Franciso José Nogueira Maneiro, coñecido como Fran Nogueira, nado en Ferrol o 4 de agosto de 1972, é un exfutbolista galego, que xogaba de dianteiro.
Traxectoria Formouse na canteira do Racing de Ferrol e debutou co primeiro equipo na Terceira División na tempada 1990/91. Xogou tamén dous partidos da Copa do Rei contra o Lugo, marcando dous goles no primeiro deles no antigo estadio Manuel Rivera, que contribuíron á clasificación do equipo verde para a seguinte rolda. Ao ano seguinte logrou o ascenso á Segunda División B, e as súas boas actuacións chamaron a atención do Celta de Vigo, que o incorporou en 1992 ao seu filial, o Celta Turista, que militaba tamén na Segunda B.
Tras dúas tempadas en Vigo, nas que chegou a debutar co primeiro equipo celeste nun partido da Copa do Rei contra o Gramenet, da man do adestrador Txetxu Rojo, regresou en 1994 a Ferrol, para vestir de novo a camiseta do Racing, adestrado por Luis Rodríguez Vaz. Compartiu dianteira con Pazolo, e fixo 9 goles, contribuíndo ao primeiro posto dos ferroláns, que non conseguiron ascender na posterior fase de promoción. Xogou dúas tempadas máis no Racing, disputando outra promoción infrutuosa.
En 1997 fichou polo Leça, da Primeira Liga de Portugal. Militou catro anos no club de Leça da Palmeira, os dous últimos na segunda división, e marcou 30 goles. No verán do ano 2000 volveu a Ferrol, para comezar a súa terceira etapa no Racing, desta vez na Segunda División. Disputou 65 encontros durante os seguintes dous anos no equipo de Luis César, e marcou 18 goles.
A partir de 2003 pasou por varios equipos da xeografía española (Ciudad de Murcia, Logroñés, Mirandés e Cartagena), antes de regresar a Galicia en xaneiro de 2005, fichando polo Ourense. Na tempada 2005/06 xogou co Cerceda na Terceira División, colgando as botas ao remate da campaña.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol .
Categoría:Nados en 1972 Categoría:Nados en Ferrol Categoría:Futbolistas de Ferrol Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Xogadores do Celta de Vigo B Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Xogadores do Leça FC Categoría:Xogadores do CF Ciudad de Murcia Categoría:Xogadores do CD Logroñés Categoría:Xogadores do CD Mirandés Categoría:Xogadores do FC Cartagena Categoría:Xogadores do CD Ourense Categoría:Xogadores do CCD Cerceda