Fernando Peralta Carrasco, nado en Ronda o 15 de agosto de 1961, é un exfutbolista español que xogaba de porteiro. Disputou máis de 500 partidos oficiais, a maioría deles entre a Primeira e a Segunda División. Destacou especialmente no desaparecido CD Málaga, no Sevilla e no Castellón, e pechou a súa carreira na SD Compostela.

Traxectoria Formouse nas categorías inferiores do CD Málaga, e tras xogar varios anos no filial debutou co primeiro equipo en decembro de 1980, nun partido de Segunda División contra o Recreativo de Huelva, substituíndo na primeira parte ao lesionado José Luis Burgueña. En 1981 xogou a Copa do Mundo Xuvenil, sendo o porteiro titular en ausencia de Andoni Zubizarreta.

En 1986, despois de case 150 partidos oficiais co Málaga, a maioría deles na Primeira División, asinou co Sevilla FC. Non puido vestir as cores coas que xogara toda a vida, camiseta verde e pantalón e medias brancas, como homenaxe ás cores da bandeira de Andalucía, pois o club prohibiullo debido á rivalidade co Betis. Foi titular durante os dous primeiros anos, pero trala fichaxe do ruso Rinat Dasaev polo equipo sevillano, Fernando quedou relegado á suplencia, o que o fixo regresar ao equipo da súa terra en 1990.

Dous anos despois asinou co CD Castellón, unha vez consumados tanto o declive deportivo como a desaparición do CD Málaga. Disptuou 123 partidos co Castellón durante os seguintes tres anos, e en 1995 fichou pola SD Compostela, de Primeira División. Militou durante un par de tempadas no equipo de Fernando Vázquez sen gozar apenas de minutos de xogo, pois o gardameta titular era Javier Falagán. No Estadio de San Lázaro encaixou un dos goles máis famosos da historia da liga, nun partido contra o FC Barcelona, no que Ronaldo recorreu medio campo caneando a varios xogadores do Compostela ata bater a Fernando. Retirouse en 1997.

Fóra do campo Estudou durante anos no seminario de Málaga e trala súa retirada dedicouse á docencia. Foi ademais delegado do Málaga CF e director deportivo do club, e fíxose adestrador de fútbol, baloncesto, balonmán e voleibol.

Notas

Categoría:Nados en 1961 Categoría:Nados en Ronda Categoría:Futbolistas de Andalucía Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do CD Málaga Categoría:Xogadores do CD Castellón Categoría:Xogadores da SD Compostela Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-19 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-21 Categoría:Adestradores de fútbol de España Categoría:Adestradores de España Categoría:Profesores de España Categoría:Directores deportivos de fútbol de España