °C e 10 °C, chegando incluso aos 14 °C.
Vexetación Hai variedades de interese excepcional, tanto polos endemismos coma polas comunidades vexetais existentes. Nas diferentes altitudes distribúense carballos, meloxos, bidueiros, teixos, faias, abrairas, abruñeiros e xardóns, que posibilitan a supervivencia invernal das especies animais, ás que lles ofrecen alimento e refuxio. A matogueira, formada por uces, xestas, carqueixas, piornos e carpazas, ocupa unha ampla superficie das serras, protexendo o chan das ladeiras e cumios da erosión. Na parte setentrional do municipio encóntrase o bosque da Marronda, espazo natural protexido pola súa riqueza forestal e ecolóxica.
Demografía Censo total 1380 (2015) Menores de 15 anos 72 (5,22 %) Entre 15 e 64 anos 773 (56,01 %) Maiores de 65 anos 535 (38,76 %)
Evolución da poboación de Baleira entre 1860 e 2012 - 1860 1900 1930 1940 1950 1960 1981 1991 1995 2001 2002 2003 2004 2012 5423 4768 4667 5401 4703 4202 2610 2024 2130 1888 1845 1800 1778 1448 Fontes: INE e IGE (Os criterios de rexistro censal variaron entre 1860 e 2012, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)
Historia Da época en que Galiza estaba cuberta por un mar pouco profundo, hai millóns de anos no período Ordovícico, nalgún substrato presente no concello de Baleira aparece Cruziana, rastros de animais mariños como trilobites. thumb|Rastro de fósil nunha rocha en Baleira.
Nos traballos arqueolóxicos realizados na Cova dos Mouros, detectouse evidencias de ocupación humana no Neolítico.
No Campo da Matanza hai varias medorras que están catalogadas no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Baleira. Pero non é o único lugar identificado con sepulcros prehistóricos da época megalítica, pois nos cumes dos montes da Cruz da Nena, A Panda, Restelo ou do Val Pedroso existen máis.
Os primeiros vestixios arqueolóxicos datan da cultura castrexa. Hai uns catorce castros, entre eles: o castro de Albaredo, castro de Antiguallas, castro de Cubilledo, castro da Degolada, castro do Tesouro, castro da Pereira, castro de Quintá, castro de Valdería, castro de Vilar e castro de Vilar dos Adrios.
Durante a dominación romana, estes explotaron varios recursos na zona como a mina de ouro no monte de Vilagarcía, que tamén consta recollida no PXOM.
No Parochiale suevorum do reino suevo galego, Baleira estaba adscrita á diocese de Lugo.
Arredor do ano 813, reinando Afonso II o Casto, librouse unha batalla cos mouros nas proximidades de Esperela, no lugar do Campo da Matanza. Segundo a lenda, onde chegou o sangue costa abaixo, edificouse unha igrexa. Neste último lugar descubríronse a principios de século varias sepulturas con restos humanos e anacos de armaduras e esporas. Recordando este feito existía na fachada do concello un escudo que representaba a un soldado cristián atacando uns árabes.
Nunha doazón de terreos no lugar da Muíña (escrito Mullina) contra o ano 1234 aparece Valeira con uve (Valeyram), o que pode indicar que o nome do concello derivaría de val.
Outro escrito do 23 de febreiro de 1466 sinala que a freguesía de Librán no vale da Valeyra é posesión de Pedro Bolaño, o xenro rebelde de Pardo de Cela.
Hai máis documentos de séculos posteriores que escriben o nome co uve (Valleyra, Valeyra). Por exemplo no tombo do mosteiro de Montecubeiro de 1566 aparece Valeira, ou no mapa gravado en placa de cobre do Regno di Galicia editado en Roma no ano 1696 por Domenico de Rossi, gravan o Val de Vayera.
En 1809 arrasaron o municipio os exércitos napoleónicos mandados por Soult, que perseguían ao xeneral británico, o escocés sir John Moore. Incendiaron A Fontaneira, pero os veciños de Baleira, dirixidos por Xosé María Páramo e Montenegro xunto cos veciños de Neira de Xusá e Castroverde, fixéronlles fronte. O exército francés foi perseguido sen cuartel polos termos do municipio e seguindo unha liña paralela con algunhas poboacións como Puñago, Pradeda e o Cádavo, pola cima da Serra da Vaqueiriza, deixando trazada unha pequena corredoira no camiño que, tempo despois coñeceríase como camiño francés e que, coincide co de peregrinación a Santiago dende A Fonsagrada (outro nome que tamén se lle dá e o de Camiño Primitivo).
Un dos xefes das alarmas foi Gonzalo Manuel Osorio. Nalgunhas parroquias do concello como na da Braña, por onde pasou o xeneral François Fournier-Sarlovèze o 8 de marzo de 1809 con máis de 2000 efectivos, non houbo mortes. Puido haber afrancesados e outros que simplemente non querían loitar para seguir con vida. Poren, entre A Lastra e A Fontaneira houbo enfrontamentos entre os exércitos causando o falecemento tamén de civís. thumb|Fournier pasa pola Braña.
