O golpe de estado de Pavía, ou simplemente golpe de Pavía, foi un golpe de Estado que se produciu en España o 3 de xaneiro de 1874, durante a Primeira República e que estivo encabezado polo xeneral Manuel Pavía, capitán xeneral de Castela a Nova cuxa xurisdición incluía Madrid. Consistiu na ocupación do edificio do Congreso dos Deputados por gardas civís e soldados que desaloxaron do mesmo aos deputados cando se estaba procedendo á votación dun novo presidente do Poder Executivo da República en substitución de Emilio Castelar que acababa de perder a moción de censura presentada por Francisco Pi e Margall, Estanislao Figueras e Nicolás Salmerón, líderes do sector do Partido Republicano Federal oposto á política «fóra da órbita republicana» do republicano unitario Castelar. Precisamente o obxectivo do golpe era impedir que Castelar fose desaloxado do goberno, aínda que como este tras o golpe non aceptou seguir no poder por medios antidemocráticos, o xeneral Pavía tivo que reunir aos partidos contrarios á república federal que decidiron pór á fronte do goberno nacional que promovía Pavía ao líder do conservador Partido Constitucional, o xeneral Francisco Serrano. Así se iniciou a segunda etapa da República que se adoita denominar «República Unitaria» ou «Ditadura de Serrano».
O xeneral Pavía nunha intervención parlamentaria do 13 de marzo de 1875, é dicir, despois de se produci-la Restauración borbónica, explicou con detalle o «acto do 3 de xaneiro», como el designou ao golpe de Estado que encabezara —explicación que en 1878 publicou en forma de folleto—.
Contexto: a proclamación da República Federal e a rebelión cantonal O 11 de febreiro de 1873, ao día seguinte da abdicación de Amadeu I, o Congreso e o Senado, constituídos na Asemblea Nacional, proclamaron a República por 258 votos contra 32, pero sen definila como unitaria ou federal, aprazando a decisión á futuras Cortes Constituíntes e nomeado presidente do Poder Executivo ao republicano federal Estanislao Figueras.
En maio celebráronse as eleccións ás Cortes Constituíntes, que debido ó retraemento do resto dos partidos supuxeron unha contundente vitoria para o Partido Republicano Federal. Pero esta situación era enganosa xa que en realidade os deputados republicanos federais dos electores estaban divididos en tres grupos:
Os "intransixentes" con preto de 60 deputados formaron a esquerda da Cámara e defendían que as Cortes se declarasen en Convención, asumindo todos os poderes do Estado - o lexislativo, o executivo e o xudicial - para construí-la República Federal de abaixo cara a arriba: dende o municipio aos cantóns ou estados e destes ao poder federal; e tamén defenderon a introdución de reformas sociais que mellorasen as condicións de vida do cuarto estado. Este sector dos republicanos federais non tiña un líder claro, aínda que recoñeceron como o seu "patriarca" a José María Orense, o antigo marqués de Albaida. Entre eles destacaron Nicolás Estévanez, Francisco Díaz Quintero, os xenerais Juan Contreras e Blas Pierrad e os escritores Roque Barcia e Manuel Fernández Herrero. Os "centristas" dirixidos por Francesc Pi e Margall coincidiron cos "intransixentes" en que o obxectivo era construír unha república federal pero de arriba abaixo; é dicir, primeiro había que elaborar a Constitución federal e logo proceder á formación dos cantóns o Estados federados. O número de deputados que tiña este sector non era moi grande e en moitas ocasións actuaron divididos nas votacións, aínda que tendían a favorecer as propostas dos "intransixentes". Os "moderados" constituían a dereita da Cámara, estaban dirixidos por Emilio Castelar e Nicolás Salmerón -entre eles destacaban tamén Eleuterio Maisonnave e Buenaventura Abárzuza Ferrer- e defenderon a formación dunha República democrática que acomodase a todas as opcións liberais, polo que rexeitaban a conversión das Cortes nun poder revolucionario como defendían os "intransixentes" e acordaron cos pimargalianos que a prioridade das Cortes era aprobar a nova Constitución. Constituíron o grupo máis numeroso da Cámara, aínda que houbo certas diferenzas entre os seguidores de Castelar, que estaban a favor da conciliación cos radicais e os constitucionalistas para incluílos no novo réxime, e os seguidores de Salmerón que defendían que a República só se debía basear na alianza dos "vellos" republicanos. O seu modelo era a República Francesa, mentres que para os "intransixentes" e os "centristas" pimargalianos eran Suíza e Estados Unidos, dúas repúblicas cunha estrutura federal.
