miniatura|O brasileiro Bebeto foi o autor dos primeiros dous goles europeos do Deportivo.
O Deportivo da Coruña disputou máis dun cento de partidos en competicións europeas, dende o seu debut na Copa da UEFA 1993/94. Os seus mellores resultados obtívoos na Liga de Campións, competición que disputou durante cinco anos consecutivos, acadando tres veces os cuartos de final e chegando ata semifinais na edición 2003/04, na que quedou eliminado contra o Porto. Disputou tamén nunha ocasión as semifinais da Recopa de Europa, na 1995/96, caendo contra o Paris Saint-Germain.
Historia
Antecedentes Dende os seus primeiros anos de vida, o Deportivo da Coruña xogou de xeito habitual contra equipos de mariñeiros ingleses, tripulantes de barcos atracados na cidade. O primeiro enfrontamento internacional contra un club como tal, data do 16 de abril de 1911, cando xogou un amigable contra o Vie au Grand Air du Médoc francés no antigo campo de Riazor, ante uns 3000 espectadores. Gañou o equipo galego por 3-2, con goles de Macho, Virgilio e Álvarez. Durante as seguintes décadas o club continuou xogando partidos amigables contra equipos europeos, sobre todo portugueses, destacando as súas actuacións no Trofeo Teresa Herrera, no que adoitaban participar algúns dos mellores equipos de Europa.
Primeiras participacións na Copa da UEFA Na tempada 1992/93, con Arsenio Iglesias no banco e só dous anos despois do seu ascenso á Primeira División tras dúas décadas de ausencia, o Deportivo acabou a liga na terceira posición, por detrás do FC Barcelona e o Real Madrid, logrando así a súa primeira clasificación para unha competición europea oficial. O 14 de setembro de 1993 o Deportivo debutou na Copa da UEFA, contra o Aalborg no Aalborg Stadion, da cidade danesa de Aalborg. O club coruñés viaxou sen as dúas máximas estrelas, Bebeto e Mauro Silva, que estaban concentradas coa selección brasileira, e formou con Liaño na portería; López Rekarte, Đukić, Voro e Paco Jémez na defensa; Nando, Fran, José Ramón e Donato no medio do campo; e Claudio e Manjarín na dianteira. O encontro rematou con vitoria danesa por 1-0, grazas a un gol de Søren Thorst na segunda parte. Con todo, no partido de volta no estadio de Riazor, o Deportivo goleou aos daneses por 5-0, con tres goles de Bebeto e dous de Claudio.
A primeira participación europea do club rematou na terceira rolda contra o Eintracht Frankfurt, despois de eliminar na rolda anterior ao Aston Villa. Ese ano acabou como subcampión de liga, polo que na tempada 1994/95 repetiu participación na Copa da UEFA, chegando de novo ata a terceira rolda, despois de eliminar ao Rosenborg e o TIrol Innsbruck. Na terceira rolda o rival foi o Borussia Dortmund. O Deportivo venceu na ida en Riazor por 1-0 cun gol de Bebeto, pero na volta no Westfalenstadion, un gol de Michael Zorc igualou a eliminatoria. O encontro foi á prórroga, na que Alfredo puxo por diante ao equipo galego, ata que nos tres últimos minutos, dous goles de Riedle e Ricken deixaron fóra aos branquiazuis, de novo ante un equipo alemán. miniatura|O adestrador Arsenio Iglesias foi o primeiro en clasificar o Deportivo para unha competición da UEFA.
