José Ramón Esteban Mateo Méndez Rodil Gayoso,Tamén aparece citado como: Rodil Campillo, pois o apelido materno era Galloso (Gayoso) Campillo.  nado no Trobo (A Fonsagrada)Revista Gallega, 183, 11-9-1898 p. 4-5 o 5 de febreiro de 1789 e finado en Madrid o 20 de febreiro de 1853, foi un militar e político galego.

Traxectoria Carreira militar Iniciou os estudos de Latín e Filosofía no Seminario de Mondoñedo para continualos na Universidade de Santiago de Compostela. Ao se producir a Guerra da Independencia española, como noutros centros semellantes, creáronse nos claustros unidades de voluntarios para loitar contra os franceses. Rodil integrouse no Batallón Literario en 1808 e participou nas batallas de Espinosa de los Monteros, na de Ponte Sampaio e chegou até o sitio de Baiona (Francia).

Tras participar na Guerra da Independencia seguiu a súa carreira de militar, e marchou a América onde foi destinado ao Perú en 1817. Aos poucos de chegar a Callao (1817) foi ascendido a comandante. Marchou a Arequipa coa misión de organizar un batallón e tras un rigoroso adestramento reforzou as unidades realistas da gornición de Chile. Participou nos combates de Talca, Cancha Rayda e Maipú. Retornou a Lima onde foi ascendido a coronel (1820) e foi destinado ás forzas que defendían a fortaleza do Callao.

Tralo desastre de Ayacucho (1824) que puxo remate ao vicereinato peruano Rodil, comandante militar das fortalezas do Callao, negouse a aceptar a capitulación de Ayacucho na esperanza de recibir reforzos de España. Estando asediado por terra e por mar, resistiu preto de dous anos, na Fortaleza do Real Filipe e os Castelos do porto, dirixindo os veteranos rexementos reais de Lima e Arequipa, xunto con soldados independentistas desertores que se lle uniran. Por fin, o 22 de xaneiro de 1826, cando case todos os defensores morreran e os que quedaban estaban sen víveres, Rodil aceptou capitular perante o comandante do asedio, o xeneral venezolano Bartolomé Salom. A resistencia ofrecida chamou a atención de Simón Bolívar e, cando o xeneral Salom pedía a pena de morte para Rodil, respondeulle: "O heroísmo non é digno de castigo". Rodil, conseguiu condicións honorables na capitulación, podendo levar a bandeiras dos rexementos que foron as derradeiras en abandonar o Perú. Coa entrega do Callao, púxose fin á presenza do exército español de América do Sur.

En 1826, volveu á península co grao de Mariscal de campo e, polos seus méritos militares, recibiu en 1831 o título nobiliario de Marqués de Rodil.

Unido aos liberais, trala reorganización militar levada a cabo pola rexente María Cristina de Borbón, á morte de Fernando VII, foi encargado, con 15.000 soldados, de perseguir e capturar ao pretendente ao trono Carlos María Isidro de Borbón, irmán do defunto rei, pero non conseguiu a súa capturar por fuxir este a Portugal. En xuño de 1834, durante a Primeira guerra carlista, foi nomeado Xeneral en xefe do Exército do Norte cargo que ostentou só uns meses pois tras uns enfrontamentos contra Zumalacárregui, ao ser derrotado por este produciuse a súa inmediata destitución como xeneral.

Carreira política Deputado por Lugo na lexislatura de 1841 e na de 1842. Posteriormente, na lexislatura 1842-1843 foi senador por Ávila, e dende a lexislatura 1849-1850, foi senador vitalicio.

Foi deputado e foi Ministro de Guerra no goberno de Mendizábal e Calatrava no ano 1836. Foi un dos homes de confianza de Espartero durante a súa rexencia e nomeouno presidente do Consello de Ministros dende 1842 a 1843, cargo do que foi obrigado a dimitir. Mantivo o vicerreinado de Navarra de 1836 até 1843, e foi Capitán xeneral doutras diversas rexións (Aragón, Castela a Nova, Estremadura e Vascongadas).

Foi fundador e organizador do Corpo de Carabineiros co nome de Real Cuerpo de Carabineros de Costas y Fronteras, por Real Decreto de Fernando VII o 9 de marzo de 1829, en tempos do ministro de Facenda Luis López Ballesteros. Poucos anos despois, en 1833 pasou a se denominar Carabineros de la Real Hacienda dependendo da Dirección de Rentas Estancadas do Ministerio de Facenda. A súa dependencia de Facenda levou a que carabineiros entren nun estado de abandono. En 1842, o Corpo de Carabineiros estaba totalmente desacreditado e era totalmente inoperante. Ese mesmo ano, encomendouse ao mariscal de campo Martín José de Iriarte, a organización do Corpo de Carabineiros do Reino, para substituír os da Real Facenda.

Foi Gran Mestre Masón de 1837 até 1851.

Varios Na primavera de 1842, aproveitando a circunstancia da súa presidencia de goberno, a Deputación de Lugo pediu a concesión dun Instituto Superior de Segunda Ensinanza para Lugo, o que foi concedido nunha Real Orde de 30 de novembro de 1842, creándose o Instituto Masculino de Lugo, actual IES Lucus Augusti, que é o máis antigo de Galiza.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Lista de presidentes de España

Ligazóns externas Ficha na web da Presidencia do Goberno .

Categoría:Presidentes de España Categoría:Ministros de España Categoría:Militares de Galicia Categoría:Nados en 1789 Categoría:Finados en 1853 Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Marqueses de Galicia Categoría:Nados na Fonsagrada