miniatura|250px|Tubo aberto de tabletas de Oscillococcinum Oscillococcinum (ou Oscillo) é unha preparación homeopática que se vende para aliviar os síntomas da gripe, aínda que non está demostrado que proporcione ningún beneficio máis alá do placebo. É unha preparación bastante popular nalgúns países, especialmente en Francia e Rusia.

Oscillococcinum promóvese segundo o principio homeopático non probado de que "o similar cura o similar" e que unha doenza pode curarse con pequenas cantidades da substancia que causa síntomas similares. A empresa francesa Boiron é o seu único fabricante. Oscillococcinum utilízase en máis de 50 países e leva producíndose desde hai uns 65 anos.

Oscillococcinum foi proposto orixinalmente como remedio polo médico francés Joseph Roy, que se baseou nunha identificación errada que el fixera dunha suposta bacteria oscilante que el nomeou oscillococcus que atopara en vítimas da epidemia de gripe española de 1917–1918. J. Roy dixo que detectara a mesma bacteria tamén en pacientes de cancro e en fígado de pato e propuxo unha preparación homeopática como remedio para a gripe española. Dito microbio que J. Roy dixo que vira non foi nunca observado independentemente por ningún outro investigador. Ademais, sábese perfectamente que a gripe é causada por un virus e non por unha bacteria.

A preparación obtense do fígado de pato e é extremadamente diluída ata 200C (na escala de dilucións homeopáticas), unha proporción dunha parte de víscera de pato en 10400 partes de auga, polo que polos principios da química non é razoablemente esperable que conteña ningunha molécula do principio activo. Os homeópatas afirman que as moléculas deixan unha "impronta" na dilución que causa os efectos curativos no corpo; aínda que non hai ningunha proba que apoie este mecanismo de eficacia, alén do efecto placebo. NCCAM Publication No. D183

Orixe e historia

A palabra Oscillococcinum foi acuñada polo médico francés Joseph Roy (1891–1978) no seu libro de 1925 Vers la connaissance et la guérison du cancer (Cara ao coñecemento e a cura do cancro). Roy escribiu que estando no servizo militar durante a epidemia de gripe española de 1917 observara unha bacteria oscilante no sangue das vítimas da gripe, que el denominou Oscillococcus.

Roy seguidamednte afirmou ter observado o microbio no sangue de pacientes que tiñan enfermidades virais como o herpes, varicela e herpes zóster. Pensaba que era o axente causante de enfermidades tan variadas como eccema, reumatismo, tuberculose, sarampelo e cancro. Roy buscou a presenza da bacteria en varios animais ata que creu que a atopara no fígado dun pato branco Pekín (Anas platyrhynchos). Como tamén cría que o detectara en sangue de pacientes de cancro, probou unha terapia similar ás vacinas con eles, pero non tivo éxito.

O microbio nunca foi observado independentemente por ningún outro investigador, e non está claro que foi o que Roy realmente viu, se viu algo. Ademais, a ciencia médica desbotou hai tempo a teoría do "xerme universal" de Roy, e, por exemplo, o reumatismo non está causado por unha bacteria e o sarampelo é causado por un virus moito máis pequeno do que é posible observar cun microscopio óptico como os usados por Roy.

As preparacións modernas que se venden adoitan prepararse a partir do corazón e fígado do pato Cairina moschata (ver a sección Preparación para máis detalles).

En Francia, a venda de todos os produtos fabricados segundo o principio de dilución korsakoviano estivo prohibida ata 1992, coa excepción de Oscillo, grazas a unha medida especial que se adoptou sobre el. En 2000, Oscillococcinum era unha das medicinas que estaba entre as 10 primeiras vendidas en Francia, era publicitada nos medios de comunicación e era prescrita para a gripe e o arrefriado común. En 2008 vendíase en case toda Europa e as vendas deste produto nos Estados Unidos eran de 15 millóns de dólares ao ano.

