Roberto Antonio Naveira Filgueiras, nado na Coruña o 16 de setembro de 1970, é un judoka español. Foi dúas veces campión de España (en 1993 e 1995) e competiu nos Xogos Olímpicos de 1996.

Traxectoria Nado no barrio coruñés de Monte Alto, comezou a practicar judo durante a súa infancia, no Judo Club Coruña. A mediados dos anos 80 gañou os seus primeiros títulos a nivel autonómico e en 1986 proclamouse campión de España sub-18 na categoría de menos de 50 kg. En 1989 foi bronce no Campionato de España júnior, conseguiu a prata ao ano seguinte, e finalmente o ouro en 1992. Trala retirada de Victorino González converteuse no judoka de referencia de Galicia, e asistiu aos Xogos Olímpicos de Barcelona como suplente do equipo español.

En 1993 gañou en San Fernando de Henares o seu primeiro campionato de España absoluto, na categoría de menos de 60 kg, ao derrotar na final ao madrileño Luis María Fernández. Ese mesmo ano rematou quinto no Campionato de Europa celebrado en Atenas, ao perder nos oitavos de final contra o británico Nigel Donohue, sendo o ouro para o acerbaixano Nazim Huseynov.

En 1994 non puido revalidar o título de campión de España, ao perder na final contra o aragonés Manuel Orgaz, ao que si conseguiu gañar na final de 1995, proclamándose así campión de España por segunda vez. En 1996 converteuse no segundo judoka galego en competir nuns Xogos Olímpicos. Foi nos Xogos de Atlanta, nos que eliminou na primeira rolda ao taiwanés Liao Chun-chiang, caendo eliminado na segunda contra o alxeriano Amar Meridja, mentres que o ouro foi para o xaponés Tadahiro Nomura.

En 1998, 1999 e 2000 foi medalla de bronce no Campionato de España. Despois de deixar a competición foi seleccionador da selección galega, posto no que sucedeu a Victorino González, e mestre de judo en Cambre.

Notas

Categoría:Nados en 1970 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Judokas olímpicos de Galicia Categoría:Judokas nos Xogos Olímpicos de 1996 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes