Un dos diversos modelos de Medalla da Batalla de Waterloo é o deseñado polo medallista italo-británico Benedetto Pistrucci, que se dedicou a este labor desde 1819 ata 1849, cando presentou as matrices da medalla á Casa da Moeda de Londres."The Waterloo Medal". The Metropolitan Museum of Art.

A medalla fora encargada polo Goberno do Reino Unido en 1819, seguindo instrucións de Xurxo IV, daquela aínda príncipe rexente, que xa suxerira a súa creación en 1816. A intención era que se lles entregase como recoñecemento aos xenerais vencedores da Batalla de Waterloo de 1815, así como aos gobernantes dos países aliados do Reino Unido.

A Royal Academy propuxo como base un deseño creado polo ilustrador e debuxante John Flaxman, un dos seus membros, mais o gravador da Royal Mint Benedetto Pistrucci, que debería encargarse da elaboración dos cuños, rexeitou a idea de copiar deseños alleos e elaborou uns deseños propios. O príncipe rexente e o mestre de ceca (o master of the mint ou director da casa da moeda) William Wellesley-Pole, quedaron impresionados cos modelos propostos por Pistrucci e, finalmente, encomendóuselle a el o traballo completo.

Porén, o proceso resultou máis lento do esperado, malia as presións sufridas por Pistrucci para a súa conclusión, e as matrices para os cuños non foron entregadas ata 1849. Durante as tres décadas transcorridas, a maioría dos seus destinatarios faleceran e as relacións con Francia melloraron considerablemente, polo que a medalla non chegou a servir para a finalidade prevista.

Por mor do seu gran tamaño (130 mm de diámetro), a Royal Mint non quixo arriscar as matrices no seu proceso de endurecemento para a creación dos cuños, polo que nesa época unicamente se elaboraron electrotipos e se efectuaron algunhas cuñaxes suaves.

Prolegómenos miniatura|William Wellesley-Pole (1763-1845), mestre de ceca da Royal Mint. O 28 de xuño de 1815, dez días despois da Batalla de Waterloo, o xeneral vitorioso, Arthur Wellesley, duque de Wellington, propúxolle a Federico de York que se lles entregasen medallas de bronce aos soldados británicos que participaran nesa batalla, de prata aos oficiais, e de ouro aos soberanos, aos ministros e aos xenerais das nacións aliadas. O irmán de Wellington era William Wellesley-Pole, mestre de ceca da Royal Mint, quen ordenou a preparación dos deseños para a produción das medallas destinadas aos soldados. A comezos de 1816 modificouse a idea inicial e determinouse que tanto os oficias como os soldados recibisen a medalla de prata, que foi producida en gran número na casa da moeda. A Royal Academy recibiu a encomenda de propor un deseño para a medalla de ouro, e o esbozo escollido foi o elaborado por un dos seus membros, John Flaxman, aínda que non se tomaron máis medidas de xeito inmediato.Craig, J. (1910). Páxinas 283-284.

En 1816, Xurxo, o príncipe rexente que despois reinaría como Xurxo IV, incidiu na idea dunha medalla conmemorativa destinada aos xenerais vencedores e aos máximos representantes das nacións aliadas na Batalla de Waterloo.Pollard, G. "Pistrucci, Benedetto". En Oxford Dictionary of National Biography. Esta medalla tería unha versión en ouro para os xefes de Estado e en prata para os xenerais, e prevíase tamén unha versión en bronce para honrar outras persoas de menor rango.Farey, R. (2014 -b-). Páxina 51. Para as tres versións deberíase utilizar o deseño de Flaxman proposto pola Academia.Marsh, M. A. (1996). Páxina 23.