Preparación

Os ingredientes dun tubo dun gramo de Oscillococcinum son os seguintes: Ingrediente activo: Anas Barbariae Hepatis et Cordis Extractum (extracto do fígado e corazón do pato Cairina moschata) 200CK HPUS 1 × 10−400 g, o cal quere dicir que a dilución é tan grande que contería unha masa de principio activo moito menor que a masa dun protón (a masa do protón é 1,67 × 10−24 g), polo que non se pode esperar que conteña ningunha molécula do principio. Ingrediente inactivo: sacarosa, lactosa (por tanto, é 100% azucre.)

A dilución 200CK indica que a preparación se fixo realizando unha serie de 200 dilucións en serie do ingrediente de partida, que é un extracto de corazón e fígado de pato. Cada paso de dilución implica realizar unha dilución 1:100, onde a primeira mestura contén un 1% do extracto, a segunda contén o 1% da primeira mestura, e así sucesivamente ata realizar 200 dilucións. O K indica que se prepara polo método korsakoviano (de Semen Korsakov), no cal se mide o 1% da preparación en cada etapa e despois é diluída, baléirase un só recipiente repetidamente, vólvese a encher e sacódese vigorosamente (en terminoloxía homeopática estas sacudidas chámanse sucusión), e asúmese así que o 1% permanece no recipiente cada vez. Coa disolución final imprégnase a pílula de azucre e déixase que se evapore. A dilución 200C é tan extrema que a pílula final non contén nada do material orixinal.

Oscillococcinum considérase xeralmente un produto inofensivo. Cando lle preguntaron a Gina Casey, portavoz da empresa Boiron (a empresa que fabrica oscillococcinum), se un deses produtos feitos de corazón e fígado de pato era seguro, respondeu así: "Por suposto que é seguro. Non contén nada" ("Of course it is safe. There's nothing in it.").Dan McGraw. Flu Symptoms? Try Duck. U.S. News & World Report 2/9/97 page 2

Eficacia

Non hai evidencias científicas convincentes que que Oscillococcinum teña ningún efecto a non ser o efecto placebo. Ningún dos seus ingredientes activos está presente nunha dose do produto final, nin hai evidencias cribles de que o fígado de pato sexa efectivo para aliviar (ou causar) os síntomas da gripe. Os homeópatas afirman que as moléculas diluídas deixan unha especie de "impronta" no seu remedio, pero non se coñece ningún mecanismo por medio do cal isto puidese ocorrer.(o número de páxina dáse para a versión on line) A homeopatía é xeneralizadamente considerada como unha pseudociencia entre os expertos científicos. Como explicou o crítico da medicina alternativa Robert L. Park, algunhas das características da gripe parecerían nun exame superficial suxerir que Oscillococcinum funciona. Como a gripe normalmente cura por si soa despois de pasados certo número de días, o curso natural da doenza é unha potencial fonte de erro á hora de estimar a eficacia de calquera intervención: se un toma calquera medicación e despois a gripe cúrase, hai a tendencia na xente de atribuír isto á medicación tomada, incluso se a infección curou por si soa, o cal é un exemplo da falacia informal post hoc ergo propter hoc. Alguén que superou unha infección por unha cepa suave da gripe pode atribuír esta levidade da doenza á eficacia da preparación homeopática e non ao feito de que se tratase dunha cepa suave, e podería recomendala a outras persoas, espallándose así a popularidade do remedio. Ademais, a explicación máis probable da súa efectividade cos síntomas da gripe é que os pacientes están diagnosticando incorrectamente síntomas similares aos da gripe propios de varias enfermidades causadas por rinovirus ou rinite alérxica a algunha substancia, atribuíndoos a unha gripe que non teñen.

Unha revisión de 2005 dos tratamentos da gripe (vacina, medicina, homeopatía) concluíu que a popularidade do Oscillococcinum en Francia non podía ser sostida por ningunha evidencia da súa eficacia.

