Luz Pozo Garza, nada en Ribadeo o 21 de xullo de 1922 e finada na Coruña o 20 de abril de 2020, foi unha escritora, crítica literaria e poeta galega, unha das máis destacadas da literatura galega da segunda metade do século XX, renovadora tanto na forma como na temática abordada. Códice Calixtino (1986, Sotelo Blanco Edicións) é unha das súas obras máis destacadas. En 1995 foi recoñecida coa Medalla Castelao. Dende 1996 foi membro numerario da Real Academia Galega, ocupando o cargo de vicesecretaria de 1997 a 2001. En 2007 foi proposta pola Asociación de Escritores en Lingua Galega para o Premio Nobel de Literatura. Os seus poemas foron traducidos ao castelán, portugués, catalán, francés, inglés, alemán, húngaro, ruso e xaponés.
Traxectoria Filla de Gonzalo Pozo y Pozo, inspector veterinario e militante de Izquierda Republicana e Luz Garza Feijoo, mestra políglota, ata os sete anos de idade (1929) viviu en Ribadeo, onde comezou a estudar con Prieto Coussent, posteriormente residiu en Viveiro ata o verán de 1936. Con catorce anos de idade, por mor da Guerra civil española e da persecución da que foi obxecto seu pai, cofundador en Viveiro do Partido Republicano Radical Socialista, detido e preso na cadea dos sotos do edificio da emisora local de radio de Lugo, trasladouse coa súa nai e irmáns a vivir nunha fonda da rúa Bispo Aguirre desa cidade ata finais de 1938.No mesmo edificio no que vivía o poeta Luís Pimentel. Aos 15 anos de idade comezou a colaborar con Radio Lugo. Xa co pai liberado, e coa axuda do tío Román del Pozo y del Pozo, funcionario de facenda en Tetuán, foron a vivir a Larache (Protectorado Español de Marrocos). O seu único irmán varón, Gonzalo, mobilizado polo bando nacional, morreu no Hospital Militar de Jaca en 1939, aos vinte anos de idade.
Volveron a Viveiro en 1940. Durante eses anos de posguerra finalizou o bacharelato. Fixo estudos musicais de solfexo, piano, violín e laúde que deixaron unha singular pegada na súa poética, estudos de maxisterio e de filoloxía románica. Casou en maio de 1944 cun profesor seu da academia Minerva, Francisco Vázquez Ramudo, despois alcalde de Viveiro de 1957 a 1963, e tivo un fillo, Gonzalo (1945), e dúas fillas, Mónica (1959) e Luz (1962). Foi á Universidade de Oviedo a estudar literatura, sendo alumna de Carmen Bobes e Emilio Alarcos Llorach e licenciándose en Filosofía e Letras en 1963. Iniciou a andaina literaria primeiramente en castelán, para se decantar exclusivamente polo galego na década dos oitenta.
Os seus traballos foron publicados en Las Riberas del Eo, La Noche, Poesía Española, Ínsula, Vida Gallega, Ateneo Ferrolán e Galeuzca. Segundo a mesma autora, Dionisio Gamallo, foi o seu mentor. Frecuentou o trato cos poetas Luís Pimentel e Eduardo Moreiras, ao que coñeceu en 1948 e co que casou en segundas nupcias en 1982, tras divorciarse do seu primeiro marido. O pasamento de Moreiras, en 1991, afectoulle profundamente.
Desenvolveu en Badaxoz (moi pouco tempo), Corcubión (como directora), A Coruña e Vigo unha longa traxectoria de docente de lingua e literatura españolas no ensino secundario, xubilándose en 1987 no Instituto de Nigrán. Entre 1975 e 1976 codirixiu Nordés: revista de poesía y crítica xunto a Tomás Barros (aínda que tivo que figurar como subdirectora pola forte discriminación de xénero do réxime franquista). Promoveu tamén a creación da revista Clave Orión, que botou a andar en 1995.
Formou parte da promoción de enlace, entre a xeración do 36 e a xeración das Festas Minervais, canda Ramón González-Alegre, Faustino Rey, Antón Tovar, Tomás Barros, Xavier Costa Clavell, Eliseo Alonso, Manuel Cuña Novás, María do Carme Kruckenberg, Xosé Neira Vilas, José Ángel Valente, Manuel Blanco Mariño e Antón Santamarina Delgado.
Foi membro correspondente da Real Academia Galega dende 1950. A proposta de Xesús Alonso Montero, Carlos Casares e Salvador García-Bodaño, pasou a ser membro numerario o 29 de novembro de 1996, a segunda muller en facelo (tras Olga Gallego), pronunciando o discurso titulado Diálogos con Rosalía, respondido por Alonso Montero. Foi vicesecretaria da institución de 1997 a 2001, a única muller que ocupou un posto de dirección durante a presidencia de Francisco Fernández del Riego. Foi membro e directiva do PEN Clube de Galicia.
