Pedro, nado en Betanzos a finais do século XV e finado en 1570 en Chomes (hoxe en Puntarenas, Costa Rica), foi un misioneiro franciscano en América central. Traxectoria Orixinario de Betanzos. Ingresou en 1519 no convento franciscano da súa vila, e posteriormente viviu no do Val de Deus. Foi un dos primeiros misioneiros franciscanos na Capitanía Xeneral de Guatemala, e máis concretamente no territorio da actual Costa Rica; alí chegou arredor do 1550. Estaba dotado de gran capacidade para os idiomas, chegando a dominar entre outros o náhuatl, o quiché, o tz’utujil e o kaqchikel. Segundo os seus escritos, durante a súa vida xurdiu unha controversia entre os franciscanos e os dominicanos encol o uso do termo indíxena «Cabovil» como sinónimo de «Deus». Pedro de Betanzos insistiu en que non eran termos sinónimos, como si defendían os dominicanos, e sempre empregou a palabra «Dios» incluso ao escribir en linguas indias. Os franciscanos estaban no correcto, xa que os indíxenas non tiñan unha concepción do monoteísmo, e o termo facía referencia a unha "esencia espiritual" que permeaba o mundo, unha concepción máis próxima ao animismo e ao fetichismo; a polémica rematou coa prohibición aos dominicanos de usar o termo «Cabovil» por parte do seu visitador Tomás Casillas. Pedro de Betanzos foi tamén un dos autores dunha obra publicada en México e titulada "Arte, Vocabulario y Doctrina Christiana en Lengua de Guatemala"; foi a obra impresa máis antiga nalgunha lingua indíxena de Guatemala, pero non se conserva ningunha copia dela. Pedro de Betanzos foi tamén fundador da Igrexa en Nicaragua e Costa Rica, onde finou en 1570 en Chomes.A Catholic Encyclopedia fala de que finou en Chomez, e sitúa este lugar en Nicaragua; porén, é actualmente un distrito de Costa Rica.
Notas
Categoría:Nados en Betanzos Categoría:Nados en ano descoñecido Categoría:Finados en 1570 Categoría:Franciscanos de España Categoría:Sacerdotes católicos de Galicia Categoría:Sacerdotes católicos do século XVI Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes finados hai máis de 80 anos