Alejandro Castro Espín, nado na Habana o 29 de xullo de 1965, é un político e militar cubano. Ostenta o rango de coronel no Ministerio do Interior de Cuba. É o único fillo varón de Raúl Castro, antigo primeiro secretario do Partido Comunista de Cuba, e de Vilma Espín, unha das principais líderes da Revolución cubana. É polo tanto sobriño do líder da Revolución, Fidel Castro.

Traxectoria Naceu na Habana o 29 de xullo de 1965, como o único fillo varón do matrimonio entre Raúl Castro e Vilma Espín. Ten tres irmás: Deborah, Mariela e Nilsa. A súa irmá Mariela é unha das sexólogas máis destacadas do país e directora do Centro Nacional de Educación Sexual de Cuba.

Formouse como enxeñeiro e como militar nas Forzas Armadas Revolucionarias e foi enviado como parte do continxente cubano á guerra civil angolana onde, aínda que non loitou na primeira liña, sufriu unha lesión accidental nun ollo durante un exercicio militar en Luanda. Tamén fixo un mestrado en relacións internacionais e é un destacado investigador en cuestións relacionadas coa defensa e a seguridade nacional.

Escribiu regularmente artigos na prensa cubana e en 2009 presentou o seu primeiro libro, El Imperio del Terror, publicado pola editorial do Ministerio do Interior cubano, que explica a súa particular visión dos intereses de poder dos Estados Unidos nos séculos XIX e XX.

Trala elección de Raúl Castro como primeiro secretario do Partido Comunista de Cuba en 2011, Alejandro converteuse en axudante persoal deste e estivo involucrado en diversos actos políticos e visitas oficiais.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Artigos seleccionados de Alejandro Castro Espín .

Categoría:Nados en 1965 Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Nados na Habana Categoría:Cubanos de ascendencia galega Categoría:Cubanos de ascendencia canaria Categoría:Revolucionarios de Cuba Categoría:Militares de Cuba