José Ramón Ónega López ou Xosé Ramón Ónega López, nado en Mosteiro (Pol) o 8 de marzo de 1939 e finado en Madrid o 7 de febreiro de 2021, foi un político e xornalista galego.

Traxectoria Fillo do xuíz municipal José Ramón Ónega Lenza e Angelita López Lodos, debutou no xornalismo con colaboracións infantís con El Progreso, como correspondente en Mosteiro. Licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela en 1962, e mentres estudaba colaboraba como xefe do departamento de información do Sindicato Español Universitario, co xornal La Noche. Nese tempo iniciou a súa carreira política, que continuou ao entrou a traballar como técnico na administración do estado no ministerio do Interior español. Trasladouse a vivir a Madrid, onde residiría a maior parte da súa carreira profesional, e colexiouse como avogado tamén nesa cidade. Nos anos finais da ditadura foi profesor dunha materia introdutoria ao Dereito Público e Privado na Universidade Complutense (1974-76).

Ónega comezou a ter presenza pública cando durante a transición ocupou cargos de relevancia política. Cos gobernos de Adolfo Suárez e Leopoldo Calvo-Sotelo foi subdirector xeral de Política Interior (1977), subdirector xeral do Gabinete Técnico da Subsecretaría de Orde Pública (1978) e despois gobernador civil, primeiro en Zamora (1979) e logo en Biscaia (1982-1984).

Coa chegada do PSOE ao poder, continuou vinculado ao ministerio do Interior como inspector xeral de Servizos. En 1996, o goberno de José María Aznar noméao director xeral de Política Interior, sendo ministro Jaime Mayor Oreja.

Tamén foi presidente da Comisión Nacional contra a violencia deportiva, secretario xeral da Comisión Interministerial de Estranxeiría e presidente da Comisión Interministerial de Asilo e Refuxio.

Foi o director da Casa de Galicia de Madrid desde 2009 ata a data do seu falecemento en 2021. Tamén foi nomeado presidente de honra do Centro Galego de Madrid en 2013 e cronista mor dos galegos de Madrid en 2014. Foi galardoado co ‘Torsón de Ouro’ da Orde do Torsón de Santiago en 2015.

Obra Ademais do seu labor político, escribiu libros de investigación histórica e etnográfica: Los judíos en el Reino de Galicia (1981) Odoario el Africano. Colonización de Galicia en el s. VIII. (Do Castro, 1988) Pasado, presente e futuro de A Pontenova. (Ed. Bao, 1988). Perfil histórico, artístico y paisajístico del Concello de Pol, Lugo, 1988. José Mª Díaz Sanjurjo. Un gallego en Vietnam (Deputación Provincial de Lugo, 1991)

Novela El enigma de Jose An (Do Castro, 1991) El promontorio de los claveles marinos (1999)

Poesía

Sol de poniente (2004)

Vida persoal Era o irmán máis vello de Fernando Ónega, e tío da xornalista e presentadora Sonsoles Ónega. Tamén tivo un irmán máis novo, que finou aos 14 meses de idade.

Casou en 1966 con María Esther Coladas-Guzmán, coa que tivo tres fillos.

Faleceu como consecuencia da COVID-19.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Gobernadores civís de Zamora Categoría:Gobernadores civís de Biscaia Categoría:Xornalistas de Pol Categoría:Nados en Pol Categoría:Nados en 1939 Categoría:Finados en 2021 Categoría:Finados pola COVID-19 en España Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Profesores da Universidade Complutense de Madrid Categoría:Escritores de Galicia en lingua castelá Categoría:Cronistas mores dos galegos de Madrid