Naftali Bennett (en hebreo, נפתלי בנט‎), nado en Haifa o 25 de marzo de 1972, é un empresario e político israelí. Foi líder do partido político nacionalista e sionista chamado Nova Dereita (hebreo: הימין החדש, ha-Yamin ha-Hadash) canda a Ayelet Shaked. Grazas a un acordo entre oito forzas políticas, foi nomeado Primeiro Ministro de Israel o 13 de xuño de 2021, acabando con 12 anos consecutivos de goberno de Benjamin Netanyahu. Mais o seu goberno foi incapaz de manter os apoios polo que, logo de convocar eleccións, acabou dimitindo e o 1 de xullo de 2022 foi substituído por Yair Lapid.

Traxectoria Natural de Haifa, os seus pais emigraron de California a Israel en 1967.https://m.jpost.com/israel-news/politics-and-diplomacy/naftali-bennett-who-is-israels-incoming-prime-minister-670867 Por esta razón, Bennet mantivo a nacionalidade estadounidense ata que entrou como deputado na Knesset. Durante a súa mocidade uniuse a unha organización xuvenil sionista relixiosa, Bnei Akiva, militando a favor da expansión territorial de Israel.

Servizo militar Mobilizado en 1990, integrouse nas forzas de elite das Forzas de Defensa de Israel. Ascendido a comandante, participou en 1996 na ofensiva israelí contra Hezbolá no Líbano. O 18 de abril, mentres a súa unidade estaba sometida a lume de morteiro, ordenou bombardear a aldea de Qana, que albergaba un edificio das Nacións Unidas e numerosos refuxiados, causando a morte de 106 persoas, dos cales 102 eran civís e 4, eran cascos azuis.

O 7 de outubro de 2023, logo dos ataques con proxectís e a incursión de Hamás en Israel, a prensa de Israel informou que Naftali Bennett enrolárase de novo nas unidades de reserva das Forzas de Defensa de Israel.

Carreira profesional Licenciado en Dereito pola Universidade Hebrea de Xerusalén, en 1999 trasladouse a Nova York para fundar unha startup, Cyotta. Esta empresa, que estaba especializada na loita contra a fraude en Internet, vendeuna en 2005 por 145 millóns de dólares converténdoo en multimillonario. A súa experiencia empresarial continuou con éxito e a venda da compañía informática israelí Soluto 2013 reportoulle uns 600 000 dólares por ser directivo da mesma.

Traxectoria política Comezou o seu vieiro político dentro da formación conservadora Likud, sendo xefe de gabinete do entón líder da oposición, Benjamin Netanyahu entre 2006 e 2008. Moi ligado a este dirixente, colaborou na súa campaña nas eleccións internas para a xefatura do partido en 2007 e coordinou a proposta de reforma educativa de Netanyahu. Entre 2010 e 2012 presidou o Consello de Yesha, unha organización que defende os intereses dos colonos israelitas nos territorios ocupados de Cisxordania.

En 2010, xunto con Ayelet Shaked, creou a organización O Meu Israel para o activismo sionista en Internet. Entre as iniciativas patrocinadas estaba a de revisar artigos da Wikipedia que presentasen o que consideraban nesgos pro palestinos.

Logo de disputas coa muller de Netanyahu rompeu co Likud e fundou o partido Fogar Xudeu. Este partido idenfícase co xudaísmo ortodoxo e o sionismo conservador. Con el participou por primeira vez nas eleccións de 2013, conseguindo 12 deputados sobre 120. Nas negociacións para formar un goberno, Bennett e o seu grupo apoiaron a Netanyahu como Primeiro Ministro, razón pola que se incorporou como ministro de Industria ao executivo. Aínda que nas eleccións de 2015 o partido tivo un pequeno retroceso, pasando a 8 escanos, Bennett continuou no goberno de Netanyahu, desta volta como responsable de Educación e Diáspora. Baixo a súa orde restrinxíronse as actividades dalgunhas organizacións non gobernamentais nos centros escolares como Breaking the Silence que critican a política do Estado de Israel con respecto os palestinos. miniatura|300x300px|Fotografía do 36º goberno de Israel (xuño de 2021) Sentados, de esquerda a dereita: o primeiro ministro Bennett, o presidente Reuven Rivlin e Yair Lapid, ministro de asuntos exteriores. Aínda que logo renunciou a súa esixencia, en 2018 provocou unha crise interna no goberno por pedir a carteira de Defensa. Finalmente, Bennett abandonou Fogar Xudeu e, de novo xunto con Ayelet Shaked, fundou unha nova formación, Yamina (Nova Dereita). Con todo, nas eleccións lexislativas de 2019 erran no seu obxectivo de acadar representación parlamentaria, mais na repetición electoral de xaneiro de 2020 consegue ser escollido dentro dos seis membros da Knesset do seu partido. Como ministro dun novo goberno de Netanyahu meteu presión para ser o responsable de Defensa, sendo nomeado en novembro de 2019 manténdose ata a forma maio de 2020. Nesta xeira destacouse pola implicación das Forzas de Defensa de Israel na xestión da pandemia de covid-19 gañando sona na opinión pública. Cómpre indicar que neses anos, Israel atravesaba unha crise política derivada das investigacións xudiciais sobre casos de corrupción que afectaban a Netanyahu. As revelacións polarizaron á sociedade israelí, unha división que se mostrou nos resultados electorais: os bloqueos parlamentarios dificultaron a formación de gobernos, que, de habelos, eran moi flebles. Isto provocou na repitición de eleccións dúas veces en 2019, en 2020 e 2021. Nese último ano, tras un novo fracaso de Netanyahu, o Presidente de Israel, Rivlin, a quen lle corresponde delegar a un político a formación de goberno, propuxo ao opositor Yair Lapid a exploración dunha maioría parlamentaria. Lapid logrou un pacto que incorporará ao goberno a unha coalición diversa de partidos (dende a extrema dereita ata representantes da minoría árabe) e que fará que o cargo de Primeiro Ministro rote entre Bennett e Lapid.

