Enmanuel Reyes Pla, nado na Habana en 1992, é un boxeador cubano aveciñado en Galicia. Foi subcampión de Europa en 2022, gañou dúas medallas de bronce no Campionato Mundial de Boxeo (en 2021 e 2025) e participou nos Xogos Olímpicos de 2020 e 2024, conseguindo nestes últimos a medalla de bronce, a única medalla olímpica do boxeo galego.
Traxectoria Comezou a boxear na Habana aos 6 anos por decisión de seu pai, que quería que aprendese a defenderse dos rapaces do colexio cos que estaba a ter problemas. Foise consolidando como un dos mellores boxeadores do seu país natal, competindo nos pesos semipesados e despois nos pesos pesados.
Con todo, no boxeo cubano tivo sempre algún competidor por diante, como o varias veces campión mundial Julio César La Cruz, ou Erislandy Savón, contra o que perdeu a final do campionato cubano. Decidiu entón probar sorte en Galicia, onde vivían seu pai, súa avoa e un tío. Viaxou a Moscova, e despois dun paso por Belarús, voou a Austria, onde pediu asilo político, sendo internado dous meses nun centro de refuxiados. Logo foi a Alemaña, dende onde tentou pasar a Francia, pero foi detido e ingresado nun centro de reclusión para migrantes, e logo enviado de volta a Austria. Finalmente, no verán de 2017 conseguiu chegar a Galicia, instalándose na Coruña.
Na cidade herculina foi adestrado por Chano Planas e proclamouse campión de España dos pesos pesados en 2019, 2020 e 2021. En marzo de 2020 concedéuselle a nacionalidade española e en xuño do ano seguinte logrou unha praza para os Xogos Olímpicos de 2020, ao quedar segundo no torneo preolímpico celebrado en París, onde perdeu a final contra o campión mundial Muslim Gadzhimagomedov.
Xa na cita olímpica, comezou a súa participación nos oitavos de final, onde gañou por K.O. ao casaco Vasïlïy Levït. En cuartos de final, o seu rival foi o tamén cubano Julio César La Cruz. Nun combate moi igualado, La Cruz impúxose no primeiro asalto, mentres que o segundo foi para o boxeador da Coruña. No terceiro e derradeiro asalto Reyes comezou ben, pero na parte final foi superior La Cruz, ao que os xuíces deron como gañador final, quedando Reyes co diploma olímpico.
Uns meses despois disputou en Belgrado o Campionato do Mundo de Boxeo, na categoría de pesos pesados. Eliminou sucesivamente ao grego Vagkan Nanitzanian, ao francés Soheb Bouafia, ao xordano Hussein Iashaish e ao estadounidense Jamar Talley, meténdose deste xeito nas semifinais. Nestas, enfrontouse ao italiano Aziz Abbes Mouhiidine, perdendo por 4-1. Con todo, a súa medalla de bronce foi histórica, pois foi a segunda para España nun Mundial, 47 anos despois da que lograra o asturiano Enrique Rodríguez Cal.
En 2022 proclamouse subcampión de Europa no torneo celebrado en Iereván, onde perdeu a final contra o italiano Aziz Abbes Mouhiidine. Ese mesmo ano debutou como profesional no barrio das Flores da Coruña, cunha vitoria por KO ante o romanés Adrian Buhaniuc.
Un ano despois participou nos Xogos Europeos en Cracovia, acadando as semifinais, nas que perdeu ante o irlandés Jack Marley.
Nos Xogos Olímpicos de 2024 derrotou no seu primeiro combate ao chinés Han Xuezhen e nos cuartos de final ao belga Victor Schelstraete, asegurando así o pase ás semifinais e consecuentemente unha medalla olímpica. Nas semifinais enfrontouse ao acerbaixano Loren Alfonso, tamén de orixe cubana, perdendo por unha polémica decisión dos xuíces. O seu bronce foi a primeira medalla olímpica para o boxeo español en 24 anos, dende a prata de Rafa Lozano en Sydney 2000.
En febreiro de 2025 disputou o seu segundo combate como profesional, de novo no pavillón do barrio das Flores e sumou a súa segunda vitoria, ao derrotar ao venezolano Juan Carlos Rodríguez. En setembro disputou en Liverpool o seu segundo Campionato do Mundo, onde derrotou ao croata Zvonimir Rebolj e ao polaco Adam Tutak, nos dous casos por 5-0, para acadar de novo as semifinais. Nestas enfrontouse ao uzbeco Turabek Khabibullaev e caeu por 4-1, polo que sumou o segundo bronce mundial da súa carreira.
En 2026 foi escollido para ser o abandeirado da delegación española nos Xogos Mediterráneos celebrados en Tarento. Na cidade italiana derrotou en cuartos de final ao macedonio Ilcho Kostovski, mentres que nas semifinais non necesitou pelexar, grazas ao abandono do seu rival, o francés Soheb Bouafia. Pasou entón directamente á final, na que combateu contra o serbio Marko Pižurica, gañando o ouro por unanimidade dos xuíces (5-0).
Notas
Véxase tamén Outros artigos Galegos nos Xogos Olímpicos de 2020 Ligazóns externas Datos do boxeador en olympics.com .
Categoría:Nados na Habana Categoría:Nados en 1992 Categoría:Boxeadores de peso pesado Categoría:Boxeadores olímpicos de Galicia Categoría:Boxeadores olímpicos de Cuba Categoría:Boxeadores nos Xogos Olímpicos de 2020 Categoría:Boxeadores nos Xogos Olímpicos de 2024 Categoría:Medallistas olímpicos de Galicia Categoría:Medallistas olímpicos de bronce por España Categoría:Medallistas olímpicos en boxeo Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 2024