Francisco Montaigú de la Perille (tamén nomeado Montaigut ou MontaygutReal Academia de la Historia) nado en Francia no século XVII e finado na Coruña o 9 de setembro de 1733, foi un brigadier e enxeñeiro militar español de orixe francesa.

Traxectoria Durante a Guerra de Sucesión española, en 1708 foi nomeado enxeñeiro en xefe en Flandres e no ano 1709 foi ascendido a coronel. Desde Cataluña, onde participara no Sitio de Barcelona, trasladouse a Mallorca en 1716 co propósito de realizar un proxecto de enxeñaría na capital.

Foi destinado á Coruña en 1721, primeiro como enxeñeiro en xefe e desde 1726 como enxeñeiro director de Galicia.

Entre 1722 e 1730 proxectou a reforma do Hospital Militar da Coruña, a ampliación da cidade, a fortificación dos castelos de Santo Antón e San Diego, á vez que realizou a construción da viaxe de auga de San Pedro de Visma, o segundo proxecto de abastecemento de auga que se realizou na Coruña e unha das obras máis importantes no desenvolvemento da cidade. En 1723 deseñou o proxecto para ampliar e fortificar a cidade, máis debido á súa complexidade tivo que realizar outro máis práctico só de fortificación que pechaba o barrio da Pescaría.

Desde 1726 comezou a realizar proxectos en Ferrol. Ese mesmo ano debuxaba o plano do primeiro estaleiro desa cidade, na Graña, ampliado en 1728. Amais, entre 1726 e 1730 realizou a ampliación das fortificacións e baterías da ría de Ferrol e a reforma dos castelos da Palma e de San Filipe.

En 1732, elaborou dous proxectos de construción dun arsenal na enseada de Ferrol en substitución do estaleiro da Graña. Ese mesmo ano realizaba a primeira tentativa de levantar un espazo urbanizado cun desenvolvemento elemental e un trazado en cuadrícula que serviu de base para o futuro barrio da Magdalena. Faleceu na Coruña o 9 de setembro de 1733, sendo brigadier.

Notas

Categoría:Arquitectos de Galicia do século XVIII Categoría:Nados no século XVII Categoría:Finados en 1733 Categoría:Nados en ano descoñecido