Margaret Hutchinson Rousseau, nada en Houston,Texas (Estados Unidos) o 27 de outubro de 1910 e finada en Weston, Massachusetts (Estados Unidos) o 12 de xaneiro de 2000 aos 89 anos, foi unha enxeñeira química estadounidense.

Traxectoria Margaret Hutchinson naceu en 1910 en Houston, Texas, filla dun dono dunha pequena tenda de roupa. Graduouse en Ciencias polo Instituto Rice en 1932, e doutorouse en enxeñería química polo MIT en 1937, converténdose na primeira muller cun doutoramento nesa especialidade nos Estados Unidos. O título da súa tese foi The effect of solute on the liquid film resistance in gas absorption (en galego O efecto do soluto sobre a resistencia da película líquida na absorción de gas).A súa carreira profesional como enxeñeira química comeza en Boston en E.G Badger, unha empresa especializada no deseño e construción de plantas para a fabricación de diversos produtos. Esta enxeñeira contribuíu á segunda guerra mundial con dous proxectos de gran relevancia histórica.

O seu maior logro foi deseñar o primeiro fermentativo en masa do fungo Penicillium chrysogenum para a produción comercial de penicilina. A capacidade de crear este antibiótico a partir do fungo Penicillium notatum fora descuberta no 1928 por Fleming, mais as dificultades para a súa extracción facían dese descubrimento todo un desafío para desenvolver unha forma de produción rápida e a grande escala deste fármaco antibacteriano coñecido como penicilina. A substitución do Penicilium notatum polo Penicillium chrysogenum solucionou estes atrancos.Porén, descoñécese cal foi a planta de fabricación deste produto que Hutchinson axudou a deseñar; a primeira planta que se coñece puxo en funcionamento este sistema de tanques de fermentación foi a da empresa Pfizer en Brooklyn, Nova York, onde ela traballaba, pero durante a Segunda guerra mundial houbo máis de vinte empresas canadenses e estadounidenses implicadas neste tipo de produción.

As súas experiencias de produción de caucho sintético e a destilación do cru de petróleo en combustible de alto octanaxe xogaron un papel importante no deseño deste proceso. Así, a través deste proceso, almacenábase mofo produtor de penicilina utilizando catorce tanques de fermentación.

Grazas a estes avances, no 1944 máis de dous millóns de doses de penicilina estaban dispoñibles para o seu emprego polas forzas aliadas, co potencial de salvar moitas vidas. Mentres, Margaret e outros determinaron a estrutura de penicilina.

Na década dos cincuenta traballou no desenvolvemento de gasolina de alto octanaxe. Margaret axudou a inventar un dispositivo chamado ripple tray que mellorou a destilación do petróleo cru co fin de obter combustible a partir dalgúns dos seus compoñentes, xa que algúns deles se empregan para fabricar gasolina, mentres que outros serven para fabricar unha gran variedade de produtos, entre eles os plásticos. Compre mencionar os seus traballos na mellora do deseño das columnas de destilación e das plantas para a produción de etilenglicol e ácido glacial.

No ano 1945 pasou a ser membro do American Institute of Chemical Engineers (AIChE), sendo a primeira muller en acadar esta posición.

Retirouse no ano 1961 e converteuse en revisora da Orquestra Sinfónica de Boston.

Faleceu o 12 de xaneiro de 2000 na súa casa en Weston, Massachusetts (Estados Unidos).

Premios e recoñecementos En 1955 recibiu o Premio Achievement da Sociedade de Mulleres Enxeñeiras.

En 1983 foi a primeira gañadora do prestixioso premio AIChE Founders Award, do American Institute of Chemical Engineers.Ata o 2003 a única muller membro que conseguiu este título, que premia as contribucións significativas á investigación e á práctica da enxeñaría química.

O premio Margaret Hutchinson Rousseau Pioneer Award for Lifetime Achievement by a Woman Chemical Engineer leva o seu nome no seu honor.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Historia da produción de penicilina coa fermentación deep-tank Margaret Hutchinson Rousseau, ingeniera química no blog Mujeres con ciencia

Categoría:Nados en 1910 Categoría:Nados en Houston, Texas Categoría:Finados en 2000 Categoría:Enxeñeiros dos Estados Unidos de América