El agente topo é un filme de 2020 dirixido por Maite Alberdi e coproducido entre Chile, os Estados Unidos, Alemaña, os Países Baixos e España. Estreouse no Festival de Cinema de Sundance na sección "World Cinema Documentary". Foi escollido como candidato de Chile para o Óscar ó mellor filme internacional na 93ª edición dos premios, chegando a clasificarse na lista curta de febreiro.

Foi candidato ao Goya ó mellor filme estranxeiro de fala hispana, aos Independent Spirit ao mellor documental e ao Óscar ao mellor documental. Gañou o premio Ariel como mellor filme iberoamericano e o premio Platino como mellor filme documental.

Sinopse Rómulo Aitken é un detective que ten unha empresa de investigacións privadas. Unha clienta encárgalle investigar a residencia de anciáns onde vive a súa nai pensando que pode ser maltratada. Rómulo adestra a Sergio Chamy, un home de 83 anos que xamais traballou como detective para vivir tres meses infiltrado na residencia.

Produción Tras recibir fondos do Consejo Nacional de Televisión, do Ministerio das Culturas, das Artes e do Patrimonio e da CORFO, o documental completou o seu financiamento coas cadeas IPBS dos Estados Unidos e SWR de Alemaña e o IDFA Bertha Fund dos Países Baixos, ademais dos coprodutores españois.

As personaxes son os residentes do fogar San Francisco en El Monte (Rexión Metropolitana de Santiago), e o filme adaptouse a eles máis que eles ao proxecto. Por exemplo, incluíuse o falecemento dunha residente que ocorreu durante a rodaxe e a aprendizaxe real de WhatsApp por parte do axente.

A esixencia de mesturar aspectos documentais e ficticios implicou a realización dun gran número de planos, e a rodaxe de escenas durou ata seis horas. As escenas montábanse pola noite en determinados espazos, como o comedor, que o equipo de filmación non podía empregar durante o día.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Filmes de Chile propostos ó Óscar ó mellor filme internacional Filmes propostos ó mellor filme internacional na 93ª edición dos Óscar Ligazóns externas Tráiler oficial Páxina web

Categoría:Filmes de 2020 Categoría:Filmes en lingua castelá Categoría:Filmes de Chile Categoría:Filmes de Alemaña Categoría:Filmes de España Categoría:Filmes dos Estados Unidos de América Categoría:Filmes dos Países Baixos Categoría:Filmes dirixidos por Maite Alberdi Categoría:Filmes de espionaxe Categoría:Filmes sobre a vellez Categoría:Filmes rodados en Chile Categoría:Documentais