O armisticio de Belgrado asinouse entre o novo Goberno revolucionario húngaro de Mihály Károlyi e o comandante aliado nos Balcáns, o mariscal francés Louis Franchet d'Espèrey, o . O acordo, que debía regular as relacións entre o novo Goberno republicano de Hungría (aínda non recoñecido) e os Aliados, foi sistematicamente infrinxido, o que levou finalmente á renuncia do Goberno de Károlyi en marzo e á proclamación da República Soviética Húngara.

No medio da desintegración do Imperio Austrohúngaro a finais de setembro e comezos de outubro de 1918, trala vitoriosa ofensiva aliada nos Balcáns, un novo Goberno teoricamente favorable aos vencedores tomou posesión en Hungría. Este novo gabinete esperaba poder manter a unidade territorial do antigo reino húngaro. O novo Goberno declarouse independente do Imperio, pero os Aliados non recoñeceron esta declaración. A firma do armisticio de Padua entre o Imperio e os Aliados a comezos de novembro non detivo o avance das unidades aliadas en territorio húngaro.

O Goberno húngaro enviou unha delegación encabezada polo propio primeiro ministro para tratar de pactar un novo armisticio que detivese ás unidades da Entente, especialmente as dos países veciños, que desexaban anexionarse parte dos antigos territorios do Imperio.

Tras recibir as condicións aliadas en Belgrado o 6 de novembro, a delegación húngara regresou a Budapest a presentalas ao Goberno mentres as unidades serbias e checoslovacas continuaban avanzando. O 13 asinouse finalmente o armisticio, que reducía o tamaño do Exército húngaro e obrigaba á evacuación militar, pero non administrativa, de certos territorios, ademais de conceder certos dereitos militares aos Aliados e compensacións a Serbia.

Malia as promesas aliadas, nos meses seguintes os países veciños, co apoio dos políticos das minorías, foron tomando o control de distintas zonas en disputa e infrinxindo as cláusulas do armisticio; as protestas do Goberno e os seus intentos de conciliación coas minorías fracasaron. Os Estados veciños desexaban controlar os territorios antes do comezo das conversacións de paz, os Aliados non contaban coas forzas necesarias para detelos e o Goberno húngaro víase impotente para manter o control do territorio do antigo reino. As continuas cesións acabaron por minar o seu prestixio nacional e en marzo negouse a aceptar un novo retroceso da liña que separaba ás unidades militares húngaras das romanesas. O Goberno social-liberal dimitiu poñendo fin á República Popular de Hungría e deu paso a un novo Goberno social-comunista e á proclamación da República Soviética Húngara.

Antecedentes Ante o afundimento da fronte dos Balcáns tralo éxito da ofensiva aliada en Salónica e a rendición búlgara () ao avance desde o sur foi rápido, alcanzándose Belgrado o 1 de novembro case sen oposición polo repregue das Potencias Centrais cara ao norte. O comandante aliado, D'Espèrey, ordenara que as tropas serbias detivésense na fronteira austrohúngara salvo uns poucos voluntarios, que debían cruzala con obxectivos propagandísticos. Mihály Károlyi, presidente do novo Goberno húngaro independente, non recoñecido polos Aliados, encabezou a delegación que negociou co mariscal D'Espèrey os termos do novo armisticio para Hungría.|miniatura|esquerda O 29 de outubro, nun dos acontecementos que marcou a desintegración do Imperio Austrohúngaro, representantes dos eslavos do sur reunidos no Comité Nacional de Zagreb proclamaron a independencia dos territorios eslavos do sur, que incluían territorios húngaros. O día anterior, sucedera o mesmo en Praga, onde os nacionalistas checoslovacos tomaran o poder; ese mesmo día a revolución dos Crisantemos daba o poder a Mihály Károlyi en Budapest. O novo Goberno de Károlyi, pacifista e antimilitarista e cun historial de declaracións favorables á Entente e contrarias á alianza con Alemaña, esperaba lograr boas condicións de paz dos Aliados, incluíndo o mantemento no posible da unidade territorial de Hungría (salvo Croacia-Eslavonia).

