O Festival de Bayreuth (en alemán: Bayreuther Festspiele) é un festival de música clásica, que se celebra cada ano desde 1876 en Bayreuth, Alemaña.

Está dedicado á representación de óperas da autoría do compositor alemán do século XIX Richard Wagner. O mesmo Wagner concibiu e promoveu a idea dun festival especial para amosar as súas propias obras, en especial a tetraloxía (representada en catro días) Der Ring des Nibelungen e Parsifal. Conta cunha orquestra e coro propios, seleccionados de entre os mellores músicos do mundo especializados en Wagner. O seu coro está considerado como dos mellores corpos corais para obras wagnerianas.

As representacións teñen lugar nun teatro deseñado ex profeso para o festival, o Bayreuth Festspielhaus (Teatro dos Festivais de Bayreuth). Wagner supervisou persoalmente o deseño e a construción do teatro, que albergaba numerosas innovacións arquitectónicas co fin de dar cabida ás inmensas orquestras para as que Wagner escribiu a súa visión particular do que debería ser a montaxe. As obras que se representan no Festival reciben o nome de Canon de Bayreuth.

O festival converteuse nunha peregrinación para os entusiastas wagnerianos, que adoitan esperar anos para conseguir as entradas.

Orixes do festival miniatura|273x273px|Planta do teatro. As orixes do Festival remóntanse ao interese que o propio Richard Wagner tiña en contar con independencia financeira. O empeoramento da súa relación co seu patrón, Lois II de Baviera, levouno a deixar Múnic, onde nun principio tiña planeado celebrar o festival. Despois interesouse por Núremberg, lugar que reforzaría a significación das súas obras, como Die Meistersinger von Nürnberg. Finalmente, por consello do director de orquestra Hans Richter, decidiu centrarse en Bayreuth, localización que contaba con tres grandes vantaxes: en primeiro lugar, a cidade dispuña dun espléndido escenario: o teatro de Ópera do Margrave construído para o margrave Frederico de Brandemburgo-Bayreuth e a súa muller Guillermina de Prusia (irmá do rei prusiano Frederico o Grande) en 1747. Co seu amplo aforamento e a súa excelente acústica, o teatro era ideal para o propósito de Wagner. En segundo lugar, a cidade de Bayreuth atopábase fóra das rexións nas que Wagner xa non gozaba do dereito a interpretar as súas propias obras, que vendera en 1864 para aliviar os seus problemas financeiros. Por último, a cidade non tiña unha vida cultural que puidese competir co talento artístico de Wagner. Unha vez inaugurado, o festival sería a principal atracción na desértica contorna cultural de Bayreuth.

En abril de 1870, Wagner e a súa muller, Cosima, visitaron Bayreuth, atopando inadecuada a Ópera do Margrave, que se construíu en 1744 pensando nas orquestras barrocas do século XVIII, e non podía acomodar as complexas montaxes e as grandes orquestras que requirían as óperas wagnerianas.

Con todo, os burgomaestres mostráronse dispostos á construción dun teatro totalmente novo, e programouse a inauguración do festival para 1873. Despois dunha reunión estéril para financiar o proxecto na primavera de 1871 co Chanceler alemán, Otto von Bismarck, Wagner embarcouse nunha xira para recadar fondos por toda Alemaña.

Nun primeiro momento o público non se mostrou moi pródigo. Así, para facer fronte ao esforzo económico, que incluía a construción dun novo teatro, Wagner seguiu o consello do seu amigo e admirador Emil Heckel e promoveu a constitución de numerosas sociedades wagnerianas para sufragar o festival. Entre outros lugares formáronse sociedades en Leipzig, Berlín e Viena.

A pesar do atractivo das sociedades, baseado no rol de Wagner como compositor do novo Imperio Alemán, as sociedades e outras fontes de financiamento non alcanzaron os fondos necesarios para finais de 1872. Wagner decidiu entón tratar de novo con Bismarck en agosto de 1873, séndolle de novo denegados os fondos.

