Casal de Abade é un lugar da parroquia de Sanguñedo, no concello ourensán de Verea na comarca da Terra de Celanova. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2024 tiña 6 habitantes (5 homes e 1 muller), o que supón unha diminución en relación a 2020, cando tiña 9 habitantes.
Xeografía Este lugar dista da capital do concello 4,9 quilómetros pola estrada OU-0206.
A aldea é atravesada polo regato do Sobradiño.
Toponimia O substantivo casal (e a súa forma alternativa casar) procede do latín casale, á súa vez derivado do substantivo casa ‘choupana’, ‘casa de campo, granxa’, que acabou asumindo os significados que tiña en latín o substantivo domus ‘casa, residencia’. Aplícaselle a un tipo de propiedade rural consistente nunha casa de campo coas dependencias auxiliares e mais as terras de labor, ou ben un pequeno agrupamento de casas no campo. De todos os xeitos, trátase dun topónimo moi abundante en todo o territorio galego, onde se rexistran máis de duascentas entidades de poboación que conteñen na súa denominación o substantivo casal e derivados do mesmo.
Abade correspóndese coa voz común latina Abbas, -atis a cal designa comunmente ao superior dun convento. O que suxire que no seu día foi unha dependencia eclesiástica.
Lugares de interese Eira dos canastros de Casal de Abade
Na aldea podémonos atopar cunha eira comunal con canastros (denominación da zona) do século XIX.
Pozo Mimón
Poza fluvial no transcurso do regato do Sobradiño. Conta unha lenda que un día pasaba un cura montado nunha besta ao carón do regato do Sobradiño cando de súpeto caeu el e máis a besta á poza. Dende aquela algunhas persoas intentaron atopar os corpos sen vida, os cales nunca foron atopados.
Muíños de Caíde
Os muíños atópanse no curso do regato do Sobradiño. Foron empregados dende mediados do século XVII ata a mecanización do moído. Crese que en orixe eran propiedade do abade.
Ponte do Cubo
Ponte empregado polos gandeiros para salvar o regato de Quintela. Forma parte da ruta do Briñal.
Galería de imaxes
Lugares e parroquias
Lugares de Sanguñedo
Parroquias de Verea
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Lugares de Verea
Categoría:Lugares de Verea