A tempada 2021-22 da Premier League foi a 30.ª tempada da Premier League, a máxima categoría profesional do fútbol inglés dende a creación da competición en 1992, e a 123.ª tempada da máxima categoría do fútbol de Inglaterra en conxunto. As datas de inicio e fin da tempada publicáronse o 25 de marzo de 2021, e o calendario de partidos publicouse o 16 de xuño de 2021.

O Manchester City revalidou o título e proclamouse campión por segunda tempada consecutiva na última xornada. Foi o seu sexto título da Premier League, o oitavo campionato inglés da máxima categoría da súa historia e o cuarto título nas cinco tempadas anteriores.

Resumo O Manchester City comezou a tempada como vixente campión, tras conquistar a súa quinta Premier League na tempada anterior. Nesta campaña regresou a asistencia completa aos estadios, despois de que o último terzo da tempada 2019-20 e toda a 2020-21 se disputasen con asistencia limitada ou sen público debido ás restricións pola pandemia de COVID-19 no Reino Unido. Foi tamén a segunda tempada cunha pausa de inverno, sen partidos da Premier League programados entre o 23 de xaneiro e o 7 de febreiro de 2022.

Loita polo título A primeira parte da loita polo título estivo dominada polo Liverpool, o Manchester City e o Chelsea, separados por dous puntos a comezos de decembro. O Chelsea lideraba a clasificación tras sufrir só unha derrota nos seus primeiros catorce partidos, ata que unha derrota inesperada contra o West Ham United deu vantaxe ao City. Unha serie de doce vitorias consecutivas, rematada cun triunfo sobre o Chelsea que practicamente acabou coas opcións deste ao título, permitiu ao Manchester City abrir unha vantaxe de trece puntos en xaneiro, aínda que o Liverpool tiña dous partidos pendentes por aprazamentos relacionados coa COVID-19. O Liverpool encadeou despois dez vitorias, incluídos os dous partidos pendentes, e aproveitou a derrota do City por 2–3 na casa ante o Tottenham Hotspur en febreiro para reducir a diferenza a un só punto antes do enfrontamento entre ambos no Etihad o 10 de abril. O empate 2–2 mantivo a estreita vantaxe do City nas últimas semanas da tempada.

Compra do Newcastle United

O 7 de outubro, o Public Investment Fund de Arabia Saudita adquiriu unha participación do 80 % e completou por 300 millóns de libras a compra do Newcastle United, poñendo fin aos catorce anos de propiedade de Mike Ashley. O 12 de outubro, os outros dezanove clubs da Premier League mantiveron unha reunión de urxencia coa liga na que expresaron o seu malestar pola decisión de autorizar a operación; o Newcastle United foi o único club da Premier League excluído da reunión. O 18 de novembro de 2021, os clubs votaron a favor de endurecer os controis financeiros da Premier League para limitar a capacidade de gasto do Newcastle.

No momento da compra, o Newcastle ocupaba a 19.ª posición e non gañara ningún dos sete primeiros partidos. A nova propiedade anunciou a saída de Steve Bruce e contratou Eddie Howe. O equipo non conseguiu a súa primeira vitoria ata o décimo quinto intento, pero mellorou notablemente o seu rendemento tras realizar cinco fichaxes no mercado de xaneiro. Unha serie de doce vitorias nos últimos dezaoito partidos permitiulle rematar na 11.ª posición.

Aprazamentos pola COVID-19 En decembro de 2021 aprazáronse numerosos encontros por brotes de COVID-19 en varios clubs, e distintos equipos pediron que a competición se suspendese ata 2022. Tras unha reunión dos vinte clubs o 20 de decembro, decidiuse disputar os partidos do período do Nadal «sempre que fose seguro facelo». Indicouse aos clubs que debían disputar os seus encontros se dispoñían de trece xogadores en condicións de xogar e un porteiro.

