Paddy Moloney (en irlandés: Pádraig Ó Maoldomhnaigh), nado en Donnycarney (Dublín) o 1 de agosto de 1938 e finado o 11 de outubro de 2021, foi un músico da República de Irlanda, líder do grupo folk The Chieftains e produtor de numerosos traballos discográficos. Especialista en bodhrán e en instrumentos de vento, o tin whistle e as gaitas (moi sinaladamente a uillean pipe) foron os máis característicos da súa traxectoria. Gañador cos Chieftains de 6 premios Grammy, acadou o recoñecemento actuando ao longo do planeta (Europa, EE.UU., China, Xapón...) e tamén polas súas colaboracións con relevantes músicos e grupos de diversos estilos (Van Morrison, Sting, Rolling Stones, Mike Oldfield, Ry Cooder, Carlos Núñez...) e a participación na banda sonora de películas de renome.

Traxectoria Criado preto de Dublín no seo dunha familia de tradición musical, Moloney comezou o seu camiño de virtuosismo como gaiteiro da man de Leo Rowsome. Tras deixar a escola, despois de traballar nunha empresa de materiais de construción -alí coñecería a súa futura esposa, Rita O´Reilly-, valeuse dos ingresos para dar pulo á súa carreira musical. Na década de 1960 ingresou en Ceoltóirí Chualann, grupo tradicional dirixido polo compositor e músico Seán Ó Riada, e dous anos máis tarde fundou The Chieftains, banda cuxo nome se inspirou en textos do poeta irlandés John Montague. A fichaxe polo selo Island Records supuxo a consagración internacional do conxunto irlandés, sempre co seu líder como referente e comunicador durante os concertos.

En Galicia O artista dublinés relacionouse con grupos folk e colegas músicos de Galicia, especialmente Carlos Núñez, con quen xirou mundialmente chegando a gravar varios traballos discográficos. Á cabeza dos Chieftains frecuentou festivais (Moaña, Santiago de Compostela, Ortigueira) e interpretou pezas emblemáticas do folclore e do repertorio nacional galego (Alborada de Veiga, Muiñeira de Chantada, Muiñeira de Freixido, Danza de Cariño...). Paddy Moloney, en representación da banda irlandesa, recibiu (2013) a Medalla Castelao -ex aequo co gaiteiro vigués- como recoñecemento pola divulgación internacional da música galega e celta.

Notas

Categoría:Músicos de Irlanda Categoría:Nados en Dublín Categoría:Nados en 1938 Categoría:Finados en 2021