miniatura|250px|O soño, de Gustave Courbet, 1866. miniatura|250px|H. S. Tuke, Noonday heat, 1902. A homosexualidade é, dende o punto de vista da psicoloxía, unha identidade sexual, dende o punto de vista da socioloxía unha orientación sexual e, dende o punto de vista condutual unha conduta sexual. Consiste na interacción ou atracción sexual, afectiva ou sexoafectiva entre individuos do mesmo sexo.

Actualmente a homosexualidade enténdese como unha faceta máis do individuo, necesaria para comprender as variacións culturais das identidades e prácticas sexuais dos seres humanos e dos seus grupos sociais. Os traballos máis recentes prefiren non falar de homosexualidade, senón de prácticas ou comportamentos homosexuais, especialmente a partir dos estudos efectuados entre a poboación máis nova.

Terminoloxía miniatura|250px|dereita|Vaso romano cunha escena sexual entre dous homes. Século I dC.

É corrente que o falante descoñeza o significado preciso dos termos relativos ás diferentes prácticas, identidades e orientacións sexuais (heterosexualidade, homosexualidade, bisexualidade etc.), ou ben pola falta de información ou ben polo exceso de prexuízos. Previamente o mesmo fenómeno foi denominado baixo diferentes termos, non todos eles positivos: sodomía, uranismo, pecado horrendo, crime nefando, inversión.

O termo galego homosexualidade é tradución da palabra alemá Homosexualität, creada a partir do termo grego "omoios", que quere dicir "similar", e o latino "sexus", que quere dicir "sexo". Empregouno por primeira vez o escritor austro húngaro Karl-Maria Kertbeny en 1869 nun extenso informe enviado ao ministro de Xustiza de Alemaña con motivo da redacción do novo Código Penal para a Federación do Norte de Alemaña, aprobado en 1860, en medio do debate sobre se conviña manter o vello código prusiano que no seu apartado 175 tipificaba como delito o contacto sexual entre persoas do mesmo sexo. Richard Freiherr von Krafft-Ebing, no libro Psychopathia Sexualis (1886), popularizou o concepto. Del derivan as traducións a moitas outras linguas.

A homosexualidade feminina chámase tamén lesbianismo (calidade de lesbiana) ou safismo, termo que provén do nome da poetisa Safo de Lesbos, a quen os seus poemas apaixonados adicados ás súas amigas lle valeron a reputación de homosexual. Máis raramente, ao lesbianismo chámaselle tamén tribadismo, palabra que probablemente derive do verbo grego τρίβω (tríbō), que significa "fretar". Na Grecia antiga unha muller que penetraba mediante o uso dalgún aparello era chamada tríbas (τρίβας). O termo gai, de introdución máis recente na lingua galega,Non recollido polo Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega provén do inglés gay, e este do francés gai, con orixe no latín gaudium, gozo. En orixe significaba alegre, divertido. Foi empregado co significado actual a partir da súa introdución pola escritora norteamericana Gertrude Stein.

Actualmente, os termos gai e lesbiana empréganse para referirse a individuos homosexuais en xeral, homes ou femias respectivamente, e en particular a aqueles que teñen asumido a súa orientación sexual e desenvolven a súa vida conforme a ela. Tamén son empregados como eufemismo, en substitución de termos malsoantes ou ofensivos de uso máis común.

A terminación "-ismo" vese ás veces como pexorativa, tal como sucede coa palabra "homosexualismo". O sufixo -ismo ten múltiples definicións, que van dende "partidario de" ata "enfermidade de", como no caso do xigantismo. Por iso, o seu uso definiría a idea de que os homosexuais tenden á promoción das súas condutas, ou de que a condición homosexual se debe entender como unha deficiencia mental. Ao irse apartando a sociedade destas crenzas, foise impoñendo o termo homosexualidade, xa que a terminación -idade só implica "calidade de", aínda que no referente ao lesbianismo a terminación -ismo permanece. O dicionario da Real Academia Galega recolle tanto homosexualidade como lesbianismo.