A poesía de Luz Pozo bebeu con frecuencia na fonte de Rosalía de Castro. O seu libro máis coñecido, Códice Calixtino, formado por poemas escritos basicamente na década dos oitenta, publicado por primeira vez no ano 1986 en Sotelo Blanco, na colección Leliadoura, é unha obra de plenitude na que se unen luz e sombra, paixón e melancolía, vida e morte, tradición e modernidade, mediante unha expresión intimista, unha obra para unha literatura na que Luz Pozo é confluencia de xeracións e creadora dun novo e vivo xeito de sentir a poesía. O comezo do século XXI foi tamén para a escritora un momento de exploración da inspiración gaélica, unha conexión literaria á que chegou por motivos familiares, reflectida en As arpas de Iwerddon (Linteo 2005).
Ten dado ao prelo numerosos traballos sobre Rosalía de Castro, Ramón Otero Pedrayo, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Rafael Dieste, Manuel Antonio, Xosé Luís Franco Grande, Álvaro Cunqueiro, Tomás Barros, Martín Codax e Luís Seoane que viron a luz en Grial e Nordés sobre todo.
Pronunciou conferencias nas Universidades de Berlín, Heidelberg, Tréveris e Bruxelas e participou en distintos congresos e seminarios nacionais e internacionais.
Luz Pozo foi, segundo Rosario Álvarez Blanco "unha voz ilustre na nosa poesía desde a publicación do seu primeiro poemario en galego, O paxaro na boca (1952), que inaugurou a colección Xistral". Na súa obra posterior Luz Pozo achega unha poesía inzada de sensualidade e profunda, na cal o amor, a inquedanza existencial, a patria, a liberdade e mesmo a morte se entrecruzan compondo textos de sublime autenticidade e madurez."95 anos de luz" Editorial Galaxia, 21/7/2017.
Finou como decana da poesía galega, aos 97 anos de idade, o luns 20 de abril de 2020, na Coruña, a cidade na que residía dende finais dos anos oitenta.
Obra en galego
Poesía
O paxaro na boca, 1952, Colección Xistral, ao coidado de Ángel Johán. Últimas palabras / Verbas derradeiras, 1976, Colección de poesía, Nordés.Versión galega autotraducida do orixinal castelán. Concerto de outono, 1981, Serie Limiar, Ediciós do Castro. Códice Calixtino, 1986, Leliadoura, Edicións Sotelo Blanco. Prometo a flor de loto, 1992, Deputación da Coruña.Premio de poesía Miguel González Garcés 1992. Vida secreta de Rosalía, 1996, Espiral Maior. Traducida ao xaponés. Ribadeo, Ribadeo, 2002, Concello de Ribadeo e Xunta de Galicia. Medea en Corinto, 2003, Linteo, edición bilingüe galego-castelán.Edición de Andrés Pociña e Aurora López. Historias fidelísimas: poesía selecta 1952-2003, 2003, PEN Clube de Galicia. Memoria solar (obra poética), 2004, Linteo.Recolle catorce poemarios de 1949 a 2004. As arpas de Iwerddon, 2005, Linteo. Prologado por Olivia Rodríguez. As vodas palatinas, 2005, Espiral Maior. Deter o día cunha flor, 2009, Baía Edicións. Con ilustracións de José Valentín. Rosa tántrica, 2016, Colección Libros do Sarela, Alvarellos Editora.Edición, ao coidado de Olivia Rodríguez e Henrique Alvarellos, coa colaboración de Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, que asinan senllos poemas ao final da obra. Luz Pozo é a autora da ilustración da capa e dos debuxos interiores. Pazo de Tor, 2019, Alvarellos Editora."Luz Pozo Garza visita as raíces da memoria familiar en 'Pazo de Tor'" RAG, 8/2/2019.Unha Camelia / One Camellia Blossom, 2021, edición bilingüe de seis poemas, tradución de Adina Ioana Vladu, Small Satations Press.50 poemas de Luz (2026). Santiago: Alvarellos. 122 páxs. ISBN 979-13-88293-00-9. Os seus mellores cincuenta poemas, nunha selección e edición de Olivia Rodríguez. Un estudo introdutorio e unha aplicación didáctica, explican o sentido do luminoso, profundo e sensual universo poético da autora.