Sancións a Roman Abramovich O 2 de marzo, Roman Abramovich anunciou a súa intención de vender o Chelsea e afirmou que pretendía destinar os beneficios da venda ás vítimas da invasión rusa de Ucraína. Nos días seguintes informouse do interese de diversos compradores, entre eles o multimillonario suízo Hansjörg Wyss, Todd Boehly, accionista dos Los Angeles Dodgers e dos Los Angeles Lakers, o empresario paquistaní Javed Afridi e outros grupos non identificados.

O 10 de marzo, o Goberno británico conxelou todos os bens de Abramovich polos seus estreitos vínculos persoais con Vladimir Putin, o que deixou o Chelsea sen capacidade para vender entradas ou produtos oficiais, comprar ou vender xogadores e negociar contratos. O Goberno do Reino Unido concedeu ao club unha licenza que lle permitiu continuar coa actividade deportiva, garantir o pagamento dos empregados e permitir o acceso aos partidos dos titulares de abonos de temporada.

Última xornada Na última xornada seguían por decidirse o título, as prazas para a Liga de Campións, a Liga Europa e a Liga Europa Conferencia, así como a última praza de descenso, algo que sucedeu por primeira vez na historia da Premier League.

Título Cun punto de vantaxe sobre o Liverpool, o Manchester City necesitaba igualar ou mellorar o resultado do seu rival para revalidar o campionato. O Liverpool debía gañar e esperar que o City deixase puntos ante o Aston Villa, adestrado polo antigo capitán do Liverpool Steven Gerrard.

O Liverpool comezou perdendo ante o Wolverhampton, aínda que empatou pouco despois. O Aston Villa púxose 0–2 no campo do City aos 63 minutos con goles de Matty Cash e Philippe Coutinho. O Manchester City marcou entón tres goles en menos de seis minutos, obra de İlkay Gündoğan —dous deles— e Rodri, e deulle a volta ao partido. O Liverpool gañou finalmente 3–1 con dous goles tardíos de Mohamed Salah e Andy Robertson, pero o resultado xa era irrelevante: a remontada do City por 3–2 ante o Villa confirmou o seu cuarto título en cinco tempadas.

Descenso O Norwich City, ascendido a tempada anterior, descendeu con catro xornadas por disputar tras sufrir a décima derrota en doce partidos contra o Aston Villa. O Norwich rexistrou ademais a peor diferenza de goles dende o Derby County da tempada 2007-08. Na seguinte fin de semana, o Watford, tamén ascendido na campaña anterior, converteuse no segundo descendido tras perder co Crystal Palace.

A última praza de descenso disputárona o Everton, o Burnley e o Leeds United. O Everton só conseguira tres vitorias entre outubro e abril, mais os triunfos ante Manchester United, Chelsea e Leicester City deixárono en condicións de asegurar a permanencia se vencía o Crystal Palace no seu último partido como local. Malia chegar ao descanso perdendo 0–2, un gol de Dominic Calvert-Lewin no minuto 85 completou a remontada por 3–2 e provocou unha invasión do terreo de xogo. Tras o asubío final produciuse unha nova invasión de campo: o Everton evitaba así o que tería sido o seu primeiro descenso dende 1951 e prolongaba a 69 tempadas consecutivas a súa presenza na máxima categoría.

Burnley e Leeds chegaron á última xornada empatados a 35 puntos, co Burnley por diante pola súa mellor diferenza de goles. O Burnley púxose 0–2 por detrás contra o Newcastle, mentres que un penalti transformado por Raphinha adiantou o Leeds ante o Brentford no minuto 54. O empate do Brentford no minuto 78 e un gol de Maxwel Cornet deron esperanzas ao Burnley, mais un gol de Jack Harrison no tempo engadido asegurou a permanencia do Leeds e confirmou o descenso do Burnley tras seis tempadas consecutivas na Premier League.

