Juan Carlos Menudo Domínguez, nado en Sevilla o 18 de xuño de 1991, é un futbolista español, que xoga de centrocampista no Atlético Paso, da Segunda División RFEF.

Traxectoria Naceu en Sevilla, sendo fillo de Juan Carlos Menudo Márquez, antigo futbolista e adestrador. A pesar de ser afeccionado do Betis, formouse como futbolista nas categorías inferiores do máximo rival deste, o Sevilla, pasando 12 anos nos diferentes equipos da canteira e os dous filiais. Xogou dúas tempadas co Sevilla C en Terceira e en xaneiro de 2012 debutou co Sevilla Atlético en Segunda B, disputando esa campaña 11 encontros, e marcando tres goles. Na tempada 2012/13 xogou 27 encontros e marcou dous tantos.

En 2013 asinou polo FC Cartaxena para ocupar unha das prazas de xogador sub-23. Disputou 37 partidos de liga e cinco de Copa, caendo nesta última en 1/16 de final fronte ao FC Barcelona. Xogou ademais os dous partidos de promoción de ascenso a Segunda, nos que o seu equipo caeu eliminado contra o Real Avilés. Fixo un total de 7 goles na tempada.

Na tempada 2014/15 xogou na UD Logroñés, disputando 36 partidos e marcando 11 goles, que contribuíron a que o seu equipo se metese na fase de ascenso. Nesta, Menudo marcou un novo gol, pero o equipo caeu contra o Huracán Valencia. No verán de 2015 regresou ao FC Cartaxena, onde foi titular durante case toda a tempada, e marcou sete goles. Xogou as dúas seguintes campañas na Ponferradina, coa que disputou 74 encontros, aínda que a súa cifra goleadora baixou a só cinco goles entre os dous anos.

Na tempada 2018/19 fichou polo Melilla, onde anotou 14 goles, nove deles na liga, dous na Copa do Rei e tres na primeira eliminatoria da promoción de ascenso a Segunda contra o Villarreal B. Con todo, o seu equipo non puido superar lograr o ascenso ao perder na seguinte rolda contra o Atlético Baleares.

O 21 de xullo de 2019 chegou á Cultural Leonesa de José Manuel Aira, onde marcou seis goles e disputou unha nova promoción de ascenso a Segunda, a cuarta para o xogador, de novo sen éxito. O 4 de setembro de 2020 fichou polo Numancia por dúas tempadas. Con todo, cumpriu só o primeiro ano co club, no que marcou 10 goles en 25 partidos, ocupando a primeira praza de máximos goleadores do Grupo 1 da Segunda B, empatando con outros cinco xogadores (Rufo, Juanma García, Martón, Asier Benito e Dioni).

O 5 de xuño de 2021 fíxose oficial a súa chegada ao Deportivo da Coruña, na nova Primeira División RFEF. O seu debut oficial produciuse na primeira xornada da tempada, contra o Celta B en Riazor, entrando na segunda parte como substituto de William de Camargo, e marcando poucos minutos despois o terceiro dos cinco goles do seu equipo (5-0). A pesar de chegar ao club galego como fichaxe destacada, apenas contou para o técnico Borja Jiménez, disputando só 238 minutos de liga. A falta dun mes para o remate da liga foi despedido do club, despois de que finxise estar afectado polo COVID-19 para se ausentar do equipo e asistir á final da Copa do Rei entre o Betis e o Valencia en Sevilla.

En xullo a UD Logroñés anunciou o regreso do xogador, que asinou un contrato por unha tempada. Disputou 29 partidos e marcou dous goles co equipo rioxano, que acabou descendendo ao remate da campaña. A continuación instalouse nas Illas Canarias, onde asinou como novo xogador do Atlético Paso, da Segunda División RFEF..

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Datos do xogador en BDFutbol .

Categoría:Nados en Sevilla Categoría:Nados en 1991 Categoría:Xogadores do Sevilla Atlético Categoría:Xogadores do FC Cartagena Categoría:Xogadores do UD Logroñés Categoría:Xogadores da SD Ponferradina Categoría:Xogadores da UD Melilla Categoría:Xogadores da Cultural Leonesa Categoría:Xogadores do CD Numancia Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña