Roy Harris, nado en Bristol o 24 de febreiro de 1931 e finado en Oxford o 9 de febreiro de 2015, foi catedrático emérito de Lingüística Xeral na Universidade de Oxford. Foi profesor universitario en Hong Kong, Boston e París e profesor visitante e investigador en varias universidades e institucións surafricanas, australianas e indias.
Traxectoria Os seus libros sobre teoría da comunicación, semioloxía, historia do pensamento lingüístico e o que finalmente denominou lingüística integracional critican o falante ideal da lingüística xenerativa e as comunidades lingüísticas idealizadas por lingüistas e sociolingüistas, así como o modelo condutual saussureano de falante e oínte e de códigos e regras, con que opera a lingüística estrutural.
A súa filosofía da lingua cuestiona asuncións tradicionais do pensamento lingüístico occidental, propoñendo unha actitude radical ante a necesidade da desmitoloxizar as linguas e a lingüística e de adoptar unha nova lingüística fundamentada na visión dos signos como produtos resultantes (antes que causantes) da comunicación.
É membro fundador da International Association for the Integrational Study of Language and Communication (IAISLC) e coeditor da revista académica Language & Communication.
Lingüística integracional As investigacións levadas a cabo por Roy Harris nos últimos 25 anos centráronse no desenvolvemento dunha aproximación integracional ós signos e ós sistemas semiolóxicos, e polo tanto a toda a comunicación humana.
A súa aproximación denominada integracionismo ou lingüística integracional parte do exame das actuais prácticas educativas ó tempo que se propón unha revisión da historia do pensamento lingüístico dende Platón á actualidade, nunha perspectiva que difire radicalmente da visión tradicional das linguas e da comunicación de base mecanicista e estrutural.
A lingüística postestrutural que Harris postula na súa abordaxe integracional presenta importantes implicacións para o noso comprendemento das relacións interpersoais así como das sociedades modernas e dos seus recursos comunicativos, incluído o discurso público das artes e as ciencias. A revista interdisciplinar que dirixe con Talbot J. Taylor destinada á discusión da comunicación verbal e non-verbal pretende a integración da lingua con outras actividades e comportamentos interactivos (de aí o nome de integracionismo) de maneira que se poida desenvolver unha ciencia da comunicación non restrinxida por fronteiras disciplinares.
Libros Synonymy and Linguistic Analysis, 1973, Oxford, Blackwell. The Language-Makers, 1980, Londres, Duckworth. The Language Myth, 1981, Londres, Duckworth. F. de Saussure: Course in General Linguistics, 1983, Londres, Duckworth. The Origin of Writing, 1986, Londres, Duckworth. Reading Saussure, 1987, Londres, Duckworth. The Language Machine, 1987, Londres, Duckworth. Language, Saussure and Wittgenstein, 1988, Londres, Routledge. La Sémiologie de l'écriture, 1994, París, CNRS. Signs of Writing, 1996, Londres, Routledge. The Language Connection, 1996, Bristol, Thoemmes. Signs, Language and Communication, 1996, Londres, Routledge. Introduction to Integrational Linguistics, 1998, Oxford, Pergamon. Rethinking Writing, 2000, Londres, Athlone. Saussure and his Interpreters, 2001, Edinburgh, Edinburgh UP. The Necessity of Artspeak, 2003,Londres, Continuum. The Linguistics of History, 2004, Edinburgh, Edinburgh UP. The Semantics of Science, 2005, Londres, Continuum.
Véxase tamén Ligazóns externas Roy Harris e a Lingüística Integracional Language & Communication
Categoría:Lingüistas de Inglaterra Categoría:Alumnos da École Normale Supérieure Categoría:Nados en 1931 Categoría:Profesores da Universidade de Oxford Categoría:Nados en Bristol Categoría:Finados en 2015