En 1819, Wellesley-Pole encargoulle a Benedetto Pistrucci o gravado do deseño de Flaxman para a creación das matrices de aceiro.Marsh, M. A. (1996). Páxinas 23-24. Pistrucci, un gravador italiano que chegara a Londres en 1815, estaba a desempeñar daquela en funcións o cargo de gravador xefe da Royal Mint, que levaba uns anos vacante.Challis, C.E. (1992). Páxina 489.Farey, R. (2014 -a-). Páxinas 51-52.Forrer, L. (1906). Forrer, L. (1909). Páxinas 583-623. El consideraba que se lle prometera acceder a ese posto como titular coñecendo que, como estranxeiro, non tería dereito a ocupalo, o que suporía un agravio para el durante moito tempo. Decidiu rexeitar o deseño de Flaxman, igual que fixera anteriormente co de varias moedas, argumentando que non copiaba traballos alleos. Este rexeitamento contrariou a Royal Academy, mais Wellesley-Pole confiou en Pistrucci e encargoulle un deseño propio, do que nun día fixo un esbozo en cera que entusiasmou o príncipe rexente.

En agosto de 1819, Wellesley-Pole recibiu instrucións do Tesouro para contratar a Pistrucci para a produción da medalla, para o que se destinarían 2.400 libras que se lle entregarían en pagamentos fraccionados. Wellesley-Pole prometeulle ademais a Pistrucci que podería levar a Londres a súa familia, que permanecía en Roma.

Deseño Consonte Carlo Milano no seu artigo acerca de Pistrucci para a Royal Mint, "a medalla de Waterloo non se puido comparar con ningunha medalla anterior, era moito máis grande e a súa iconografía era máis complexa do que xamais se vira na historia da arte da medalla. Mais Pistrucci cría que se podería facer e inmediatamente comezou a traballar."Milano, C. "The Talent and the Temperament". The Royal Mint Museum.

Anverso miniatura|Anverso da medalla.|esquerda|200x200px No seu anverso, o deseño de Pistrucci presentaba os bustos agrupados de perfil dos catro xefes de Estado aliados: o príncipe rexente Xurxo (non sendo aínda rei, exercía os poderes do monarca por mor da doenza do seu pai, Xurxo III), o emperador Francisco I de Austria, o tsar Alexandre I de Rusia e o rei Federico Guillerme III de Prusia.

O resto do anverso é profundamente alegórico, sobre a idea central do Tratado de París asinado logo da conclusión da Batalla de Waterloo, que formalizaba a paz. Na parte superior, amósase a Apolo na súa carruaxe, restaurando o día. Seguindo o carro están Céfiro, que esparexe flores como símbolo da paz, e Iris, a deusa do arco da vella. A cuadriga voa polo ceo cara a Cástor e Póllux, representativos da constelación de Xémini, que simboliza o período do zodíaco en que tivo lugar a Batalla de Waterloo. Os dióscuros están armados con lanzas e amósanse como as apoteoses dos xenerais vencedores, Wellington e Blücher. Temis, a deusa da xustiza, aparece ante un dos gobernantes, como lembranza de que a xustiza, máis que o poder, asegura o bo goberno. Baixo ela vense as Parcas, representativas do destino, nunha posición subordinada, como indicación de que o destino humano será determinado en adiante pola xustiza. Fronte a Temis e detrás dos gobernantes hai un home armado cun pau sentado baixo un carballo, que representa o poder, e debaixo del están as Erinias, como símbolo de que as accións e as paixóns humanas están suxeitas ao poder. Na parte inferior hai unha figura que representa a noite, que foxe.Marsh, M. A. (1996). Páxina 25.

Reverso esquerda|miniatura|Reverso da medalla.|200x200px O reverso amosa no seu centro as figuras ecuestres de Wellington e Blücher, coa Vitoria entre eles, que os guía na batalla. O estilo destas figuras é grego, similar ao que Pistrucci utilizara previamente no San Xurxo e o dragón na moeda dun soberano. Na parte superior aparece representado Xúpiter nunha cuadriga. O resto da circunferencia do reverso está ocupado por dezanove figuras dos xigantes derrubados por Xúpiter, en representación do inimigo derrotado e nun número equivalente aos anos de duración das contendas, desde as campañas italianas de Napoleón de 1796 ata 1815.