Ensaio A bordo de "Barco sin luces" ou o mundo poético de Luís Pimentel, 1990, Sotelo Blanco.Edición corrixida e ampliada no 2011, publicada por Alvarellos Editora. Álvaro Cunqueiro e "Herba aquí ou acolá", 1991, Editorial Galaxia.Álvaro Cunqueiro e Herba aquí ou acolá vista previa en Google Books. Galicia ferida: a visión de Luís Seoane, 1994, Ediciós do Castro. Diálogos con Rosalía, 1996, discurso de ingreso na RAG. Ondas do mar de Vigo: erotismo e conciencia mítica nas cantigas de amigo, 1996, Espiral Maior.
Antoloxías e obras colectivas miniatura|320px|Plenario da RAG en 2013. Antoloxía da poesía galega actual. Nordés, 1978, Ediciós do Castro. I Festival de Poesía no Condado, 1981, S. C. D. Condado. Antologia poética. Cancioneiro rosaliano, 1985, Guimarães Editores. Os escritores lucenses arredor de Ánxel Fole, 1986, Concello de Lugo. Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once escritoras galegas, 1997, Fundación Rosalía de Castro. Tres poetas medievais da Ría de Vigo: Martín Codax, Mendiño e Johán de Cangas, 1998, Galaxia.Con Henrique Monteagudo e Xesús Alonso Montero.Tres poetas medievais da ría de Vigo vista previa en Google Books. A poesía é o gran milagre do mundo, 2001, PEN Clube de Galicia. Poetas e narradores nas súas voces. I, 2001, Consello da Cultura Galega. O libro dos abanos (Palabras no aire), 2002, Libros da Frouma, Follas Novas. Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000, 2003, Tris Tram. Por Arturo Casas. Carlos Casares. A semente aquecida da palabra, 2003, Consello da Cultura Galega. Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra, 2003, Espiral Maior. Poemas de amor. Xeración dos 50, 2004, Tórculo. Por Maximino Cacheiro. Son de poesía, 2005, Edições Fluviais, Lisboa. Amor en feminino: antoloxía das poetas galegas de Rosalía á Xeración dos 80, 2006, Baía Edicións.Edición de Maximino Cacheiro. Poemas pola memoria (1936-2006), 2006, Xunta de Galicia. Poemas coruñeses: antoloxía de textos poéticos dos séculos XIX e XX sobre a Coruña, 2008, Espiral Maior. Actas do Congreso Manuel María. Literatura e Nación, 2009, Fundación Manuel María. Erato bajo la piel del deseo, 2010, Sial Ediciones. Poemas para Carmen Blanco, 2010, Libros da Cebra. Poetas con Valente, 2010, Universidade de Santiago de Compostela. To The Winds Our Sails, 2010, Salmon Poetry. Tradución do galego ao inglés. Tamén navegar, 2011, Editorial Toxosoutos. Cartafol de soños, homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no seu centenario (1912-2012), 2012, A. C. Alexandre Bóveda. Unha cesta de pombas e mazás. Homenaxe a Isaac Díaz Pardo, 2013, Academia Real Isaac Díaz Pardo. De Cantares Hoxe. Os Cantares gallegos de Rosalía de Castro no século XXI, 2015, Fundación Rosalía de Castro/Radio Galega. Un pozo de Luz, 2017, homenaxe da RAG no seu 95 aniversario.
Himno
Compuxo a letra do Himno do Congreso Eucarístico de Viveiro, arranxado por Hernán Naval para a ocasión da homenaxe á Virxe dos Remedios feita na década dos noventa.
Obra en castelán Poesía Ánfora, 1949, Vigo, edición da autora. Con portada de Xosé Sesto representando a Dánae. El vagabundo, 1952, Ribadeo, edición da autora.Escrito en 1950 para o Premio de Poesía Adonais. Repite a portada de Sesto. Dedicado aos poetas Gerardo Diego, Gamallo, Rabanal e Moreiras. Inclúe ilustracións de Lugrís. Cita en el viento, 1962, Viveiro, edición da autora. Dedicado a Dionisio Gamallo. Últimas palabras/Verbas derradeiras, 1976. A Coruña: Nordés. Sol de medianoche, 2013, Eurisaces.Elexía dedicada a súa neta, Natalia Vázquez, finada en 2012 aos 39 anos de idade. Con prólogo de Ramón Loureiro e epílogo de Javier González Lamelas.
Premios e recoñecementos miniatura|Rúa na Pobra do Caramiñal. Foi premiada na VII Festa da Cantiga polo poema "Noticia dende a Cruña a un amigo foraño" (Flor Natural) en 1974. Premio Tomás Barros de ensaio en 1990. Premio á Creación Feminina da Consellería de Cultura no 1991, por toda a súa traxectoria literaria.