Semifinal da Recopa 1995/96 O Deportivo proclamouse campión da Copa do Rei 1994/95, o que lle deu o pase para a seguinte edición da Recopa de Europa, que disputaban os campións das competicións de copa das diferentes federacións europeas. Estreouse na competición contra o APOEL de Nicosia, obtendo un empate na ida en Chipre e a vitoria en Riazor cunha histórica goleada por 8-0, con tantos de Bebeto (3), Radchenko (2), Begiristain, Donato e Aldana. Nos oitavos de final o equipo de Toshack eliminou ao Trabzonspor turco con dúas vitorias e un global de 4-0, sendo os goleadores de novo Bebeto e Donato, con dous tantos cada un. Na seguinte rolda o rival foi Zaragoza, vixente campión do torneo, ao que o Deportivo gañou pola mínima na ida en RIazor, cun gol do coruñés David. No partido de volta na Romareda, os de Víctor Fernández lograron o empate cun tanto de Morientes na primeira parte, pero outro gol de Bebeto deulle ao equipo galego unha histórica clasificación para as semifinais da competición. Con todo, o Paris Saint-Germain frustrou o intento do Deportivo de acadar unha final europea, logrando a vitoria nos dous partidos, nos dous casos por un gol a cero, tantos marcados por Djorkaeff e Loko.
A seguinte participación europea foi na Copa da UEFA 1997/98, na que sufriu a súa eliminación máis rápida, ao perder xa a primeira eliminatoria contra o Auxerre. Regresou dous anos despois, xa con Javier Irureta no banco, e eliminou nas dúas primeiras roldas ao Stabæk noruegués e ao Montpellier francés. Na terceira rolda enfrontouse ao Panathinaikos grego, ao que derrotou na Coruña por 4-2, con goles de Donato, Djalminha, Pauleta e un en propia meta do peruano Percy Olivares. No partido de volta en Atenas o adiantouse o Panathinaikos cun gol de Asanović, pero o empate de Roy Makaay certificou o pase do Deportivo aos oitavos de final. A continuación enfrontouse ao Arsenal de Wenger, perdendo case todas as opcións xa no partido de ida en Highbury, no que os londinienses obtiveron un 5-1 con goles de Dixon, Henry (2), Bergkamp e Kanu, mentres que Djalminha fixo o único gol galego. O resultado do encontro de volta foi de 2-1, quedando así fóra da competición.
Debut na Liga de Campións esquerda|miniatura|Juan Carlos Valerón é, xunto con Fran, o futbolista do Deportivo con máis partidos europeos (66) En abril do ano 2000 o Deportivo proclamouse campión de liga, polo que accedeu por primeira vez na súa historia á Liga de Campións. Quedou encadrado no grupo E, xunto a Panathinaikos, Hamburgo e Juventus. Debutou na máxima competición europea o 13 de setembro do ano 2000, no Estadio Spyros Louis de Atenas contra o Panathinaikos. Formou con Molina, Manuel Pablo, Naybet, Romero, Donato, Víctor, Emerson, Fran, Mauro Silva, Pandiani e Diego Tristán. O polaco Krzysztof Warzycha adiantou ao equipo grego na primeira parte, ata que Naybet puxo o empate preto do final do partido, que rematou 1-1. A súa primeira vitoria na Champions chegou só seis días despois no estadio de Riazor contra o Hamburgo. O Deportivo adiantouse no primeiro tempo cun gol de Pandiani que foi empatado na segunda parte por Barbarez. Xa no tempo de desconto, Lionel Scaloni fixo o 2-1 definitivo. O equipo coruñés mantívose invicto durante toda a primeira fase de grupos e, aínda que só logrou gañar outro partido (contra o Panathinaikos en Riazor), acabou como líder do grupo, conseguindo así o pase á segunda fase de grupos.
Nesta, quedou encadrado no grupo B, xunto a Paris Saint-Germain, Milan e Galatasaray. Na primeira xornada derrotou ao equipo francés no Parque dos Príncipes, e a pesar das dúas derrotas nos seguintes dous partidos, obtivo sete dos nove últimos puntos, subindo ata a primeira praza do grupo e logrando unha histórica clasificación para os cuartos de final. Especialmente lembrado é o encontro da quinta xornada contra o PSG en Riazor, no que o equipo de Luis Fernández se puxo 0-3 tras dous goles de Leroy e un de Jay-Jay Okocha, antes de que o Deportivo protagonizase unha histórica remontada con catro goles de cabeza: un triplete de Pandiani (que saíra dende o banco) e o outro de Tristán.