Un dos últimos actos do Goberno austrohúngaro foi a firma do armisticio de Padua (), ao que os Aliados consideraban que Hungría estaba sometida malia haberse asinado trala declaración de independencia, que aínda non fora recoñecida por eles. Este armisticio establecía un tamaño máximo de vinte divisións para o Exército austrohúngaro e unha zona de ocupación. Esta non incluía os territorios húngaros, xa que o principal obxectivo dos Aliados era levar a cabo un ataque contra Alemaña, que aínda non se rendeu, a través da metade austríaca. Este feito parecía favorecer a Hungría, pero na práctica o avance dos exércitos aliados e dos Estados veciños non o tivo en conta. Malia que o armisticio asinado co Exército italiano non modificaba as fronteiras existentes ao leste do Adriático, D'Espèrey, responsable da fronte balcánica, non aceptou a súa validez para esta sección da fronte. O armisticio estipulaba ademais a posibilidade de que as unidades da Entente atravesasen territorio húngaro na súa persecución das alemás, posibilidade que alarmaba ao novo Goberno de Budapest. Este temía que se as tropas serbias ou checoslovacas ocupaban territorios no seu avance contra os alemáns acabarían por anexionáselos.

O mesmo día da firma do armisticio en Padua, o rexente serbio, o futuro rei Alexandre I de Iugoslavia, indicou a intención do seu país de tomar as rexións máis aló do Danubio, denominadas Voivodina. O mariscal francés D'Espèrey aceptou o avance das tropas, ante o estado de desintegración de Austria-Hungría. O día 5, os comandantes do 1º e 2.º exércitos serbios recibiron permiso para avanzar. O mesmo día, o ministro húngaro de Defensa esixía ao representante alemán en Budapest a evacuación inmediata das tropas de territorio húngaro; o Goberno checoslovaco utilizara a súa presenza para cortar o fornezo de carbón aos húngaros, argumentando que servía para abastecer ás tropas alemás. O día 7, as unidades serbias cruzaron o Drava.

Ante o avance continuado, xa en territorio húngaro, Károlyi e o seu ministro de Nacionalidades, Oszkár Jászi trasladáronse a Belgrado o para negociar un novo armisticio co comandante aliado e conseguir así polo menos recoñecemento de feito do seu Goberno. Os representantes húngaros viaxaban dispostos a solicitar a ocupación do país por tropas que non pertencesen aos países veciños se non lograban deter o avance aliado. Ese mesmo día, as tropas serbias comezaban a tomar o control da Voivodina.

Antes da chegada da delegación húngara a tarde do día 6, D'Espèrey recibira resposta á súa consulta a París de se manter ou non conversacións co novo Goberno húngaro: debía facelo e presentar as condicións asinadas en Padua o día 3. D'Espèrey chegou a Niš o 6 e a Belgrado o 7, indicando que esa mesma tarde a delegación húngara debía presentarse na súa residencia.

A negociación Louis Franchet d'Espèrey, mariscal francés ao mando das tropas aliadas nos Balcáns, que negociou o armisticio cos representantes húngaros en Belgrado.|miniatura|dereita A delegación húngara, oito membros e un intérprete francés, presentouse á hora indicada (7 p. m.) na residencia de D'Esperey, que os recibiu secamente e indicou a súa desagrado pola presenza dun representante dos consellos de soldados entre os delegados. O mariscal francés mostrou ademais o seu antisemitismo pola presenza dun representante xudeu, o barón Hatvany.

