Ilse Aichinger nada en Viena o 1 de novembro de 1921 e finada na mesma cidade o 11 de novembro de 2016, foi unha escritora austríaca que xogou un papel moi importante na literatura alemá da posguerra, principalmente por relatar cunha linguaxe innovadora e de forma parcialmente autobiográfica a persecución do nazismo ao pobo xudeu. Aichinger non só formou parte de numerosas asociacións de escritores e institucións lingüísticas, senón que tamén foi galardoada en múltiples ocasións, grazas a obras como Die größere Hoffnung ou Spiegelgeschichte. Ademais, foi columnista no periódico austríaco Die Presse.

É considerada como a representante máis importante da literatura alemá de posguerra.

Traxectoria

Infancia e mocidade Fillas dun profesor católico e unha médica xudía, Ilse Aichinger e a súa irmá xemelga, Helga Michie, naceron en Viena no ano 1921. A súa infancia transcorreu principalmente na cidade austríaca de Linz, onde permaneceu ata o divorcio prematuro dos seus pais en 1927. A súa nai, Berta, decidiu entón regresar coas súas fillas a Viena, onde Ilse viviría alternando entre a casa da súa avoa xudía e un colexio católico.

No ano 1938, o Anschluss significaría para Ilse e a súa familia o inevitable comezo dun período de constante persecución e medo polas súas vidas. Helga foi quen de fuxir xunto con outros nenos e nenas xudeus cara a Gran Bretaña o 4 de xullo de 1939 grazas á evacuación impulsada polo Goberno británico, coñecida como Kindertransport. Con todo, a súa familia non correu a mesma sorte e o estalido da segunda guerra mundial impediulle reunirse con ela. Ilse, pola súa parte, aínda menor de idade e, para os nazis, «media-aria» (en alemán, Halbarierin), permaneceu en Viena baixo a tutela da súa nai para salvala da deportación. Se ben Berta Aichinger perdeu o seu emprego, isto non supuxo un verdadeiro inconveniente ata 1942.

Durante este tempo, Ilse non só viviu completamente illada, senón que viu como se lle negaba unha praza na universidade. Ademais, tanto ela como a súa nai foron obrigadas a traballar durante os anos de guerra. Ilse incluso correu o risco de ser deportada e asasinada debido a que, unha vez que alcanzou a maioría de idade, agochou á súa nai nun cuarto que se lle asignara no antigo Hotel Metropol na Morzinplatz, fronte ao cuartel xeral da Gestapo.

Respecto ao resto da familia, tanto a avoa de Ilse como os seus tíos, Erna e Felix, irmáns máis novos da súa nai, foron secuestrados en 1942 e enviados ao campo de concentración de Maly Trostenets, cerca de Minsk, onde foron asasinados.

Estudos e obras En 1945, Ilse Aichinger comezou a estudar medicina, pero abandonou os seus estudos  despois de cinco semestres para escribir a súa novela parcialmente autobiográfica Die gröβere Hoffnung (en galego, A esperanza máis grande). Foi escrito «na cociña dun piso pobre nun barrio exterior» de Viena e na oficina «dunha institución para persoas incurables, anciás e deportadas», onde a súa nai traballaba como médico.Deckert (2007), pp. 17–18.

O crítico Hans Weigel recomendoulle que se presentase a ela mesma e aos seus textos á editoria Bermann-Fischer, que finalmente publicou as súas obras. Pero incluso antes diso, os textos anteriores de Aichinger publicados en xornais e revistas como Wiener Kurier, Plan ou Der Turm  provocaron certo rebumbio polo que, segundo Hans Weigel, a literatura austríaca da posguerra rexurdiu con Ilse Aichinger. En 1949-50 Ilse Aichinger traballou como revisora para S. Fischer e en 1950-51 como axudante de Inge Aicher-Scholl na Escola Superior de Deseño de Ulm.

No ano 1951, foi invitada por primeira vez ao Grupo 47 por Hans Werner Richter, onde coñeceu o seu futuro marido Günter Eich. En 1952, gañou o premio do grupo pola súa obra Spiegelgeschichte (en galego, Conto en espello). Nese mesmo ano escribiu o notorio discurso Rede unter dem Galgen (Discurso baixo a forca). Do ano 1956 ao 1993 foi membro da Academia das Artes de Berlín Occidental.