Primeiro Ministro O 13 de xuño de 2021 a Knesset, logo dunha sesión con varios altercados verbais, deulle a confianza a Bennett como Primeiro Ministro de Israel, poñendo fin a 12 anos de goberno continuo de Benjamin Netanyahu. Na votación, Bennett logrou o apoio de 60 deputados fronte os 59 que votaron contra el e unha abstención.

Nos primeiros días como xefe do goberno tivo unha polémica co seu precedecesor, Benjamin Netanyahu, quen demorou, por semanas, a súa saída da residencia oficial do Primeiro Ministro na rúa Balfour de Xerusalén. Ademais, nun dos seus primeiros consellos de ministros alertou á comunidade internacional de retomar as negociacións sobre o programa iraniano de enerxía nuclear, tachando á República Islámica de Irán de "réxime de verdugos".

A difusión da variante delta de covid-19 obrigou a que se tomaran novas medidas restritivas en Israel, deste xeito o goberno de Bennett reforzou o control no aeroporto internacional Ben Gurión, a supervisión das corentenas e potenciar a vacinación dos adolescentes para atallar os gromos nos centros educativos. Ademais, o goberno anunciou a doazón de, polo menos, un millón de doses da vacina desenvolvida por Pfizer contra o coronavirus a Palestina. Se ben as autoridades palestinas rexeitaron o ofrecemento alegando que estaban prontas a caducar, establecéronse negociacións para retomar o acordo.

O seu goberno formalizou o inicio das relacións diplomáticas con Bahrain e Emiratos Árabes Unidos e buscou a cooperación con eles fronte a ameaza compartida de Irán. O propio Bennett fixo en decembro de 2021 unha viaxe oficial a Emiratos Árabes Unidos, cualificada de histórica pola prensa.

Logo da invasión rusa a Ucraína, Israel mostrou moito tino inicialmente nas súas posicións. O primeiro ministro Bennett, nun primeiro momento, evitou declaracións e asegurou asistencia humanitaria a Ucraína. Esta actitude foi criticada nas mobilizacións cidadás contra a ofensiva e o goberno de Bennett condenou na ONU a invasión. Ofrecéndose a mediar no conflito, o 5 de marzo de 2022, Bennett, trasladouse en viaxes oficiais a Moscova e a Berlín para tratar con Vladimir Putin e Olaf Scholz, e mantivo conversas telefónicas con Volodymyr Zelenskyi e Emmanuel Macron. Algúns medios de comunicación de Israel afirmaron que Bennett nas súas conversas con Zelenskyi aconsellou aceptar os termos de Rusia, algo posteriormente negado por ambas partes.

Doutra parte, durante o seu mandato, Europa procurou chegar a un acordo con Israel para reducir a súa dependencia enerxética de Rusia. Así, Naftali Bennett asinou un memorando de entendemento con Ursula von der Leyen para que Israel subministrase gas natural a Unión Europea a través de Exipto.

O 20 de xuño de 2022, logo de perder o apoio de varios deputados, o goberno de Naftali Bennett propuxo disolver o parlamento e convocar eleccións, as quintas en tres anos. Conseguido o voto afirmativo do parlamento, os comicios foron fixados para o 1 de novembro de 2022, e Naftali Bennett cedeu a xefatura do executivo a Yair Lapid. Ademais, tamén fixo pública a súa intención de non presentarse á reelección, deixando o partido Nova Dereita (Yamina) en mans de Ayelet Shaked.

Retirada da política As eleccións lexislativas de 2022 permitiron a Benjamin Netanyahu formar un novo goberno. Nelas, os partidos nos que militara Naftali Bennett, Fogar Xudeu e Nova Dereita, foron en coalición, mais non lograron represetanción. En 2025, Naftali Bennett conformou un novo partido, chamado Bennett 2026, coa finalidade de concorrer ás vindeiras eleccións á Knesset. As primeiras enquisas feitas logo do anuncio amosaron que Naftali Bennett sería o candidato máis votado.

Vida privada Vive coa súa dona e os seus catro fillos en Ra'anana (a uns 20 quilómetros ao norte de Tel Aviv). Ela era secular, mais agora observa o shabat xudeu e cumpre coas leis relixiosas con respecto á comida kosher. Como os seus irmáns, Naftali é practicante do xudaísmo ortodoxo moderno. Por este motivo é o primeiro Primeiro Ministro de Israel que leva de xeito cotián a kipá. Logo da súa elección como Primeiro Ministro, a familia Bennett manifestou a súa vontade de seguir a vivir en Ra'anana trasladándose co pai só nos actos protocolarios e na fin de semana En abril de 2025, tivo que someterse a un cateterismo cardíaco.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Primeiro ministro de Israel

Ligazóns externas Sitio web oficial (en hebreo) Ficha na Knesset (parlamento). (en inglés)

Categoría:Nados en Haifa Categoría:Nados en 1972 Categoría:Primeiros ministros de Israel Categoría:Alumnos da Universidade Hebrea de Xerusalén