Mdungazwe Nghunghunyana Nxumalo ou Reinaldo Frederico Gungunhana, nado en 1850 e finado en Angra do Heroísmo o 23 de decembro de 1906, foi o derradeiro emperador de Gaza (no sur do actual Mozambique) que reinou entre 1884 e 1895. Membro da dinastía Jamine, de orixe nguni, que gobernaba Gaza dende 1824. Vasalo portugués, rebelouse contra o poder colonial e derrotado marchou ao desterro, primeiro en Lisboa e logo nos Azores onde morreu.

Traxectoria Situación histórica nos seus primeiros anos miniatura|O Limpopo ao seu paso por Gaza a principios do século XX. Naceu por volta de 1850 nalgun lugar entre os ríos Zambeze e Incomati, probablemente nas beiras do Limpopo, o principal asentamento dos pobos nguni na rexión. Fillo de Mzila, que sería logo monarca de Gaza entre 1861 e 1884, e de Yosio, que morreu o ano que Mzila asumiu o trono e o rapaz quedou ao coidado da súa substituta, Umpibekeçana . Seu avó era Soshangane, un xefe zulú, fundador do Imperio de Gaza. Mdungazwe educouse como un guerreiro dende moi novo, seguindo as técnicas que o rei Shaka introducira entre os zulús e participando nas xiras que seu avó e seu pai realizaban anualmente polos seu extensos dominios.

Ao morrer Shoshangane en 1858, os dous principais contendentes ao trono eran Mzila e seu irmán Mawewe, logo dun breve período de loita armada fíxose co control Mawewe que decidiu atacar os seus irmáns e as súas familias en 1859 para lograr máis poder. Mzila conseguiu fuxir para o Transvaal, onde organizou un exército para se enfrontar co irmán. Aínda que non hai constancia histórica é moi posible que Nghunghunyana seguira o seu pai ao exilio e escapara ao intento de seu tío de destruír a liñaxe de seu irmán. A administración colonial portuguesa, que o vía máis agresivo ca o seu pai, o Estado Libre de Orange e moitos dos líderes tribais dos pobos sometidos ao poder nguni uníronse contra Mawewe e a guerra estalou. O 2 de novembro de 1861 chegaron a Lourenço Marques enviados de Mzila, e a cambio do apoio portugués aceptaron a súa vasalaxe aos portugueses. A batalla decisiva acaeceu a finais de novembro nunha liña de vinte quilómetros entre as praias de Matola e as terras de Moamba, Mzila logrou a vitoria e o 30 de novembro o gobernador portugués recibiuno en Lourenço Marques. O 1 de decembro de 1861 asinouse un tratado no que Mzila se declaraba súbdito português.

Unha nova e decisiva vitoria de Mzila o 16 de decembro na rexión de Maputo consolidou a alianza. Durante o conflito Portugal forneceu a Muzila 2 000 espingardas, 50 000 cartuchos e 1 200 pistolas de pedernal, ademais de asegurarlle o apoio bóer e da intermediación cos líderes locais, que preferían a soberanía distante do rei portugués á hexemonía local de Mawewe. Progresivamente Mzila dominou todo o territorio, a capital do reino mundou do val do Limpopo para Mossurize, no norte do río Save, na actual provincia mozambicana de Manica e tras rematar a guerra en 1864 foi o líder incontestado do Imperio de Gaza. Mdungazwe permaneceu como un dos seus potenciais sucesores.

Mzila mantivo o estilo de goberno de seu pai, baseado na man de ferro e no percorrido de todo o seu territorio. Cos portugueses mantivo unha política ambigua, formalmente o seu vasalo e con constantes manifestacións de amizade mais non dubidou en arrasar varios asentamentos portugueses en Sofala e Inhambane nun contexto de maior presión europea sobre a rexión, e o aumento dos comerciantes e misioneiros establecidos entre os seus súbditos. Ao longo do seu reinado Mdungazwe foi gañando importancia paulatinamente para se converter nunha das principais iguras da corte. Ao morrer seu pai enfrontouse co herdeiro lexítimo, o seu medio irmán Mafemane, ao ser súa nai a esposa principal (nkosicaze) de Mzila, e eliminouno, e tamén obrigou a outros dous rivais, Anhana e Mafabaze, a exiliarse. A finais de 1884 ascendeu ao trono nguni, e pasou a se designar como Ngungunhane, Gungunyane ou Gungunhana, o león de Gaza.