Perspectiva científica Dende tempos de Kertbeny a homosexualidade é obxecto de estudo e debate por parte da comunidade científica. Inicialmente catalogouse como unha enfermidade, trastorno ou patoloxía que había que curar. Na década de 1860 Karl Heinrich Ulrichs defendía que o home homosexual albergaba a alma dunha muller nun corpo masculino (anima mueliebris viril), e concluía que a homosexualidade non era perversión, senón inversión, algo conxénito, constitucional e orgánico. En 1886 Richard Krafft-Ebing defendía que a complexión da muller homosexual se asemellaba máis á do home que á da muller, coa súa estrutura ósea, forma de pelve, ton de voz, xeito de camiñar e pene (clítoris alongado) masculinos, e atribuía a homosexualidade a unha dexeneración hereditaria do sistema nervioso central causada por disturbios provocados por prácticas contra natura, tales como a masturbación. En 1888 o criminólogo Cesare Lombroso vencellará esta desviación sexual conxénita coa criminalidade. O transcorrer da consideración científica do fenómeno homosexual difire moito segundo o punto de vista da disciplina baixo a que se estuda.

Vertente psicolóxica miniatura|esquerda|150px|Karl Heinrich Ulrichs. miniatura|dereita|150px|Richard Krafft-Ebing. miniatura|esquerda|150px|Sigmund Freud. miniatura|dereita|150px|Carl Jung.

O fenómeno homosexual ten sido estudado case sempre pola psiquiatría e a psicoloxía clínica. En parte a súa consideración como patoloxía provén desta perspectiva clínica, que introduciu distorsións nos estudos realizados sobre pacientes, ao resultaren grupos estatisticamente pouco significativos, escasos e especialmente conflitivos e neurotizados. Fronte a esta visión patolóxica, os investigadores sexuais proveñen de disciplinas non ligadas ao estudo da mente. As súas investigacións adoitan estar especialmente enfocadas á busca dos feitos que resultan anómalos no grupo social. Isto provoca controversias entre sociólogos e clínicos que evidenciaban o malestar destes ante o derrubamento de teorías emitidas dende o seu ámbito.

As investigacións de Frank Beach suxiren que no mundo animal a excitación sexual gaña variedade e complexidade a medida que se ascende na escala filoxenética, de xeito que o control que as hormonas exercen sobre o comportamento sexual vai remitindo progresivamente, co resultado de que no ser humano o control fisiolóxico practicamente lle cedeu o posto ao influxo do medio. Consecuentemente, a concepción que a psicanálise ten da sexualidade non deriva da función reprodutora, senón que é considerada como unha pulsión sen máis fin que a propia satisfacción. Dende esta perspectiva a sexualidade perde o vínculo cos xenitais e, de forma secundaria, inclúense entre as mocións sexuais todas aquelas que teñen unha compoñente afectiva (parentesco, amizade, camaradería...). A sexualidade do individuo configúrase ao longo da vida a partir das relacións interpersoais, atopando o seu lugar dentro do binomio masculino/feminino, definindo os seus propios límites e os seus modos de canalización sublimada.DOMÍNGUEZ MORANO, C. El debate psicológico sobre la homosexualidad. En

A reflexión de Freud sobre a orixe da homosexualidade estivo presente na súa obra entre 1900 e 1939, insistindo no seu carácter adquirido, fronte ás posturas que a consideraban unha dexeneración nerviosa conxénita, e na súa natureza universal, é dicir, a convicción de que a sexualidade de toda persoa entraña como dimensión esencial o homosexual. Ao logo da súa obra Freud explica a homosexualidade como resultado da intervención de diferentes temas presentes na sexualidade de calquera individuo, entre os cales o do narcisismo cobra especial importancia. Tanto Freud como autores posteriores consideran a homosexualidade como unha perversión, aínda que con diferentes matices. Esta afirmación foi moi utilizada para basear nela valoracións de tipo ético sobre a homosexualidade, nunha extrapolación infundada, pero o seu significado é moi outro: dende o punto de vista da psicanálise, unha perversión é aquilo cuxo obxecto sexual se afasta do obxecto sexual normal, entendido este como o que a norma establece, sexa cal sexa esa norma en cada momento. Os Tres ensaios para unha teoría sexual (1905) defendían a existencia dunha sexualidade infantil e a ruptura de fronteiras entre o normal e o perverso, o cal fixo dela unha obra escandalosa no seu momento:

miniatura|250px|esquerda|Freud valeuse do mito de Narciso, un mozo que se namorou do seu reflexo na auga.