Os veciños da parroquia de Cubilledo no outono de 1809 quéixanse antes os tribunais, de ter que soportar ás tropas españolas, as cales segundo eles deixaron moito sufrimento e a parroquia pobre e aniquilada por obrigalos a darlles racións de pan e carne, aloxamentos e outros utensilios. E encima alegan eles que lles fan contribuír á capital de Lugo con pagamentos e tributos sen ningunha rebaixa nin satisfacción algunha.
thumb|Poder do 1809 para reclamar a veciñanza de Cubilledo por soportar tropas. A finais do 1812 os veciños dos coutos de Vilaselle, Fonteo, A Fontaneira e Córneas, dan poder a un representante para que os defenda antes os tribunais da imposición de obriga de dar servizo o cuartel militar de Ferreiros, gravame que aseguran, nunca tiveron. Ademais quéixanse do sufrimento continuo de dar servizo de bagaxes, aloxamentos e racións a soldados que transitan de Lugo a Asturias ou da zona de Mondoñedo a Castela.
Durante a Idade Media e o antigo Réxime as parroquias repartíanse entre as xurisdicións de Baleira, Castroverde, Neira de Rei e Pena Maior, sen contar o couto de Córneas. O concello de Baleira formouse en 1813.
Na época das faccións carlistas, estes efecturaron algunhas accións en diversos lugares do concello, como a realizada na terceira guerra carlista, onde unha partida de doce homes armados queimou os libros e papeis do rexistro civil de Baleira, na tarde do 5 de abril de 1873.
Baleira como o resto do territorio galego sufriu ao longo do tempo a extorsión militar, e os arquivos dan proba entre outras cousas da esixencia de homes para a guerra pero tamén da enorme rebeldía e insubmisión dos galegos, que non deixaron de opoñerse a esa opresión por diferentes medios. Como exemplo do trauma militarista ou antimilitarista, segundo se prefira, o 19 de maio de 1909, cando o estado español invadía Marrocos, o concello de Baleira declarou prófugos a 10 veciños.
Os resultados do plebiscito do 28 de xuño de 1936 para o proxecto de Estatuto Galego foron 2.322 votos si, 25 non e 0 en branco.
Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 o fascismo tamén levou o terror ao concello, provocando varias mortes, violacións, traballos forzados, roubos, etc.
No 1957 o Estado decretou a ocupación de varios montes de Baleira para repoboalos: A Cruz da Nena, A Vacariza, Serra do Pozo, Penas, Monteiro, Fontoira e Restelo. O ministerio alegaba que eran montes improductivos, pero a realidade é que neles pastaban centos de cabezas de gando e sementábanse diferentes variedades de cereais. Esta expropiación forzosa provocou a emigración de parte da poboación baleiresa debido a que lles privaron do uso de centos de hectáreas para o seu sustento, tal e como contan varias testemuñas directas das parroquias afectadas.
Logo da ditadura, a veciñanza de Baleira elixiu nas eleccións municipais do 1979 a once representantes na corporación municipal, pero debido á baixada de poboación, dende o 2003 son nove.
A comezos do século XXI, empresas de fóra empezaron a aproveitar os recursos eólicos dalgúns montes mediante a instalación de aeroxeradores.
Tamén se iniciaron diversas concentracións parcelarias. Entre o 2005 e o 2007 tramitouse a firmeza das Bases Definitivas nas parroquias da Braña, A Esperela, Fonteo, Librán e Pousada.
Sociedade e economía miniatura|Lugar de Millares na parroquia da Braña. O concello mantivo a súa poboación relativamente estable entre 1860 e 1950; pero na década de 1960 comezou a declinar a poboación, acentuándose este descenso nos últimos tempos (ver cadro). É unha das zonas da provincia que máis emigración tivo, presentando hoxe en día unha densidade de poboación moi baixa (9,5 habitantes/km²). A adversidade climática, unha estrutura da terra moi fragmentada, a falla de axudas e a aspiración a mellorar o nivel de vida adverso, foron as causas principais que motivaron o desprazamento rural.
Baleira posúe unha economía de carácter rural, baseada no sector primario, onde a principal actividade é a gandeira e a forestal. A respecto da agricultura, pódese falar dunha economía de autoconsumo, con pouco espazo cultivado e na súa maior parte dedicado a horta, patacas ou millo para o gando, coa excepción dalgúns viñedos que se cultivan aproveitando os microclimas máis quentes da rexión. Nos vales do Eo e do Neira, as explotacións están dedicadas na súa maior parte á produción de carne, o que fai que abunden as pradarías e os pasteiros. O sector gandeiro é a base económica do municipio, ocupando o 73,9 % da poboación activa. Caracterízase por un claro predominio das explotacións de gando bovino. Sobre todo das razas rubia galega e asturiana dos vales, de aproveitamento cárnico; aproximadamente o 5,8 % son explotacións de produción láctea de pequeno tamaño, entre 8 e 10 cabezas. O gando porcino e ovino completan a explotación gandeira, que case sempre esta ao servizo do autoconsumo.
miniatura|Escudo na antiga casa do concello.