Rabia Djelti, nada en Nedroma o 5 de agosto de 1954, é unha escritora e profesora alxerina que escribe en árabe e francés. En 2002, pola súa poesía e novelas, recibiu o premio de literatura árabe en Abu Zabi. Ademais da súa escritura, Djelti ensina literatura na Universidade de Alxer.

Traxectoria Naceu o 5 de agosto de 1954 en Nedroma, foi á escola primaria en Marrocos antes de asistir á secundaria en Orán (1969-1975). Desde moi pequena sentiuse atraída pola literatura francesa, descubrindo as obras de Baudelaire e Victor Hugo na biblioteca do seu pai. Comezou a traducir os libros que máis lle gustaban ao árabe. Licenciouse en literatura na Universidade de Orán en 1979 antes de obter un doutoramento en Damasco en 1990.

Foi profesora na Universidade de Orán até principios da década de 1990. Ameazada ela e a súa familia pola Guerra Civil alxerina, trasladáronse a Francia en 1995 e regresaron en 2000.

Despois de traballar por primeira vez como xornalista, Djelti comezou a escribir poesía en árabe en 1981. Entre as súas publicacións máis exitosas están Murmures du secret (2002) e Qui est-ce dans le miroir (2003), traducidas ao francés respectivamente por Abdellatif Laâbi e Rachid Boudjedra. En 2010, comezou a escribir novelas, entre elas Le trône émaillé (2013) e Nostalgie à la menthe (2015). Explicou que aínda que cada un dos seus poemas tiña unha historia que contar, sempre tivera a tentación de escribir novelas, mais que foi só en 2010 que finalmente comezou a facelo.

Vida persoal Djelti está casada co escritor alxerino Amin Zaoui. A súa filla, Lina Douran, é cantautora.

Notas

Categoría:Nados en 1954 Categoría:Escritores en lingua árabe Categoría:Escritores en lingua francesa Categoría:Escritores de Alxeria