O seu rival en cuartos foi o Leeds United, adestrado polo irlandés David O'Leary. O equipo inglés deixou encamiñada a eliminatoria no partido de ida en Elland Road, con tres goles de Harte, Smith e Ferdinand, contra un Deportivo que notou as ausencias de Donato e Mauro Silva. No partido de volta na Coruña, os braquiazuis realizaron un gran partido e estiveron a piques de empatar a eliminatoria, gañando por 2-0 con tantos de Djalminha e Tristán, pero foi insuficiente para continuar na competición.
Asentamento na elite Trala súa primeira participación na Liga de Campións, o Deportivo continuou disputando a competición durante varios anos, conseguindo destacados resultados. Na tempada 2001/02 volveu quedar invicto na fase de grupos e acadou de novo o primeiro posto, por diante de Manchester United, Lille e Olympiacos. Obtivo catro empates e dúas vitorias, ambas contra o Manchester de Ferguson, campión da última Premier League, ao que derrotou por 2-1 en Riazor e por 2-3 en Old Trafford. Na segunda fase os seus rivais foron o Arsenal, o Bayer Leverkusen e a Juventus. Dous goles de Tristán e Makaay serviron para derrotar ao equipo inglés en Riazor na primeira xornada. A continuación, o equipo sufriu unha derrota por 0-3 contra o Leverkusen no BayArena e empatou a cero goles contra a Juventus no Stadio delle Alpi. Cos catro equipos empatados a catro puntos, chegouse á cuarta xornada, na que o Deportivo derrotou á Juve en Riazor con tantos de Tristán e Djalminha (2-0), mentres que o Arsenal goleou por 4-1 ao Bayer Leverkusen. miniatura|Diego Tristán é o máximo goleador do Deportivo en competición europea, con 16 tantos, 15 deles na Liga de Campións. Na penúltima xornada enfrontouse ao Arsenal no antigo estadio de Highbury. Nese encontro, considerado un dos mellores da súa historia, o Deportivo foi moi superior a un Arsenal que acabaría gañando ese ano a Premier, e no que xogaban entre outros estrelas como Seaman, Campbell, Vieira, Pires, Bergkamp ou Henry. O resultado foi de 0-2, sendo Valerón e Naybet os autores dos tantos, e significou o pase matemático aos cuartos de final, por segundo ano consecutivo. O seu rival nos cuartos foi o Manchester, ao que xa se enfrontara na primeira fase, pero nesta ocasión os resultados foron opostos. O Manchester gañou na ida en Riazor por 0-2, cun gran gol de David Beckham e outro de Van Nistelrooy, e conseguiu tamén a vitoria en Old Trafford, esta vez por 3-2, con dous tantos de Solskjær e un de Giggs.
Na tempada 2002/03 iniciou a Liga de Campións xogando contra o Bayern de Múnic no Estadio Olímpico de Múnic. Impúxose o equipo coruñés por 2-3, cun triplete de Roy Makaay, e entrou na historia como o primeiro equipo español en derrotar ao Bayern no seu estadio. Gañou tamén ao Lens en Riazor, ao Bayern tamén en Riazor e ao Milan en San Siro, clasificándose para a seguinte fase na segunda posición, empatado a puntos co primeiro, o Milan. Na segunda fase quedou encadrado no Grupo D, xunto coa Juventus, o Manchester United e o FC Basel. Logrou sete puntos de nove posibles en Riazor, cun empate contra a Juve e vitorias contra Manchester e Basel, pero non puido sumar ningún punto fóra da casa. O equipo inglés ocupou a primeira praza final, con 13 puntos, mentres que os outros tres remataron nun triplo empate a sete puntos, ocupando o Deportivo o último posto.
Ás portas da final continental Na tempada 2003/04 o Deportivo da Coruña rexistrou a mellor participación europea da súa historia. A diferenza das tempadas anteriores, nas que lograra a clasificación como campión ou subcampión de liga, esta vez fíxoo como terceiro, polo que tivo que disputar unha rolda previa contra o Rosenborg, ao que superou tras empatar a ceros no Lerkendal Stadion e gañar pola mínima en Riazor, cun tanto de Albert Luque. Xa na fase de grupos, entrou no grupo C, con AEK, PSV e Monaco.