Susana Rodríguez Barcia, nada en Vigo o 23 de outubro de 1977, é unha filóloga hispánica, tradutora e profesora galega.

Traxectoria Exerce como profesora titular no departamento de Lingua Española da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Foi profesora axudante e bolseira de investigación dende 1998. Dende 1999 traballa en áreas como a análise do discurso, a historiografía lingüística ou a lexicografía, en particular na presenza de ideoloxía nos dicionarios monolingües en español. Así mesmo, tamén é especialista na construción discursiva de estereotipos.

Doutorouse en 2005 pola Universidade de Vigo cunha tese sobre a ideoloxía na historia da lexicografía española entre 1611 e 1899, dirixida por Miguel Ángel Esparza Torres.

Entre os anos 2005 e 2006 traballou no grupo de Terminoloxía Científico-Técnica de Galicia (Termigal), no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Entre outras obras, traduciu ao galego O escaravello de ouro de Edgar Allan Poe. É, ademais, directora da revista Hesperia. Anuario de Filología Hispánica, da Universidade de Vigo.

No eido da lexicografía, é coautora do Gran dicionario século 21 Galego/Castelán. Entre outras achegas, destaca a Introducción a la Lexicografía publicada en 2016 pola Editorial Síntesis.

Obra

La Realidad Relativa. Evolución ideológica en el trabajo lexicográfico de la Real Academia Española (1726-2006) (2008). Universidade de Vigo, Servizo de Publicacións. ISBN 978-84-8158-368-7. Introducción a la lexicografía (2016). Madrid: Síntesis. ISBN 978-84-9077-384-0 Poética del Rock. Imaginario lírico de la cultura popular (2023). Con Bosco Gil de Gárate Hernández. Universidade de Vigo, Servizo de Publicacións. 743 páxs. ISBN 9788481589603. Cantos do mar (2024). Con Bosco Gil de Gárate Hernández. Morgante. 356 páxinas. ISBN 978-84-19040-43-5

Galardóns En 2005 obtivo o Premio extraordinario de Doutoramento.

En 2007 gañou o Premio á Investigación da Deputación de Pontevedra (categoría Provincia de Pontevedra) polo estudo realizado xunto con Rubén Suárez Sousa Después de la movida. La música pop y rock en Pontevedra entre 1990 y 2007.

Notas

Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1977 Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Profesores da Universidade de Vigo Categoría:Alumnos da Universidade de Vigo