Josep Calavera Espinach, nado Cabra del Camp o 2 de outubro de 1999, é un futbolista español, que xoga de centrocampista no Castellón, da Primeira División RFEF.

É irmán do tamén futbolista Jordi Calavera.

Traxectoria Formouse nas categorías inferiores do Nàstic de Tarragona, debutando en 2016 co seu filial da Terceira División, o La Pobla de Mafumet. En 2017, no seu último ano de xuvenil, fichouno o FC Barcelona. No seu primeiro ano co equipo xuvenil do Barça, conquistou a Copa de Campións e a Liga Xuvenil da UEFA. Ao ano seguinte saíu cedido ao Lleida Esportiu, co que debutou na Segunda División B, xogando 22 partidos de liga e dous da Copa do Rei, e marcando un gol contra o Valencia Mestalla.

Na tempada 2019/20 fichou polo Castellón, tamén de Segunda B. Foi titular durante todo o tempo que estivo no equipo de Óscar Cano, que acabaría ascendendo a Segunda División, pero en febreiro abandonou o club para ingresar no Atlético de Madrid B, co que xogou durante a seguinte tempada e media.

En xullo de 2021 saíu cedido ao Deportivo da Coruña, na nova Primeira División RFEF. Debutou co club galego o 29 de agosto de 2021, no primeiro encontro da tempada 2021/22 da Primeira División RFEF contra o Celta B en Riazor, que acabou con goleada coruñesa por 5-0. Con todo, só disputou 18 minutos máis en toda a primeira volta e tamén contou con pouco protagonismo na segunda, aínda que sumou máis partidos.

Ao remate da tempada fichou polo Castellón, da mesma categoría. Titular indiscutible no club orellut, xogou un total de 37 partidos na súa primeira tempada e disputou a promoción de ascenso a Segunda División, eliminando nas semifinais ao seu anterior equipo, o Deportivo, antes de caer eliminado ante o Alcorcón na final.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol . Datos do xogador en LaPreferente .

Categoría:Nados en 1999 Categoría:Nados en Cabra del Camp Categoría:Futbolistas de Cataluña Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Lleida Esportiu Categoría:Xogadores do CD Castellón Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid B Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña