As eleccións xerais de Suráfrica de 2014 tiveron lugar o 7 de maio de dito ano para escoller os 400 membros da vixésima cuarta Asemblea Nacional e renovar as lexislaturas provinciais, que á súa vez elixirían os 90 membros do Consello Nacional das Provincias, configurando así a lexislatura do Parlamento de Suráfrica para o período 2014-2019. Foron as quintas eleccións xerais desde a fin do Apartheid en 1994, e os primeiros comicios desde a morte de Nelson Mandela. Tamén foi a primeira vez que se lles permitiu votar aos surafricanos residentes no exterior.
O resultado foi unha quinta vitoria consecutiva para o oficialista Congreso Nacional Africano (ANC), presidido e liderado por Jacob Zuma, que obtivo unha cómoda maioría absoluta na Asemblea Nacional con 249 escanos e o 62.15% do voto popular. Con todo, a maioría do ANC viuse reducida tras perder 15 escanos, e viu decrecer lixeiramente o seu apoio electoral respecto ao 65.9% que recibiu nas eleccións de 2009. Se ben o decrecemento de votos do ANC foi significativamente menor ao sufrido en 1999 (cando perdeu case dous millóns de sufraxios), o resultado fixo tremer o liderado do partido, que solicitou unha análise electoral ao respecto. Por outro lado, o principal partido da oposición, a centrodereitista Alianza Democrática (DA), liderada por Helen Zille, obtivo o 22.23% dos votos e 89 escanos, incrementando o seu apoio popular a case o dobre de votos que en 2009 e obtendo 22 escanos máis, sendo o mellor resultado histórico do partido, e o mellor resultado obtido polo segundo partido máis votado desde a instauración do sufraxio universal, superando o 20.39% obtido polo Partido Nacional en 1994. En terceiro lugar, un novo partido, Loitadores pola Liberdade Económica (EFF), de Julius Malema, cualificado como de extrema esquerda, obtivo o 6.35% dos votos.
No plano dos partidos minoritarios, en cuarto lugar quedou o Partido da Liberdade Inkatha (IFP) que perdeu case a metade dos votos que obtivo en 2009 e obtivo só 10 escanos, continuando a súa caída iniciada a partir das anteriores eleccións. Mais a maior caída foi a sufrida polo Congreso do Pobo (COPE), de Mosiuoa Lekota, que logo de ter ocupado o terceiro lugar nas anteriores eleccións (arrebatándollo ao IFP), sufriu unha gran cantidade de escisións e conflitos internos, polo que para o momento dos comicios perdera máis da metade da súa representación lexislativa debido a desercións masivas, e nas eleccións pasou a ocupar un oitavo lugar irrisorio co 0.67% das preferencias e 3 escanos, quedando practicamente na irrelevancia política.
No plano provincial, o ANC obtivo maioría en oito das nove lexislaturas. O EFF obtivo máis do 10% dos votos en Gauteng, Limpopo e Noroeste, logrando quedar en segundo lugar por encima de DA nas dúas últimas. Nas outras seis provincias ganadas polo ANC, DA obtivo o segundo lugar. Isto incluía KwaZulu-Natal, onde DA logrou relevar do seu segundo lugar o Partido da Liberdade Inkatha por primeira vez na súa historia. En Cabo Occidental, a única provincia onde triunfou a oposición, DA incrementou o seu resultado do 51.5% ao 59.4%.
Sistema electoral Suráfrica ten un sistema parlamentario bicameral de goberno. A cámara baixa é a Asemblea Nacional que consta de 400 membros elixidos mediante representación proporcional con listas pechadas. Douscentos membros son elixidos das listas dos partidos a nivel nacional; mentres que os outros 200 son elixidos das listas provinciais dos partidos en cada unha das nove provincias. O Presidente de Suráfrica, que é o xefe de estado e do goberno do país, é elixido pola Asemblea Nacional despois das eleccións.
As lexislaturas provinciais, que varían en tamaño de 30 a 80 membros, tamén son elixidas por representación proporcional con listas pechadas. Os gobernadores (premiers) de cada provincia son elixidos pola maioría ganadora en cada lexislatura provincial.