Desesperado, Wagner dirixiuse ao seu antigo patrón, Lois II de Baviera, quen finalmente accedeu a prestarlle apoio financeiro. En xaneiro de 1874 comezou a construción do teatro deseñado por Gottfried Semper. O debut planeado para 1875 tivo que posporse un ano debido á construción do teatro e outros atrasos.

Primeira etapa (1876 - 1944)

O primeiro festival miniatura|327x327px|Amalia Materna, primeira Brünnhilde no Festival de 1876. O festival abriu as súas portas o 13 de agosto de 1876, coa representación completa, por primeira vez, das catro "xornadas" que compoñen O anel do nibelungo. As dúas primeiras, Dás Rheingold e Die Walküre xa se estrearan anteriormente (en Múnic, en 1869 e 1870, respectivamente), pero as outras dúas (Siegfried e Götterdämmerung) recibían a súa estrea mundial nesa ocasión. Os ensaios comezaran xa o verán anterior. Wagner concibiu el mesmo a posta en escena, con axuda do pintor austríaco Joseph Hoffmann, que deseñou os decorados, incluíndo novas e enxeñosas solucións técnicas para as complexas esixencias do libreto. Hans Richter encargouse da dirección musical. Representáronse tres ciclos completos da monumental obra.

O primeiro Festival de Bayreuth converteuse en todo un acontecemento sociocultural: asistiron xefes de estado como o Kaiser Guillerme I de Alemaña, Pedro II do Brasil, Lois II (asistiu aos ensaios e despois a algunhas representacións do último ciclo, en segredo, probablemente para evitar ao Kaiser) e membros da nobreza, ademais do filósofo Friedrich Nietzsche; e grandes compositores contemporáneos do seu director como Anton Bruckner, Edvard Grieg, Petr Chaikovskii, Camille Saint-Saëns e Franz Liszt.

No plano artístico, o festival foi un éxito rotundo («O que aconteceu en Bayreuth é algo que os nosos netos e os seus fillos seguirán lembrando», escribiu Chaikovskii en calidade de correspondente ruso) aínda que algúns problemas técnicos coa escenografía fixeron que Wagner renunciara a saír a saudar ó público tralas primeiras representacóns. Por outra banda, o aspecto financeiro era desastroso: o festival pechou cun déficit de 148.000 marcos (equivalentes a 1,14 millóns de euros). Wagner viuse obrigado a viaxar a Londres para dirixir unha serie de concertos tratando de paliar o déficit, pero non recadou máis que unha pequena parte do necesario. Unha nova achega do rei Lois II axudouno a sobrelevar a situación, pero as débedas e dificultades financeiras fixeron que o festival non puidera repetirse ata 1882.

A estrea de Parsifal esquerda|miniatura|300x300px|Deseño de Paul von Joukowsky para a estrea de Parsifal en 1882. Wagner comezou a composición da súa última obra escénica no verán de 1877, coa mente posta no espazo escénico e na acústica do teatro de Bayreuth. Mentres tanto, comeza a traballar sobre a posibilidade dun segundo festival en Bayreuth. Algúns escritos de Wagner indican que tiña a idea de que o festival servise como norma da forma correcta, segundo el mesmo, de representar e interpretar todas as súas obras. De feito, até pouco antes da súa morte tiña plans para revisar profundamente obras como Tannhäuser e Der fliegende Holländer para que fosen "dignas de Bayreuth". En 1878 consegue paliar en parte as perdas do primeiro festival, obtendo un crédito que se pagaría cos ingresos dos dereitos de autor xerados pola representación das súas obras en Múnic. En 1880 Wagner expresa a idea de instituír un Festival "permanente" en Bayreuth, e de reservar Parsifal en exclusiva para ser representado alí. A principios de 1882 dá por rematada a composición, e comeza a organizar a estrea para ese verán.