Reinado (1884-1895) thumb|250px|Nghunghunyana como soberano, coa coroa de cera símbolo de realeza e o bastón (gravado de Francisco Pastor de 1895).

Nghunghunyana gobernaba un territorio de case 90 000 km² con máis de millón e medio de habitantes coa corte en Manjacaze. O principiar do seu reinado coincidiu coa Conferencia de Berlín (15 de novembro de 1884 — 26 de febreiro de 1885) no que as potencias europeas repartiron o territorio africano; e para o novo soberano a relación cos europeos, en especial os portugueses, foi unha prioridade e en xaneiro de 1885 enviou unha embaixada ás autoridades de Portugal en Chiloane para anunciarlles a sucesión .

O Reino Unido e mais Alemaña cobizaban o territorio que reclamaba Portugal e en 1886 o ministro de exteriores portugués Henrique de Barros Gomes asinou co chaceler alemán Otto von Bismarck o tratado que delimitaba as colonias dos dous países, e o Imperio de Gaza quedaba so soberanía lusa. Neste contexto e para facer fronte á crecente presenza británica e bóer no territorio e en especial a pasaxe pola rexión da coñecida como expedición Warren dirixida polo xeneral británico Charles Warren á fronte de 5 000 homes armados, o goberno portugués nomeou un residente diante a corte de Nghunghunyana, que facía as funcións de oficial de enlace, embaixador e conselleiro político. A escolla recaeu nun aventureiro con longa experiencia na rexión, Casaleiro Alegria que gañou rapidamente a confianza dos principais líderes políticos do reino e do propio monarca que desexaba asinar un novo tratado que substituíse o de 1861 e decidiu enviar unha embaixada a Lisboa e na que delegou en Casaleiro Alegria os poderes para o representar perante Portugal. A delegación partiu a mediados de 1885 e ademais de Alegria estaba composta por dous nobres non nguni. A súa chegada a Lisboa recibiunos o rei Lois o 18 de setembro. O 12 de outubro diante o ministro de mariña e ultramar asinouse un tratado de amizade e vasalaxe entre os reis de Portugal e de Gaza que oficializaba a presenza do residente portugués e permitía a libre presenza de portugueses en Gaza e ao tempo outorgaba ao rei africano as honras de coronel de segunda liña do exército português, o que incluía o dereito ao uso do uniforme que lle correspondía.

Así e todo, o feito que non fose ningún nobre nguni levou á desconfianza en canto a autenticidade da propia delegación, o que xunto ás dificultades para a aplicación do tratado levou a unha nova embaixada en 1887, e desta volta enviáronse a dous nobres nguni, N’Tonga, da casa de Manjacaze, e Udaca, da casa de Udengo. O rei recibiunos e visitaron instalacións militares, para os convencer do poder portugués. Esta visita e a anexión de Zululandia á colonia de Natal o 14 de maio de 1887 fixo mellorar as relacións do rei cos portugueses mais estes comezaron a endurecer a súa posición, o que fixo que Nghunghunhyana se sentira ameazado, non só polos portugueses tamén polos británicos e a constante ameaza de disensión interna pola existencia de pretendentes ao trono no exilio.