A cámara alta do Parlamento é o Consello Nacional das Provincias (NCOP polas súas siglas en inglés), consta de 90 membros, 10 por cada provincia, elixidos polas respectivas lexislaturas provinciais en proporción á representación de cada partido na lexislatura.
O 26 de novembro de 2013 entrou en vigor a Lei de Emenda Electoral de 2013, que lle permite aos cidadáns surafricanos residentes fóra de Suráfrica rexistrarse e votar na elección da Asemblea Nacional. Unha nova regulación engadida en 2013 que se aplicou por primeira vez o 7 de maio de 2014 é a prohibición de fotografar as papeletas con signos marcados, o que ten como obxectivo inhibir a intimidación dos votantes.
Partidos políticos e líderes Principais miniatura|230px|O presidente surafricano, Jacob Zuma, comprometeuse a crear 6 millóns de empregos se o ANC retiña o poder. O Congreso Nacional Africano (ANC) apoiado pola súa Alianza Tripartita co Congreso de Sindicatos Surafricanos (COSATU) e o Partido Comunista de Suráfrica (SACP), tivo maioría absoluta no lexislativo surafricano desde o establecemento da democracia en 1994, gobernando ininterrompidamente desde aquelas. Tras a saída do poder do seu líder, Nelson Mandela, o seu sucesor, Thabo Mbeki, foi elixido en 1999 e reelixido en 2004 por ampla marxe. Nas eleccións de 2009 experimentou unha lixeira caída do 69% ao 65.9% dos votos, coa elección de Jacob Zuma como presidente do partido en 2007. En 2012, Zuma foi reelixido para un segundo mandato de cinco anos como presidente do ANC, derrotando o seu único rival e vicepresidente, Kgalema Motlanthe, por unha ampla marxe. Cyril Ramaphosa foi elixido como vicepresidente do ANC, sucedendo a Motlanthe que declinara un segundo mandato despois de perder ante Zuma.
O principal partido da oposición, Alianza Democrática (DA), recibiu tan só o 16.7% dos votos en 2009, un aumento moi lixeiro con respecto ao 12.4% de 2004 e as eleccións de 2014 serían os terceiros comicios xerais que disputaría desde a súa fundación en 2000. O DA era liderado por Helen Zille, quen foi reelixida sen oposición polo Congreso Federal do partido en Gaunteg en 2012, mentres Lindiwe Mazibuko continuou como Líder da Oposición no Parlamento. A nivel provincial, DA era a única forza opositora en gobernar unha provincia, Cabo Occidental, desde 2009, logrando manter e consolidar este bastión nas eleccións municipais de 2011. Tradicionalmente, DA e os seus partidos predecesores foron vistos como forzas opostas ao Apartheid, sobre todo na década de 1980. Con todo, unha das súas principais fontes de votantes son os brancos no sur, especialmente despois de ter absorbido o Novo Partido Nacional en 2001 (aínda que o NNP disolveuse formalmente en 2004).
O Congreso do Pobo (COPE), era dirixido por Mosiuoa Lekota, aínda que o seu liderado foi disputado por Mbhazima Shilowa. No momento dos comicios, Shilowa loitaba polo seu recoñecemento como líder do partido ante o Tribunal Superior. As loitas internas minaron o apoio popular do partido, resultando na formación do Congreso Unido, un grupo disidente. En 2009, COPE superara o 7% dos votos e obtivera 30 escanos, pero ante a inestabilidade partidaria, as posibilidades do partido nos comicios de 2014 eran baixas.
Para estas eleccións, Mangosuthu Buthelezi continuou liderando Partido da Liberdade Inkatha (IFP), principal partido de KwaZulu-Natal, a pesar de verse desafiado pola expresidenta Zanele KaMagwaza-Msibi, quen fundara o Partido Nacional da Liberdade (NFP). O NFP e o IFP dividiron o voto na provincia de KwaZulu-Natal, dominada polos zulús, nas eleccións previas do goberno local, cada un obtendo unha parte equitativa dos votos, mentres que o ANC seguiu dominando o antigo bastión do IFP.