En 1953 casou co escritor Günter Eich. A parella e seus fillos Clemens (tamén escritor) e Mirjam residiron primeiro en Lenggries, despois en Breitbrunn am Chiemsee e, dende 1963, en Großgmain, no estado de Salzburgo. En 1967, fixo unha longa xira de lectura polos Estados Unidos. O ano do seu matrimonio con Eich coincidiu co seu debut na radio coa obra Knöpfe (Botóns). En 1957 pasou a formar parte do Centro PEN de escritores de Alemaña.

Anos tardíos Günter Eich finou no ano 1972. Anos despois da morte do seu marido, e tras a morte da súa nai, Aichinger mudouse a Frankfurt ao principio dos anos oitenta. En 1988 mudouse a Viena, e logo dunha longa pausa creativa, volveu a escribir a finais da década dos noventa. Nesa época non deixou de recibir prestixiosos premios literarios, malia que as súas publicacións cada vez eran máis breves e escasas. En 1996, Aichinger asinou a Frankfurter Erklärung zur Rechtschreibreform (Declaración de Frankfurt sobre a reforma da ortografía) e no ano 1997 prohibiu a adaptación dos seus textos ás novas normas ortográficas.

Dende 1977 foi integrante da Academia Alemá da Lingua e Poesía en Darmstadt. Así mesmo, foi membro de pleno dereito da Academia Bávara de Belas Artes. Ademais, tras a fusión da Academia das Artes de Berlín Occidental coa Academia das Artes da RDA uniuse á Academia das Artes de Berlín en 1993.

En 1984 mudouse a Frankfurt por invitación da editorial alemá S. Fischer Verlag e  regresou a Viena en 1988. Trala morte accidental do seu fillo Clemens en febreiro de 1998, a autora retirouse case por completo do panorama literario. Un par de anos máis tarde, tras 14 anos sen escribir, publicou no xornal vienés Der Standard ensaios semanais parcialmente autobiográficos dende finais de 2001 ata 2003. Porén, en 2004 rompeu a súa relación con este xornal debido a un artigo sobre a Premio Nobel Elfriede Jelinek. En decembro de 2004, Ilse Aichinger comezou a traballar como columnista para o suplemento semanal «Spectrum» do diario austríaco Die Presse. Algúns destes textos tardíos publicáronse no libro Film und Verhängnis (Cine e perdición) publicado en 2001, e tamén nos pequenos volumes Unglaubwürdige Reisen (Viaxes incribles), publicado en 2005, e Subtexte (Subtexto), publicado en 2006.

En Viena, onde viviu ata a súa morte, Aichinger pasaba case todos os días na súa cafetería habitual, o histórico Café Demel, situado na rúa Kohlmarkt. Amais, era asidua visitante do cinema.

Ilse Aichinger faleceu o 11 de novembro de 2016 á idade de 95 anos. En 2018, unha rúa do distrito Donaustadt de Viena foi nomeada na súa honra.

Obra

Primeiros traballos miniatura| Portada de Die größere Hoffnung, edición de 1991, baseada nun deseño de Otl Aicher Dende o principio, Aichinger chamou, nas súas obras, á crítica das condicións políticas e sociais, e manifestouse contra a falsa harmonía e o esquecemento histórico. Xa no ano 1945, escribiu Das vierte Tor (A cuarta porta) o primeiro texto da literatura austríaca sobre o mundo dos campos de concentración. Un ano máis tarde, escribiu no ensaio Aufruf zum Misstrauen (Chamada á sospeita): «Debemos desconfiar de nós mesmos. Da claridade das nosas intencións, da profundidade dos nosos pensamentos, da bondade das nosas accións. Temos que desconfiar da nosa propia veracidade!». Con este chamamento contra a represión da historia e por unha impecable autoanálise, Ilse Aichinger volveuse contra a denominada Kahlschlagliteratur (literatura de desmonte total), cuxos partidarios propagaban un novo e radical comezo despois do final da segunda guerra mundial.