Tralas presentacións, Károlyi leu torpemente o discurso que había preparado, ao que o mariscal obxectou que non representaba a Hungría senón ao pobo maxiar exclusivamente. O discurso era favorable á Entente e trataba de desligar ao novo Goberno de Austria-Hungría e o seu pasado bélico. D'Esperey respondeu negativamente a case todas as peticións da delegación e aconsellou que os magiares apoiasen a Kaŕolyi, única figura que podía suavizar as condicións ás que sería sometida Hungría.79 Esta sería considerada unha nación derrotada, non neutral, como pretendía a delegación.

D'Esperey comunicou as condicións aliadas para un armisticio (dezaoito puntos) e, tras un longo intre, retirouse para permitir deliberar á delegación. As condicións consideráronse moi duras e solicitouse que se incluíse a integridade territorial (salvo Croacia-Eslavonia) entre as mesmas e o mantemento do fornezo de carbón ao país. Un telegrama sobre ambos puntos enviouse ao presidente francés, co permiso do mariscal. Ás 10:30 p. m., as conversacións pararon e a delegación regresou ao seu hotel para cear. A medianoite, regresou, D'Esperey presentoulles aos delegados a redacción final do acordo e a 1:30 a. m. a maioría da delegación regresou a Budapest para informar del ao Consello Nacional.

Ao mediodía do 7 de novembro, un telegrama urxente de París indicaba que as conversacións co Goberno de Károlyi debían cinguirse ao estipulado no Armisticio de Padua e deixar de lado as cuestións políticas.

O día 8, Károlyi presentou o seu informe sobre as conversacións de Belgrado ante o gabinete. Károlyi defendeu a firma inmediata, pero o Goberno preferiu esperar a resposta do presidente francés Clemenceau ás consultas da noite do 6, que D'Esperey comunicou o día 12. Mentres, o avance serbio continuaba; o mesmo día 8 déronse instrucións concretas de avance ata certas liñas no Banato, a Voivodina e Croacia. No norte, algúns lexionarios checoslovacos ocuparon distritos reclamados polo Consello Nacional Eslovaco, sen atopar resistencia, acontecemento que levou á dimisión do pacifista ministro de Defensa húngaro, Linder, e ao comezo do rearme húngaro.

O 9 D'Esperey regresou a Niš e os dous delegados húngaros que permaneceran orixinalmente en Belgrado tampouco se achaban na cidade, mentres as operacións militares continuaban, para satisfacción serbia. Ese mesmo día, tropas serbias entraban en Novi Sad, aclamados pola poboación.

O día 11, o comandante serbio en Novi Sad avisou a Belgrado da inminente chegada do exministro húngaro da Guerra, Béla Linder, encargado polo seu Goberno de aceptar as condicións negociadas a noite do 6. Informado o mesmo día da capitulación alemá, o alto mando en Salónica ordenou deter o avance das tropas ás once, hora francesa, do mesmo día. D'Esperey encargou ao xeneral francés Henrys e ao mariscal serbio Živojin Mišić a sinatura do armisticio. O xeneral francés viaxou a Belgrado dous días máis tarde para a sinatura do documento.

Termos do acordo O pacto asinouse o ás 11:15 p. m. e estipulaba unha redución do Exército húngaro a oito divisións, (seis de infantaría e dous de cabalaría) que debían utilizarse para manter a orde no país. Hungría habería de permitir ademais a ocupación dos puntos que os Aliados designasen como estratéxicos para a súa campaña contra Alemaña. As súas tropas retiraríanse máis aló dunha liña de demarcación que seguía o seguinte trazado aproximado: do alto val do Szamos cara ao sur, cara ao Maros; logo ao longo deste ata a súa unión co Tisza, cara ao oeste deixando Szeged no lado húngaro e Pécs e Baja na zona evacuada ata o Drava, para acabar seguindo este ata a fronteira occidental de Transleitania. Non había modificacións no norte, zona sen interese militar naquel momento. O documento constaba en total de dezaoito puntos. Non se establecía zona de ocupación no norte do país. Isto fixo que o Goberno de Budapest confiase en conservar a totalidade dos territorios con poboación eslovaca.