A Comisión Electoral Independente de Suráfrica (IEC) anunciou o 17 de marzo que un número récord de 33 partidos inscribiran candidatos para as eleccións parlamentarias nacionais. Nas eleccións á lexislatura provincial, o número de partidos que rexistraron candidatos, incluídas catro partes que aínda non pagaran os depósitos requiridos, suxeito a un prazo de 24 de marzo, era: Cabo Occidental - 26 Gauteng - 22 Limpopo - 20 Cabo Oriental - 18 KwaZulu-Natal - 18 Estado Libre - 17 Mpumalanga - 16 Cabo do Norte - 16 Noroeste - 16
O código de conduta electoral asinouse en Midrand, Gauteng o 19 de marzo de 2014. No evento da sinatura, realizouse un sorteo no que o partido Fronte da Liberdade (VF+), ganou o dereito a aparecer na parte superior da papeleta.
Partidos novos Varios partidos disputaron as eleccións por primeira vez e obtiveron escanos a nivel nacional e provincial. En primeiro lugar, o exlíder expulsado da Liga Xuvenil do ANC, Julius Malema, fundou o partido Loitadores pola Liberdade Económica (EFF), asumindo unha forte posición anti-ANC dentro dunha plataforma económica ultraesquerdista, pedindo a expropiación da terra sen compensación e a nacionalización das minas e o Banco da Reserva de Suráfrica. No seu debut electoral obtivo 25 escanos, superando a varios partidos anteriores como COPE, VF+ e UDM.
O Partido Nacional da Liberdade (PFN), formado pola expresidenta do IFP, Zanele KaMagwaza-Msibi, presentouse tamén á súa primeira proba electoral. Por outro lado, o Congreso Independente Africano (AIC), aínda que fundado en 2005, disputou unhas eleccións xerais por primeira vez. Por último, o partido Agang Suráfrica foi fundado polo líder do movemento anti Apartheid Mamphela Ramphele en 2013.
Entre os partidos novos que non obtiveron representación parlamentaria: o Partido de Ubuntu, cunha ideoloxía baseada no contribucionismo, prometeu eliminar o 100% do desemprego, cerrar o Banco da Reserva e substituílo por un Banco Popular, que outorgaría préstamos sen xuros, financiar unha campaña masiva de obras públicas e proporcionar electricidade de balde; o Partido Obreiro e Socialista (WASP) foi lanzado no Día dos Dereitos Humanos de 2013 polos líderes dos comités de folga de mineiros independentes que encabezaron as folgas na industria mineira en 2012, antes e despois do masacre de Marikana, e do Movemento Socialista Democrático (DSM); e como resultado das loitas internas en COPE, formouse un grupo escindido, o Congreso Unido, dirixido por Mluleki George.
A Fronte Nacional (NF), fundado en decembro de 2013, promovía o separatismo afrikáner. Hannes Engelbrecht era o seu líder e Dan Roodt o seu vicepresidente e voceiro. A Alianza Patriótica foi fundada en 2013 polo empresario Kenny Kunene, e o seu ex compañeiro de cárcere, Gayton Mckenzie.
Alianzas e desercións O partido Demócratas Independentes, que ganou catro escanos e o 0.9% dos votos en 2009, fusionouse con Alianza Democrática para as eleccións de 2014.
O 17 de decembro de 2013, a Asociación da Prensa Surafricana informou que cinco partidos da oposición, a saber, COPE, o IFP, o Partido Demócrata Cristián Africano, o Partido Demócrata Cristián Unido e a Fronte da Liberdade, formaran unha coalición con vinte prioridades específicas. Os partidos na coalición, chamada Colectivo para a Democracia (CD) e presidida polo líder de COPE Mosiuoa Lekota, conservarían a súa propia identidade e competirían nas eleccións de forma individual. O IFP negou ser parte da coalición, dicindo que estaban pouco dispostos de formar tales alianzas dada a confusión que causara aos seus seguidores nas eleccións anteriores. Tres días despois, o día 20, a Unión Nacional de Traballadores Metalúrxicos de Suráfrica (NUMSA), afiliada máis grande da COSATU, anunciou que non apoiaría nin o ANC nin ningún outro partido político en 2014. NUMSA planeou establecer un novo colectivo de clase traballadora similar ao da defunta Fronte Democrática Unida, co obxectivo final de formar un partido socialista que dispute as eleccións xerais de 2019. Unha facción oposta da COSATU solicitou legalmente a eliminación de NUMSA do COSATU, con implicacións significativas para o panorama laboral e político do país.