A pesar desta división, non tiveron problemas para proclamar a República Federal o 8 de xuño, unha semana despois de que se abrisen as Cortes Constituíntes baixo a presidencia do veterano republicano "intransixente" José María Orense, por 218 votos a favor e dous.
miniatura|Caricatura da revista satírica La Flaca do 3 de marzo de 1873, facendo referencia á loita entre os radicais, que defenden a república unitaria e os republicanos federais que defenden a federal. E tamén as liortas entre os federais "transixentes" e "intransixentes"
Cando o presidente Figueras, que sufriu unha grave depresión pola morte da súa muller, soubo que os xenerais "intransixentes" Juan Contreras e Blas Pierrad preparaban un golpe para iniciar a República federal "desde abaixo", á marxe do goberno e das Cortes, temeu pola súa vida e o 10 de xuño fuxiu a Francia. Foi substituído polo republicano federal "centrista" Francesc Pi i Margall, que fixo prioritario derrotar aos carlistas que xa levaban máis dun ano en armas, na chamada Terceira guerra carlista, e o desenvolvemento e aprobación da nova Constitución da República Federal. Mais, a seguir, o goberno de Pi i Margall atopouse coa oposición dos "intransixentes" republicanos federais porque algunhas das demandas históricas dos federais non foran incluídas no seu programa, como a abolición do estanco de tabaco, da lotaría, das taxas xudiciais e de consumos repostos, de novo, en 1870 por falta de recursos. Pero sobre todo o que demandaban os "intransixentes" era que as Cortes, mentres se elaboraba e aprobaba a nova Constitución da República democrática federal, se constituísen nunha Convención da que emanaría unha Xunta de Saúde Pública que ostentaría o poder executivo, proposta que foi rexeitada por Pi i Margall e pola maioría dos deputados "centristas" e "moderados" que apoiaron o goberno.
A resposta dos "intransixentes" á política de "orde e progreso" do goberno de Pi i Margall foi abandonar as Cortes o 1 de xullo, acusando ao goberno de ter contemporalizado e mesmo renderse fronte aos inimigos da República Federal. Os "intransixentes" pediron entón a formación inmediata e directa de cantóns, que iniciarían a revolta cantonal, formando un Comité de Saúde Pública en Madrid para dirixila, aínda que o que prevaleceu foi a iniciativa dos federais locais, que se fixeron donos da situación nas súas respectivas cidades. Aínda que houbo casos como o de Málaga nos que as autoridades locais foron as que lideraron o levantamento, na maioría formáronse xuntas revolucionarias. Dúas semanas despois da retirada das Cortes, a revolta foi un feito en Murcia, Valencia e Andalucía
Para pór fin á revolta cantonal, Pi i Margall rexeitou aplicar as medidas excepcionais propostas polo sector "moderado" do seu partido, que incluían a suspensión das sesións das Cortes, porque declarou, con toda lóxica, que o rebeldes só seguían a doutrina federalista "pactista" que el mesmo proclamara. Confiaba en que a rápida aprobación da Constitución federal -que non aconteceu- e a forma de diálogo -a "guerra telegráfica" que xa lle funcionara cando a Deputación de Barcelona proclamara o Estado catalán- provocarían que os rebeldes entrasen en razón. Porén, non dubidou en acudir á represión. Como a política de persuasión e represión de Pi i Margall, finalmente, non conseguira deter a rebelión cantonal, o sector "moderado" retiroulle o seu apoio o 17 de xullo votando a favor de Nicolás Salmerón. Ao día seguinte, Pi i Margall dimitiu, despois de 37 días no cargo.
