Özlem Türeci, nada en Lastrup, Baixa Saxonia en 1967, é unha médica, inmunóloga e empresaria alemá de orixe turca. É cofundadora e directora médica de BioNTech. Türeci e o seu equipo desenvolveron unha vacina contra o SARS-CoV-2.
Traxectoria Türeci é cofundadora e directora médica de BioNTech. Tamén preside a Asociación para a Inmunoterapia do Cancro (CIMT), con sede en Maguncia. Foi unha das iniciadoras do Cluster para a Intervención Inmune Individualizada da rexión Rin-Meno, a cal preside, e é conferenciante na Universidade de Maguncia.
É unha pioneira na inmunoterapia contra o cancro e traballou no desenvolvemento de vacinas individualizadas contra o cancro baseadas en ARN mensaxeiro.
En 2001, Türeci colaborou na fundación de Ganymed Pharmaceuticals como directora científica da mesma, da que alcanzaría a dirección executiva en 2008. Ganymed pasou a ser filial de Astellas Pharma por mor da súa adquisición en 2016 por 1300 millóns de euros, na que foi a maior adquisición na industria biotecnológica alemá até a data.
Durante a pandemia de COVID-19, Türeci dirixiu a súa actividade á procura dunha vacina contra o SARS-CoV-2, o virus responsable da COVID-19, en asociación con Pfizer. O 11 de novembro de 2020, Pfizer informou que Tozinameran, a vacina desenvolvida por Türeci e o seu equipo tiña unha eficacia de máis do 90 % en proporcionar inmunidade fronte ao virus.
Premios O 23 de xuño de 2021 o xurado do Premio Princesa de Asturias de Investigación Científica e Técnica outorgou este galardón a Katalin Karikó, Drew Weissman, Philip Felgner, Uğur Şahin, Özlem Türeci, Derrick Rossi e Sarah Gilbert polas investigacións que permitiron o desenvolvemento das vacinas contra a covid 19.
Ademais, recibiu os seguintes galardóns:
Premio Georges Köhler da Sociedade Alemá de Inmunología (2005). Premio de Sostibilidade Nacional de Alemaña, Premio Honorario (2020). Persoa do Ano do Financial Times (2020).
Notas
Véxase tamén Outros artigos ARN mensaxeiro COVID-19
Categoría:Empresarios de Alemaña Categoría:Premios Princesa de Asturias de Investigación Científica e Técnica Categoría:Nados en 1967