Nunha revisión de 2007, a eficacia de remedios non convencionais contra a gripe estacional non puido ser establecida máis alá da dúbida razoable, e as evidencias que se atoparon e examinaron eran escasas e limitadas a estudos con "tamaños de mostra pequenos, baixa calidade metodolóxica ou tamaños de efectos clinicamente irrelevantes", e que os resultados se reforzan usando as estratexias convencionais de tratar a gripe.

Unha revisión Cochrane publicada en decembro de 2015 atopou que debido á pobre calidade dos estudos revisados non había evidencias suficientes para chegar a unha conclusión sobre se Oscillococcinum é útil para tratar a gripe.

Demandas legais e críticas

Nos Estados Unidos as organizacións educativas sen ánimo de lucro Center for Inquiry (CFI) e a asociada Committee for Skeptical Inquiry (CSI) enviaron peticións á FDA estadounidense, criticando a empresa Boiron por etiquetar e anunciar de forma enganosa o remedio Oscillococcinum. "Unha petición quéixase de que o empaquetado de Boiron de Oscillococcinum inclúe o ingrediente activo alegado (fígado e corazón de pato) só en latín. Outra petición quéixase de que o anuncio na web de Boiron deste produto implica que recibiu a aprobación da FDA". Ronald Lindsay, o presidente e xefe executivo do CFI e CSI, sostén que "se Boiron vai vender aceite de serpe, o menos que pode facer é utilizar o inglés nas súas etiquetas".

Presentouse unha demanda colectiva contra Boiron en nome de "todos os residentes de California que mercaron Oscillo en calquera momento durante os pasados catro anos". A demanda acusaba a Boiron de "anunciar falsamente que Oscillo ten a capacidade de curar a gripe porque contén un ingrediente activo que afirma que está probado que elimina os síntomas da gripe en 48 horas". A demanda tamén sinalaba que o ingrediente activo indicado no produto Oscillococcinum (Oscillo) "é en realidade fígado e corazón do pato Carina moschata ... e que non ten ningunha cualidade medicinal coñecida". Chegouse a un acordo, no que Boiron negaba calquera actuación incorrecta, pero estaba de acordo en facer varios cambios na súa comercialización do produto. Estes cambios incluían engadir no seu empaquetado notas como "Estes 'Usos' non foron avaliados pola Administración de Alimentos e Medicinas" (FDA) e "C, K, CK e X son dilucións homeopáticas".

Desde 2011, presentáronse nos Estados Unidos polo menos dúas demandas colectivas en nome dos consumidores que mercaron Oscillococcinum contra Boiron, alegando que Boiron anuncia falsamente que Oscillo ten a capacidade de curar a gripe. Chegouse a unha proposta de acordo en agosto de 2012. Aínda que este acordo foi apelado no Tribunal de Apelacións dos Estados Unidos da sala 9ª (circuit) por un dos demandantes que se opoñía ao acordo, o 24 de febreiro de 2015 a sala 9ª tomou a decisión de ratificar a aprobación do acordo da demanda colectiva.

As ameazas legais de Boiron contra Samuele Riva por escribir críticas contra ela na súa páxina web foron rexeitadas pola empresa que alberga a súa páxina web, e díxose que este fracaso produciu un efecto publicitario contrario contra Boiron (ver efecto Streisand).The Web’s Backstroke . "In a classic case of "harm set, harm get", a French homeopathy giant earns public condemnation after threatening a private critic with legal action." Lab Times, May 2011

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas The True Story of Oscillococcinum, homeowatch.org Flu Symptoms? Try Duck, U.S. News & World Report, 17 de febreiro de 1997 Pharmacies continue to sell sugar pills as flu remedy, Science-Based Medicine

Categoría:Medicina alternativa Categoría:Pseudociencia Categoría:Gripe Categoría:Homeopatía