O lema do novo goberno de Salmerón era o "imperio da lei", o que significaba que para salvar a República e as institucións liberais era necesario poñer fin aos grupos carlistas e cantonais. Para sufoca-la rebelión cantonal, tomou duras medidas como destituír aos gobernadores civís, alcaldes e soldados que apoiaran dalgún xeito aos cantonalistas e, como a prioridade era o restablecemento da orde, non lle importou nomear a xenerais opostos á República Federal, como Manuel Pavía ou Arsenio Martínez Campos, para que dirixiran as expedicións militares a Andalucía e Valencia, respectivamente. Tamén adoptou un feixe de medidas: mobilizou aos reservistas, aumentou a Garda Civil con 30.000 homes, nomeou delegados do goberno nas provincias cos mesmos poderes que o Executivo, autorizou que os consellos comarcais impuxesen contribucións de guerra e puidesen organiza-las forzas armadas provinciais e, finalmente, decretou que os barcos en poder do cantón de Cartaxena fosen considerados piratas, o que significaba que calquera barco podía afundilos, tanto en augas españolas como en augas exteriores. Grazas a estas medidas, os diferentes cantóns foron sometidos un tras outro, agás o de Cartaxena, que resistiu até o 12 de xaneiro de 1874.miniatura|O xeneral José López Domínguez, comandante do exército que sitiou e conseguiu rendi-lo Cantón de Cartaxena, a comezos do século XX.Nicolás Salmerón renunciou ao seu cargo porque non quería asinar as penas de morte de varios soldados acusados de traizón, xa que estaba absolutamente en contra da pena de morte. Para substituílo, o 7 de setembro, as Cortes elixiron a Emilio Castelar. Castelar obtivo inmediatamente das Cortes a concesión de poderes extraordinarios para lle pór fin á guerra carlista e á rebelión cantonal e, tamén, a suspensión das súas sesións dende o 20 de setembro de 1873 até o 2 de xaneiro de 1874, o que entre outras consecuencias supuxo paralizar o debate e a aprobación do proxecto de Constitución federal. Os extraordinarios poderes que obtivo Castelar permitiulle gobernar por decreto, facultade que inmediatamente utilizou para reorganizar o corpo de artillaría disolto hai uns meses a finais do reinado de Amadeu I, chamar os reservistas e convocar unha novo leva coa que obtivo un exército de 200.000 homes e o lanzamento dun préstamo de 100 millóns de pesetas para cubrir os gastos de guerra.
A finais de novembro, o goberno de Castelar ordenou ao xeneral Ceballos, quen dirixiu o asedio de Cartaxena tras a renuncia do xeneral Arsenio Martínez Campos, que o iniciara o 15 de agosto, que bombardease Cartaxena para "romper o espírito dos defensores ou polo menos perturbándoos, para non permitirlles permanecer como quedaron, completamente tranquilos". O bombardeo comezou o 26 de novembro de 1873 sen previo aviso e prolongouse ata o último día do cerco, o 12 de xaneiro de 1874, contabilizando un total de 27.189 proxectís, "un auténtico diluvio de lume", causando 800 feridos e doce mortos e danos para a maioría dos edificios pois só 28 casas quedaron sen sufrir danos. Responderon os canóns dos castelos de Cartaxena e das fragatas, pero foron moito menos efectivos dada a dispersión das forzas gobernamentais que asediaron a praza por terra. Despois da primeira semana de bombardeo na que os sitiadores se decataron de que as defensas de Cartaxena permanecía, aínda, intactas, o xeneral Ceballos dimitiu e o 10 de decembro foi substituído polo xeneral José López Domínguez, quen tamén era xeneral antirrepublicano e tamén era sobriño do xeneral Serrano, o líder do conservador Partido Constitucional. Na entrevista que mantivo en Madrid con Castelar, insistiu en que debería lograr a rendición de Cartaxena a calquera prezo antes do 2 de xaneiro, data prevista para a reapertura das Cortes.
Preparación do golpe