Esther María Koplowitz y Romero de Juseu, nada en Madrid o 10 de agosto de 1950, é unha empresaria e aristócrata española. Foi VII marquesa de Casa Peñalver. Segundo a revista Forbes, en marzo de 2013 a súa fortuna era de 1 000 millóns de dólares, o que a convertía na décimo sétima persoa máis rica de España e a 1342ª no mundo.
Traxectoria Familia e primeiros anos O pai de Esther Koplowitz foi un empresario alemán de orixe xudía da Alta Silesia, Ernesto (Ernst) Koplowitz Sternberg, que chegou a España escapando da persecución nazi nos anos 30 e se estableceu alí definitivamente a principios dos anos 40. Ernst Koplowitz adquirira unha pequena empresa de construción, Construcciones y Reparaciones, á que cambiou o seu nome por Construcciones y Contratas (Cycsa). A súa nai, Esther Romero de Juseu y Armenteros, era filla de José Romero de Juseu y Lerroux, natural de Cabra (Córdoba) e de María Josefa Armenteros de Peñalver, unha aristócrata pertencente a unha familia nobre de Cuba. Contraeron matrimonio en 1946. Nese momento, Ernst xa tiña dous fillos naturais, Ernesto e Isabel Clara Koplowitz Amores.
O seu pai faleceu nun accidente de equitación no Club de Campo Villa de Madrid en 1962. No momento da súa morte, Cycsa xa se convertera nunha compañía próspera. En 1968, a súa nai faleceu a consecuencia dun cancro, pasando Esther a ser a xefa da Casa de Peñalver con dezaoito anos. O título de marquesa de Casa Peñalver acompañouna ata que o cedeu en 2019 á súa filla Esther Alcocer Koplowitz.
Esther ten unha irmá máis nova, Alicia Koplowitz, á que estivo moi unida durante toda a súa vida. Foron alumnas do Liceo Francés de Madrid.
Matrimonios Esther Koplowitz casou con Alberto Alcocer. Seis meses despois, a súa irmá Alicia casou con Alberto Cortina, curmán e socio do primeiro. Os curmáns, coñecidos como "os Albertos", entraron en Cycsa e substituíron as súas mulleres no consello de administración da compañía, do que formaban parte dende a morte da súa nai por cancro en 1968 (data en que Ramón Areces, fundador de El Corte Inglés e amigo da familia, asumiu a presidencia do grupo).
En 1972, "os Albertos" conseguiron o poder executivo da compañía e iniciaron unha etapa de diversificación e alianzas que levaron á expansión do grupo. En 1987 Ramón Areces deixou a compañía por discrepancias con eles. Non obstante, a finais dos anos oitenta ambos tiveron que abandonar a empresa cando solicitaron o divorcio, con poucos días de diferenza, das dúas irmás.
Como resultado do matrimonio, naceron tres fillas, Esther, Alicia e Carmen. A parella divorciouse en 1990. A principios de xuño de 2003 volveu casar con Fernando Falcó, III marqués de Cubas, do que se divorciou en 2009.
Entrada nos negocios En 1990 Esther e Alicia regresaron ao consello de administración de Cycsa e estableceron unha quenda rotatoria á fronte do poder executivo da compañía. En marzo de 1992 Cycsa e Focsa (Fomento de Construcciones), outro dos negocios da construción do grupo dirixido polas irmás Koplowitz, do que Cycsa era o maior accionista, fusionáronse para formar FCC (Fomento de Construcciones y Contratas), a compañía máis importante no sector en España. En 1998 Alicia Koplowitz decidiu deixar a compañía e Esther comprou a participación da súa irmá na empresa (o 28,26%) por un importe de 136 624 millóns de pesetas. Catro meses despois, vendeu o 49% da súa participación en FCC ao grupo francés Vivendi.
É vicepresidenta primeira e membro do consello de administración de FCC e vicepresidenta e membro do consello de Cementos Portland Valderrivas. Ata agosto de 2012 foi directora da multinacional francesa Veolia.
O 13 de decembro de 1995 creou unha fundación co seu nome e en xuño de 2013 foi nomeada presidenta da Fundación Madrid Vivo.
Coleccionismo Afeccionada ao coleccionismo de arte, posúe varias obras importantes de Goya, El Bosco, Tsuguharu Foujita e outros artistas. En agosto de 2001, dezasete destes cadros foron roubados do seu domicilio grazas á participación dun garda de seguridade da casa. Entre as pinturas roubadas atopábanse A caída e A randeeira de Goya, valoradas cada unha en 2000 millóns de pesetas por fontes de investigación.
Títulos nobiliarios As irmás Esther e Alicia herdaron da súa nai, falecida en 1968, un condado e tres marquesados. Ademais, nos tribunais de xustiza obtiveron o marquesado do Real Socorro en 1971 para Alicia e o condado de Peñalver para Esther en 1988. Así, Esther obtivo os títulos de marquesa de Casa Peñalver, marquesa de Campo Florido e condesa de Peñalver. Estes dous últimos foron entregados ás súas fillas: Carmen Alcocer Koplowitz recibiu o de condesa de Peñalver e Alicia Alcocer Koplowitz o de marquesa de Campo Florido.
Condecoracións e premios O 13 de xullo de 2001, o Consello de Ministros outorgoulle a Gran Cruz da Orde do Mérito Civil pola súa traxectoria de apoio ao traballo social. En xuño de 2012 foi galardoada coa Insignia de Cabaleiro da Lexión de Honra da República Francesa pola súa carreira empresarial e a súa filantropía. En outubro de 2008 recibiu o XV Premio Blanquerna, outorgado pola Generalitat de Cataluña, en recoñecemento á súa contribución ao desenvolvemento, promoción, coñecemento e proxección de Cataluña.
En maio de 2013 o Consello de Ministros outorgoulle a Gran Cruz da Orde Civil ao Mérito Ambiental. En xullo de 2013, o concello de Barcelona concedeulle a Medalla de Ouro ao Mérito Científico. En novembro de 2014 recibiu a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo.El Economista O 26 de decembro de 2014 foi galardoada coa Gran Cruz da Orde de Afonso X o Sabio.
En 2020 recibiu o VI Premio Iberoamericano de Mecenazgo.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Fundación Esther Koplowitz
Categoría:Nados en Madrid Categoría:Nados en 1950 Categoría:Empresarios de España Categoría:Coleccionistas de arte Categoría:Cabaleiros da Lexión de Honra Categoría:Nobres de España Categoría:Españois de ascendencia xudía Categoría:Descendentes de alemáns Categoría:Descendentes de cubanos