Por entón decidiu mudar a capital de Mossurize para Cambane, 600 km ao sur, ese movemento supuxo unha serie de guerras cos chopis, principalmente pola necesidade de lograr escravos. A mudanza pretendía aproveitar mellor os desencontros entre as potencias europeas e defender a independencia fronte os portugueses, suavizando as súas pretensións sobre as minas de Manica e consolidando a soberanía nguni, pero tamén debilitou ao seu reino. Tamén se esforzou por lograr o apoio británico e de Cecil Rhodes. Foi unha época en que as forzas de Nghunghunyana, que consistían en 20 000 guerreiros nguni, atacaron reiteradamente os intereses portugueses e os dos seus aliados, seguidos de pedidos de amizade e envío de embaixadas. O ultimato británico do 11 de xaneiro de 1890 supuxo a retirada inmediata das forzas portuguesas da rexión do río Shire (Niasalandia) e das terras dos bakalolos e dos shonas (actual Zimbabwe). Mais en Portugal provocou unha onda patriótica e nacionalista que fixo mudar de posición a administración colonial portuguesa; esta pasou de acordos de cooperación a procurar a submisión e a vasalaxe, que se deu en chamar pacificación, malia implicar moitas veces a intervención armada e o derrocamento dos régulos pouco cooperantes.

En 1891 o novo gobernador de Lourenço Marques, Joaquim Mouzinho de Albuquerque, aplicou unha política de man dura cos pobos africanos circundantes, nunha creba da política de contemporización característica da presenza portuguesa nas décadas anteriores. Entrementres, os británicos e en especial Cecil Rhodes, da Compañía Británica da África do Sur, elixiron a rexión de Gaza e o porto de Lourenço Marques como obxectivos estratéxicos para a saída do comercio de materias primas do Transvaal. Paralelamente, outras tres grandes concesionarias con gran poder nos territorios que exploran amosan grande interese na rexión; son a Compañía de Niassa, a Compañía de Zambezia e a Compañía de Mozambique, nun período no que a ocupación efectiva portuguesa da provincia de Mozambique non pasaba dunha estreita faixa do litoral e algúns puntos illados no interior. Os portugueses, británicos, colonos surafricanos e representantes das compañías concesionarias procuran atraer a Nghunghunyana. O goberno portugués establece un intendente xeral no corte, segundo o previsto no tratado de outubro de 1885. Rhodes logra do soberano de Gaza, a troco dun milleiro de espingardas, municións e un subsidio anual, a concesión de minas e o acceso ao mar. Porén, na época, Nghunghunyana intentou confrontar os británicos e portugueses ao tempo que pedía a protección da raíña Vitoria. Mais os dous poderes colonias acordaran a delimitación dos seus territorios africanos, asinada en xuño de 1891. Segundo esta, Gaza quedaba no interior do territorio de Mozambique. Ao emperador esíxenlle a aceptación da súa condición de súbdito portugués, sen poder esperar xa o apoio británico.

A rebelión ronga (1894-1895) En 1892 Mouzinho de Albuquerque regresou a Portugal mais a súa política de aumento de impostos e violencia contra das poboacións africanas sometidas aos denomidados prazos da Coroa deixou un legado de descontentamento e revolta que ía en aumento. A finais de 1893 entrevíanse sinais dunha insurrección inminente, e a situación agravouse ao longo de 1894, ao xurdir múltiples incidentes e ataques aos intereses portugueses.

Na rexión circunstante a Lourenço Marques coexistían xefes tribais vasalos da coroa portuguesa, como era o caso dos de Maota, Machaquene, Matola ou Maputo, que pagaban o mussoco ás autoridades lusas e fornecían homes para as tropas auxiliares portuguesas con outros que se consideraban vasalos de Nghunghunyana e non se sometían os portugueses. Neste caso estaban os de Manhica, Magaia, Zixaxa ou Moamba.

A isca que principiou a revolta foi o conflito entre o xefe Mahazul dos magaia e un pretendente, Maveja. Mahazul era un vasalo fiel do soberano de Gaza e os portugueses convenceron a Maveja para recoñecer a soberanía lusa a cambio de apoio. Mahazul aliouse con Nwamatibyane, xefe dos zihlahla, e ambos os dous decidiron atacar Lourenço Marques, nun momento de descontento entre as tribos fieis aos portugueses. En agosto de 1894, os rongas da rexión, so o liderado de Mahazul, Nwamatibyane e Amgundjuana, axuntaron milleiros de guerreiros e cercaron durante máis de dous meses Lourenço Marques. O gobernador xeral Fernando de Magalhães e Menezes, chegou da entón capital da colonia, Illa de Mozambique e ordenou a apertura de trincheiras e mais o armamento de canóns.