Sarah Brightman, nada en Berkhamstead (Hertfordshire) o 14 de agosto de 1960,Sarah Brightman filmography, British Film Institute; Sarah Brightman, Playbill; é unha soprano, cantante, compositora, actriz, bailarina e intérprete de música clásica inglesa.

Traxectoria Brightman comezou a súa carreira como membro do grupo de baile Hot Gossip e lanzou varios sinxelos como solista. En 1981, debutou no teatro musical no West End en Cats e alí coñeceu o compositor Andrew Lloyd Webber, co que máis tarde casou. Protagonizou varios musicais no West End e en Broadway, incluíndo The Phantom of the Opera, onde estreou o papel de Christine Daaé. O álbum orixinal co elenco de Londres, Phantom, foi lanzado en formato CD en 1987 e vendeu 40 millóns de copias en todo o mundo, o que o converteu no álbum de teatro máis vendido de todos os tempos.

Despois de retirarse dos escenarios e divorciarse de Lloyd Webber, Brightman retomou a súa carreira musical co antigo produtor de Enigma Frank Peterson, esta vez como artista de crossover clásico. Foi considearada a creadora do xénero e continúa entre as súas intérpretes máis destacadas, con vendas en todo o mundo de máis de 25 millóns de álbums e dous millóns de DVD, consolidándose como a soprano que máis vendeu no mundo.

O dúo de Brightman en 1996 co tenor italiano Andrea Bocelli, "Time to Say Goodbye", encabezou as listaxes de éxitos de toda Europa e converteuse no sinxelo máis vendido e máis rápido de todos os tempos en Alemaña, onde permaneceu no primeiro posto durante catorce semanas consecutivas e vendeu máis de tres millóns de copias. Posteriormente converteuse nun éxito internacional, vendendo 12 millóns de copias en todo o mundo, converténdoo nun dos sinxelos máis vendidos de todos os tempos. Brightman acumulou máis de 200 discos de ouro e de platino en 38 países diferentes. En 2010, Billboard nomeouna a quinta artista clásica máis influente e máis vendida da década dos 2000 nos Estados Unidos e, segundo Nielsen SoundScan, vendeu 6,5 millóns de álbums no país.

Brightman foi a primeira artista que convidada en dúas ocasións para interpretar o tema principal nos Xogos Olímpicos; a primeira nos Xogos Olímpicos de Barcelona de 1992, onde cantou "Amigos Para Siempre" co tenor español José Carreras cunha audiencia global estimada de mil millóns de persoas, e 16 anos despois en 2008 en Pequín, esta vez coa cantante chinesa Liu Huan, interpretando a canción "You and Me" a uns catro mil millóns de persoas en todo o mundo.

En 2012, Brightman foi nomeada Artista da UNESCO pola Paz para o período 2012-2014, polo seu "compromiso con causas humanitarias e benéficas, a súa contribución, ao longo da súa carreira artística, á promoción do diálogo cultural e os intercambios entre culturas e a súa dedicación aos ideais e obxectivos da Organización". Desde 2010, Brightman é embaixadora global da marca Panasonic.

En 2014, comezou a adestrarse para unha viaxe á Estación Espacial Internacional, posteriormente aprazada ata novo aviso, alegando motivos persoais. Brightman recibiu a condecoración "Cavaliere" da Orde do Mérito da República Italiana o 2 de xuño de 2016 e un doutoramento honoris causa pola Universidade de Hertfordshire en 2018, en recoñecemento ás súas destacadas contribucións á música e ao teatro.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Páxina oficial Fairwood Music (UK) Ltd. Website classical-crossover soprano Spacefacts biography of Sarah Brightman

Categoría:Nados en Hertfordshire Categoría:Nados en 1960 Categoría:Cantantes de Inglaterra Categoría:Sopranos Categoría:Bailaríns Categoría:Actores de teatro de Inglaterra Categoría:Cantantes en lingua alemá Categoría:Cantantes en lingua francesa