Wagner aceptou a Hermann Levi para a dirección musical, a cambio de poder contar cos músicos da orquestra da Ópera da Corte de Múnic. Levi, fillo dun rabino, converteuse no director exclusivo de Parsifal no festival os seguintes dez anos. Franz Fischer dirixiu algunhas funcións, e o propio Wagner tomou a batuta ao final do último acto da última das 16 representacións. De novo, o propio Wagner asumiu a posta en escena. A produción orixinal, con decorados deseñados por Paul von Joukowsky mantívose en escena no Festival até 1933, chegando a un total de 205 representacións. Debido ao carácter místico da temática da obra, Wagner pediu ao público que non aplaudise nos descansos nin ao final da obra (aínda que parece que a resposta aos desexos do autor non foi unánime nas primeiras representacións). A tradición consolidouse, e mantívose até o festival de 1964, última ocasión na que Hans Knappertsbusch dirixiu a obra. Actualmente mantense a tradición só ao final do primeiro acto.

Wagner morreu en Venecia o 13 de febreiro de 1883, e foi enterrado no xardín da vila Wahnfried, en Bayreuh.

A exclusividade da obra para o Festival de Bayreuth mantívose, soportada legalmente, até 30 anos despois da morte de Wagner. Ademais de por razóns artísticas, Wagner dispuxo esta norma para asegurar a futura viabilidade económica do festival, e da súa familia. En decembro de 1903, a Metropolitan Opera de Nova York organizou unha representación, alegando que a lexislación alemá de dereitos de autor non tiña xurisdición en Estados Unidos. A esta primeira representación "pirata" seguiron outras en varias cidades de América. O 1 de xaneiro de 1914, unha vez cumprido o prazo legal, teatros de todo o mundo organizaron representacións da obra "liberada", contra a feroz oposición dos herdeiros do autor, e dun amplo grupo de artistas e intelectuais de todo o mundo (co que se mesturaron movementos de tendencia nacionalista xermánica, e mesmo xenófoba). A primeira destas representacións fóra de Bayreuth foi a que comezou a noite do 31 de decembro de 1913 no Liceo de Barcelona, grazas á diferenza horaria. Desde o día seguinte até o inicio da primeira guerra mundial a obra estreouse en até 46 cidades europeas.

Cosima Wagner (1883 - 1906) esquerda|miniatura|293x293px|Cosima Wagner en 1905 Trala morte de Wagner, a súa viúva e herdeira, Cosima Wagner asumiu a dirección do Festival, que se celebrou de novo en 1883, con 12 novas representacións de Parsifal. O festival, debido aos problemas económicos non conseguiu alcanzar a desexada estabilidade, e tivo que interromper a súa periodicidade anual en varias ocasións. Cando Adolf von Gross, amigo da familia, se encargou da xestión financeira do festival impuxo unha estrita austeridade no gasto, o que permitiu alcanzar unha relativa estabilidade económica, que chegou en 1906, cando a familia Wagner conseguiu devolver os créditos privados que foran concedidos pola casa real de Baviera. dereita|miniatura|200x200px|Hans Richter, Hermann Levi e Felix Mottl Debido ao descenso da demanda da audiencia, o que provocou que moitas representacións se fixesen coa metade do aforamento do teatro baleiro, Cosima decidiu ampliar o repertorio, introducindo Tristan und Isolde en 1886, Die Meistersinger von Nürnberg en 1888, Tannhäuser en 1891, Lohengrin en 1894, e, finalmente, en 1896, unha segunda produción do Anel que se mantivo até 1931. A propia Cosima asumía a dirección escénica da maioría das producións, establecendo a "norma" que conservaba os desexos do autor. Richter e Levi mantivéronse na dirección musical, xunto con Felix Mottl, Karl Muck, Richard Strauss e o propio fillo de Wagner, Siegfried, que xa colaborara co seu pai na montaxe escénica de Parsifal en 1882, e que en 1896 tomou a batuta no Anel. En 1901 engadiuse O holandés errante como décima obra do repertorio do Festival. Até hoxe séguese mantendo este conxunto (coñecido como "canon de Bayreuth"), que exclúe as tres primeiras óperas do compositor, polas que o propio Wagner non mostrou especial interese en incluír no repertorio do Festival.