Ellis, como Freud, consideraba que todas as persoas teñen características tanto femininas como masculinas, e que o que distingue o home da muller e o heterosexual do homosexual é o grao en que esas características se presentan ou permanecen latentes. Psicanalistas como Alfred Adler e Carl Gustav Jung pronunciáronse máis estritamente. A explicación da psique a través dos arquetipos leva a Jung a afirmar a homosexualidade como o donxoanismo son os efectos máis típicos do complexo materno. Segundo Jung, a homosexualidade pode significar unha situación na que o suxeito se identifica coa ánima e, polo tanto, é incapaz de proxectala cara ao exterior, e así, ao contrario do que acontece xeralmente, proxecta a persoa coa que coincide a propia identidade sexual. Psicanalistas posteriores non só non modificaron estes xuízos, senón que os acentuaron á vez que aplicaban a terapia reparadora. Xa nos anos sesenta Irving Bieber e outros psiquiatras, partindo da análise derivada da experiencia, afirmaron que a homosexualidade era un trastorno psicolóxico derivado de relacións familiares patolóxicas durante o período edípico. Nesa mesma década Charles Socarides defendía, pola contra, a tese de que a homosexualidade se orixinaba nunha época pre-edípica e que, polo tanto, resultaba moito máis patolóxica do que se pensara ata entón.

Vertente sociolóxica miniatura|350px|dereita|Escala de Kinsey. A posterior relativización e negación deses xuízos médicos procedeu de científicos como Alfred Kinsey. O doutor Kinsey enunciou teses severamente criticadas pola ciencia psiquiátrica daquela época, que aínda hoxe son obxecto de polémica pero, ao mesmo tempo, constitúen unha referencia en todo estudo científico da homosexualidade. En Sexual Behavior in the Human Male, Kinsey elaborou unha escala que vén sendo empregada sobre todo para avaliar a orientación e a conduta sexuais, e que consta dunha liña continua con sete graos de comportamento sexual, dende o exclusivamente heterosexual ata o exclusivamente homosexual. A creación desta escala tiña como obxectivo relativizar a definición da homosexualidade, pero o seu emprego levou á Kinsey á sorprendente conclusión de que a meirande parte dos individuos teñen comportamentos sexuais con ambos sexos nalgún momento da súa vida.

Dentro deste mesmo intento obxectivador, outra medida moi coñecida que se emprega aínda hoxe é a escala de Shively, que se basea só na preferencia física e afectiva, e na que a homosexualidade e a heterosexualidade teñen diferentes liñas de medida. Tamén emprégase a cuadrícula de Klein, que avalía sete dimensións: a atracción sexual, a conduta sexual, a fantasía sexual, a preferencia emocional, a preferencia social, a autoidentificación e o modo de vida. Nun intento de considerar tamén aspectos cualitativos e non só cuantitativos, a escala de Sell mide a atracción sexual, o contacto sexual e a identidade sexual, e inclúe un indicador de intensidade e frecuencia dos intereses sexuais e da conduta que a persoa adopta tanto cara aos homes como cara ás mulleres. Coleman, pola contra, propón unha escala de medición de nove dimensións, entre elas o modo de vida actual, as concepcións futuras da sexualidade idealizada, a identidade do rol sexual e a aceptación por parte do individuo da propia orientación sexual.

Vertente somática miniatura|esquerda|150px|Os bonobos adoitan ter sexo homosexual.

miniatura|150px|esquerda|Os cisnes forman parellas homosexuais monógamas e estables.