Cambios no modelo No seu modelo en cera presentado inicialmente, Pistrucci situou inscricións que non se reproduciron no deseño final. Por riba os bustos reais do anverso aparecían os nomes dos países, respectivamente ANGLIA, AUSTRIA, RUSSIA e PRUSSIA, e por baixo FŒDERE JUNCTIS ("liga conxunta"). Aquel primeiro modelo incluía tamén no reverso, por riba e por baixo das figuras ecuestres, WATERLOO e 18 JUNE 1815 (o día da batalla), respectivamente."A Londra, ricordando Waterloo. Il medaglione per la vittoria su Napoleone a Waterloo". Museo della Zecca di Roma. Estas inscricións retomáronse na versión da medalla producida pola Royal Mint en 2015, co gallo do seu bicentenario."2015 Great Britain 8 oz Silver Battle of Waterloo Medal". APMEX.

Demora na produción miniatura|Benedetto Pistrucci, autor da medalla da Batalla de Waterloo.En 1822, Wellesley-Pole informou a Xurxo IV, xa como rei, de que se lle aboaran 1.700 libras a Pistrucci e de que este tiña xa os traballos de elaboración das matrices para os cuños da medalla nun estado avanzado. Mais ao monarca non lle agradou o aspecto que o seu busto adquirira no gravado que estaba a facer Pistrucci e ordenoulle que, no canto del, utilizase como base un retrato do monarca pintado por Francis Chantrey. Como en ocasións anteriores, Pistrucci rexeitou a posibilidade de traballar sobre modelos creados por outros artistas e negouse a variar o gravado que estaba a facer. A tensión creada por esta negativa puxo en perigo a súa posición na casa da moeda e provocou a súa exclusión dos traballos que, en paralelo, estaba a realizar no gravado de moedas. Pistrucci recibiu entón a instrución de concentrarse unicamente na medalla de Waterloo. En 1826, unha parte dunha das dúas faces estaba rematada.☃☃ Nesta situación comprometida para Pistrucci no relativo ao seu papel dentro da Casa da Moeda de Londres, consonte o Royal Mint Museum: "o seu progreso foi deliberadamente lento, xa que [Pistrucci] temía que, ao terse situado nunha situación delicada polo seu comportamento teimudo, a Royal Mint puidese romper o seu contrato con el tan pronto como entregase as matrices para os cuños"."Waterloo Medal". Royal Mint Museum.

Consonte Howard Linecar, no seu traballo sobre os deseñadores de moeda británicos, "Pistrucci utilizou o gravado destas matrices como elemento de presión nos seus incesantes esforzos por acadar o posto de gravador xefe da Royal Mint".Linecar, H. W. A. (1977). Páxina 96. Co paso do tempo, Pistrucci foille pedindo aos mestres de ceca que se foron sucedendo o seu nomeamento como gravador xefe, ata que en 1828, en medio da preocupación do Tesouro pola cantidade de diñeiro que se lle pagaba, foi nomeado como medallista xefe (un cargo de nova creación que contaba cun salario moi reducido), en tanto que William Wyon foi o elixido como gravador xefe.Craig, J. (2010). Páxina 297. En palabras de Milano: "o artista italiano tomou isto como un acto de hostilidade por parte dos seus inimigos". A maiores, nesta época Pistrucci contraeu unha doenza que afectou a súa vista, o que axudou a demorar aínda máis os traballos.

O traballo sobre a medalla de Waterloo seguía a ser moi lento. En 1832, o daquela mestre de ceca, George Eden, Conde de Auckland, sinalou nun informe que os traballos de gravado se demoraran moito. En 1836, un novo mestre de ceca, Henry Labouchere, queixouse tamén da demora e considerou que a medalla podería estar rematada en 18 meses; para iso, ofreceulle unha paga extraordinaria para a contratación de catro aprendices, mais Pistrucci declinou o ofrecemento.Marsh, M. A. (1996). Páxinas 30, 40.

Finalización da obra e valoracións