Clasificación para competicións europeas Co Chelsea xa clasificado entre os catro primeiros por cuarta tempada consecutiva, Tottenham e Arsenal disputaron a última praza para a Liga de Campións. O Arsenal era cuarto a falta de tres partidos, pero as súas derrotas ante o Tottenham no derbi do norte de Londres e ante o Newcastle, xunto coa vitoria do Tottenham contra o Burnley, permitiron aos Spurs adiantar o Arsenal antes da última xornada. Ao Tottenham abondáballe un punto ante o xa descendido Norwich para clasificarse para a Liga de Campións por primeira vez en tres anos, e acabou gañando 0–5, con dous goles de Son Heung-min, que compartiu a Bota de Ouro con Mohamed Salah. O Arsenal quedou fóra da Liga de Campións por sexta tempada consecutiva malia derrotar o Everton por 5–1.

O Manchester United completou outra tempada complicada, marcada pola destitución de Ole Gunnar Solskjær o 21 de novembro de 2021 tras unha derrota por 4–1 ante o Watford. Ralf Rangnick foi nomeado adestrador interino ata o final da campaña. O club acabou sexto, con diferenza de goles cero e 58 puntos, a súa peor puntuación na era da Premier League, e perdeu tamén na última xornada. Aínda así clasificouse para a Liga Europa, pois a derrota do West Ham por 3–1 ante o Brighton impediu que este repetise clasificación para esa competición e enviouno á Liga Europa Conferencia.

Outros equipos O adestrador do Brentford, Thomas Frank, completou unha prometedora primeira tempada na Premier League. Co reforzo invernal de Christian Eriksen, o equipo gañou sete dos seus últimos once partidos, incluída unha vitoria por 1–4 sobre o Chelsea. O conxunto rematou 13.º, once puntos por riba do descenso, e non pasou ningunha semana en postos de descenso.

O Brighton completou a mellor tempada da súa historia na máxima categoría, ao finalizar noveno con 51 puntos baixo a dirección de Graham Potter, a pesar do seu pobre balance como local. A vitoria por 4–0 contra o Manchester United foi tamén a maior goleada do club na máxima categoría ata ese momento.

Equipos participantes Vinte equipos competiron na liga: os dezasete mellores equipos da tempada anterior e os tres equipos ascendidos do Championship. Os equipos ascendidos foron o Norwich City, o Watford (ambos os dous regresaban a primeira división despois dun ano de ausencia) e o Brentford (que volvía á máxima categoría tras unha ausencia de setenta e catro anos). Esta foi tamén a primeira tempada do Brentford na Premier League. Substituíron o Fulham, West Bromwich Albion (ambos os dous descendidos tras unicamente un ano en primeira división) e ao Sheffield United (descendido despois de dous anos na máxima categoría). Pos. Descendidos da Premier League 2020-2118.ºFulham19.ºWest Bromwich Albion20.ºSheffield United <td valign="top"> Pos. Ascendidos do Championship 2020-211.ºNorwich City2.ºWatfordProm.Brentford

Estadios e localizacións

Equipo Localización Estadio CapacidadeArsenalLondres Emirates StadiumAston VillaBirmingham Villa ParkBrentfordLondres Brentford Community StadiumBrighton & Hove AlbionBrightonFalmer StadiumBurnleyBurnleyTurf MoorChelseaLondres Stamford BridgeCrystal PalaceLondres Selhurst ParkEvertonLiverpool Goodison ParkLeeds UnitedLeedsElland RoadLeicester CityLeicesterKing Power StadiumLiverpoolLiverpool AnfieldManchester CityManchester City of Manchester StadiumManchester UnitedManchester Old TraffordNewcastle UnitedNewcastle upon TyneSt James' ParkNorwich CityNorwichCarrow RoadSouthamptonSouthamptonSt Mary's StadiumTottenham HotspurLondres Tottenham Hotspur StadiumWatfordWatfordVicarage RoadWest Ham UnitedLondres Estadio Olímpico de Londres Wolverhampton Wanderers Wolverhampton Molineux Stadium

Persoal e equipamentos