O castelán andino (tamén coñecido na Arxentina como norteño, en Colombia como pastuso e no Perú e Ecuador como español serrano) é unha variedade do castelán falado nos Andes centrais, dende o suroccidente de Colombia pasando pola rexión andina de Ecuador, o Perú, o occidente de Bolivia, até o noroeste da Arxentina e a puna de Chile. Ten influencias do castelán clásico, que é máis evidente nas cidades, mentres que nas áreas rurais e parte das cidades, existe influencia do quechua, do aimará e doutras linguas orixinarias.
Caracteríticas fonolóxicas
Como en todas as variantes do castelán de América existe seseo polo que palabras como: cocer e coser soan igual. Porén, nalgunhas áreas illadas dos Andes do Perú pronúnciase o son interdental /θ/ nalgunhas palabras, sobre todo nalgúns números, como doce, trece. No castelán andino nunca se aspira o /s/ en ningunha posición, con excepción de gran parte do noroeste arxentino e do norte de Chile; ademais o /s/ pronúnciase ás veces como apical en lugar de laminal no Altiplano do Perú e Bolivia, por contacto entre os dialectos setentrionais do castelán de España e o quechua clásico. Na variante ecuatoriana, a fricativa alveolar xorda ao fin de sílaba convértese en sonora /z/ se a seguinte consoante é tamén sonora, ou se a palabra que segue comeza por vogal, o que converte a este acento no único que aínda non completou o reaxuste das silabantes do castelán. Este feito nótase aínda máis na variante falada na cidade de Cuenca, onde o fonema /z/ se mantén incluso entre os prefixos que acaban en /s/ e sufixos que comezan por vogal, como é o caso de palabras como "bisabuelo" e "desayuno". Na variante peruana palatiza ante /i/. O /n/ final é velar na maioría de Bolivia, e en todo o Ecuador e o Perú mentres que na Arxentina, Chile e Colombia é alveolar. Na área occidental de Bolivia, nos extremos occidentais do noroeste arxentino, nalgunhas cidades de Colombia, Ecuador e o Perú como Pasto, Tulcán, Cuenca, Loja, Cajamarca e Arequipa distínguese "ll" [ʎ] con "y" [ʝ], o que converte á rexión na menos yeísta de América. Na zona central de Ecuador, distinguiuse historicamente "ll" [ʒ] con "y" [ʝ]. Porén, o yeísmo vai en aumento nas clases altas de cidades como Quito e Ibarra. Asibílanse os erres como fricativas retroreflexas sonoras, nos grupos "rr" /r/→[ʐ] e "tr"→[ʐ]. Isto é considerado "culto" no noroeste arxentino, nas cidades de Cuenca e Riobamba en Ecuador e no oeste de Bolivia; neste último e no sur fronteirizo do Perú, adoita ser singular debido a que é moi marcado e similar a unha fricativa alveolar sonora [z]. No Perú pódese apreciar na serra norte e central, aínda que na serra sur vai en retroceso; tamén está presente nas áreas perféricas da capital Lima (denominados <<conos>>) pola emigración de poboación dende zonas andinas. En Ecuador, dase historicamente en todas as provincias da serra, pero encóntrase en retroceso en cidades como Quito, Ibarra e Loja. A iota ten un son moito máis forte que no Caribe, articulada como unha fricativa velar xorda, similar a México ou a Arxentina, aínda que non se presenta o alófono uvular de España. Nalgunhas zonas o /f/ articúlase como fricativa bilabial xorda [ɸ], a mesma que ao engadirlle un /w/ epéntico adoita confundirse con /x/. Nalgúns falantes dase o enxordecemento vocálico dándolle énfase as consoantes con debilitamento das vogais, sobre todo nas sílabas átonas como nalgúns falantes de México. Adoitanse confundir as vogais /e/ con /i/ e /o/ con /u/, influencia do sistema trivocálico do quechua e do aimará, sobre todo en falantes indíxenas de Bolivia, Ecuador e o Perú. Este fenómeno (motosidade) só se dá nas áreas rurais dispersas onde a lingua materna aínda segue sendo a indíxena orixinaria. A acentuación é, ou ten que ser, paroxítona ou grave, con énfase na penúltima sílaba. O voseo é común en Ecuador, Colombia, a Arxentina, Bolivia e Chile, coas súas variantes faladas ou escritas. No Perú encóntrase unicamente en cidades como Cajamarca e Arequipa.
Aspectos gramaticais Na rexión andina faise uso extensivo e constante de:
O pretérito composto e, en ocasións, o pluscuamperfecto, así como o xerundio. O clítico "lo" como dativo e acusativo, singular e plural, e as veces (sobre todo no Perú) masculino e feminino (agás na fala ecuatoriana onde, polo contrario, hai leísmo similar ao dialecto castelán e no sur de Colombia onde non se dá ningún destes fenómenos). Os pronomes posesivos. Nas áreas rurais ou semiurbanas adóitase calcar a construción do quechua ou do aimará, utilizándose a tipoloxía lingüística SOV. Exemplo: "A su casa de Jacinta me estoy yendo". Nunha gran parte dos países utilízase preponderadamente o tuteo e moi pouco o voseo. En Pasto predomina o voseo cunha similitude co voseo chileno. Nos Andes ecuatorianos o voseo está indo progresivamente en regresión, aínda que se segue a utilizar o pronome vos coas formas verbais de ti en rexistros informais similares aos dos extremos occidentais do noroeste da Arxentina (vos tienes); isto pasa tamén nos Andes bolivianos, aínda que neste predomina o tuteo, xa que o voseo non adoita ser empregado, pode usarse nalgúns casos no ámbito informal. Nos Andes peruanos o voseo é case totalmente descoñecido.
Notas
Véxase tamén Bibliografía Canfield, Delos Lincoln (1981). La pronunciación del español de América. Chicago: The University of Chicago. Cerrón Palomino, Rodolfo (2003). Castellano Andino. Aspectos sociolingüísticos, pedagógicos y gramaticales. Lima: Fondo Editorial Pontificia Universidad Católica del Perú, Cooperación Técnica Alemana GTZ. ISBN 9972-42-528-2. Escobar, Alberto (1978). Variaciones sociolingüísticas del castellano en el Perú. Lima. Granda, Germán (2001). Estudios de lingüística andina. Lima: Pontificia Universidad Católica del Perú. Lapesa, Rafael (1986). Historia de la lengua española. Madrid. Mackenzie, Ian. A Linguistic Introduction to Spanish. Gran Bretaña: University of Newcastle upon Tyne, LINCOM Studies in Romance Linguistics 35. ISBN 3-89586-347-5. Rivarola, José (1990). La formación lingüística de Hispanoamérica. Lima: Fondo Editorial Pontificia Universidad Católica del Perú. Outros artigos Castelán peruano Castelán ecuatoriano
Categoría:Dialectos da lingua castelá de América