En 1948, escribiu a súa única novela, Die größere Hoffnung, na que, baseándose na súa propia vida, describe o destino dunha nena «medio-xudía» (en alemán, Halbjüdin) baixo o nacionalsocialismo. Die größere Hoffnung é un libro sobre a falta de grandes esperanzas.Kastberger 2007, p. 20 A novela non ofrece unha representación concreta e realista de humillacións, medo e esperanza desesperada, senón que é un retrato alegórico con dez imaxes ordenadas cronoloxicamente, dende a perspectiva dunha nena de 15 anos. Con todo, non se narra dunha maneira comprensible; o texto é máis unha rede de soños, contos de fadas, mitos e historia. Os monólogos alternan con diálogos, a narración autorial coa persoal. «A través da exaltación de simbólica, o horror non se minimiza en absoluto, senón que só se eleva a outro nivel e está ligado a temas atemporais».

Die größere Hoffnung é, xunto cos estudos sobre Moosbrugger e Clarisse de Robert Musil en Der Mann ohne Eigenschaften (O home sen atributos), a primeira novela deconstrutiva que focaliza na lingua da literatura austríaca e que á vez afonda na historia.Reichensperger 2007, p. 12

Nas súas primeiras narracións, que mostran a influencia que tivo de Franz Kafka, Aichinger describe a «escravitude existencial do ser humano a través de medos, presións, soños, delirios e fantasías febrís». O tema da difícil relación entre o soño e a realidade, e entre a liberdade e a coacción, repítese unha e outra vez; como por exemplo, no volume en prosa de 1963 Wo ich wohne (Onde eu vivo). O relato homónimo tamén trata a alienación e a cuestión da autonomía e da responsabilidade.

Crítica da linguaxe Dende o comezo, a obra de Aichinger amosou unha marcada tendencia a un estilo conciso, como se pode ver, por exemplo, na revisión de 1960 da súa primeira e única novela Die gröβere Hoffnung (1948). O volume de recompilación Schlechte Wörter (Malas palabras), publicado en 1976, trae consigo, ademais, un cambio temático na obra de Ilse Aichinger: «Se noutrora dominaba a busca da verdade, agora ela chega á crítica da linguaxe subversiva». Á autora parecíalle que a linguaxe se convertera nun medio de expresión inútil. Esta visión estaba en consonancia cunha produción cada vez máis escasa e cuns textos máis breves, ata o punto de se converteren en aforismos.

A propia Ilse Aichinger explicou isto como unha reacción ante a falta de relacións no mundo contemporáneo: «Non podes aventurarte a escribir e crear relacións de xeito artificial». A súa poética do silencio é a consecuencia do seu rexeitamento a calquera forma de conformismo: «En contra da moi común opinión do “éche o que hai” que incuestionablemente acepta o que atopa. O mundo anhela ser contrarrestado».

Citas

Acerca da guerra «A guerra foi para min o momento máis feliz. A guerra aprendeume moito. O que vin alí foi o máis importante da miña vida. A guerra estaba chea de esperanza. Sabíase moi ben quen era un amigo e quen non, algo que xa non se sabe na Viena actual. A guerra era esclarecedora».

«Unha vez [...] dixen que a Segunda Guerra Mundial foi o meu momento máis feliz. Aínda que vin os meus parentes sendo arrastrados en camións de gando, certamente crin que volverían. Xusto por iso o tempo posterior á Segunda Guerra Mundial foi o máis difícil para min, porque ninguén volveu».

«O recordo da miña avoa no camión de gando na ponte Schwedenbrücke en Viena e a xente ao meu redor que miraba con certa sorna. Eu era moi nova e tiña a certeza de que a miña avoa, a persoa á que máis quería no mundo, voltaría. Entón a guerra rematou, o benestar irrompeu e a xente pasaba polo teu lado sen mirar. Iso foi aínda peor que a propia guerra».

Acerca da escritura «Considereina [a escritura], dende sempre, unha profesión moi complicada. E nunca quixen ser escritora; quería ser médica, o cal fracasou pola miña torpeza. Nun primeiro momento, a miña intención era a de escribir unha crónica sobre a guerra. Non pensara sequera nun libro, o único que quería era rexistrar todo coa maior rigorosidade posible. Cando Fischer publicou o libro [Die größere Hoffnung] este contiña aínda demasiadas cousas. Quería dicilo todo nunha soa frase, non en vinte».