Yeremay Hernández Cubas, tamén coñecido como Peke, nado nas Palmas de Gran Canaria o 10 de decembro de 2002, é un futbolista español que xoga de extremo esquerdo no Deportivo da Coruña, da Primeira División. É internacional coa selección española sub-21.
Traxectoria
Comezos Nacido no barrio do Polvorín das Palmas de Gran Canaria, foi o terceiro de seis irmáns. Súa nai Vanessa pretendía apuntalo a natación, pero acabou no fútbol grazas aos esforzos da súa avoa Angelita e a súa tía avoa Teresa, pioneiras do fútbol feminino canario. Comezou a xogar na canteira da UD Almenara, un modesto club que tiña a sede preto da súa casa.
Cando tiña oito anos disputou un torneo amigable en Vecindario, onde as súas actuacións chamaron a atención de Borja Pérez, adestrador da canteira da UD Las Palmas, que o incorporou para o equipo benxamín. Xogou no club amarelo entre 2011 e 2015, momento no que recibiu a chamada do Real Madrid. Pasou dous anos na canteira do club madrileño, pero decidiu deixalo en 2017, ao ver que se apostaba máis por outro tipo de xogadores máis físicos.
Así, con 14 anos incorporouse ás categorías inferiores do Deportivo da Coruña. Completou na Coruña a súa etapa de cadete, pasando logo ao equipo xuvenil, co que se proclamou campión da División de Honra e da Copa de Campións na tempada 2020/21. Esa mesma tempada debutou co Fabril de Juan Carlos Valerón na Terceira División, xogando 17 partidos e marcando tres goles.
Deportivo da Coruña Continuou como xogador do Fabril na seguinte tempada, xa con Óscar Gilsanz como adestrador, e comezou a ser convocado por Borja Jiménez para o primeiro equipo. O 1 de decembro de 2021 debutou co Deportivo da Coruña en partido oficial, na primeira rolda da Copa do Rei 2021/22 contra o UCAM Murcia na Condomina. Entrou na segunda parte como substituto de Menudo, e realizou unha destacada actuación, marcando na prórroga o terceiro gol do seu equipo, e dándolle unha asistencia a Quiles, para que este fixera o cuarto (3-4). Tres días despois debutou na Primeira División RFEF contra o Racing de Ferrol na Malata, substituíndo na segunda parte a Villares. Pechou a tempada con 19 encontros co filial e 9 co primeiro equipo.
Para a tempada 2022/23 o Deportivo inscribiuno xa como xogador do primeiro equipo a tódolos efectos. Con todo, apenas contou con minutos mentres o banco do equipo foi ocupado por Borja Jiménez e polo seu sucesor Óscar Cano, que o usaron só como revulsivo. Rubén de la Barrera converteuse no adestrador do Deportivo antes da penúltima xornada de liga e deulle a titularidade de xeito inmediato a Yeremay, que respondeu cun espectacular gol no primeiro partido de liga no que saía dende o once inicial. Disputou tamén como titular a promoción de ascenso a Segunda, e aínda que o xogador conseguiu outro gol, o Deportivo caeu eliminado na semifinais contra o Castellón.
A súa situación mudou drasticamente na tempada 2023/24, coa chegada de Imanol Idiakez ao banco coruñés. O adestrador vasco confiou nel dende o primeiro momento, e aínda que no inicio da campaña pasou dous meses de baixa por mor dunha dura entrada de Sabit Abdulai, centrocampista do Lugo, trala súa recuperación foi unha peza fundamental da boa marcha do equipo. Convertido nunha das dúas grandes promesas da canteira do club xunto ao seu amigo David Mella, foi titular indiscutible ata o final da tempada, contribuíndo con catro goles, catro asistencias e numerosas mostras de calidade, ao ascenso do Deportivo á Segunda División como campión absoluto da Primeira Federación. O 18 de abril de 2024 renovou co Deportivo até o 30 de xuño de 2030.
Na tempada 2024/25 debutou na categoría de prata, na primeira xornada ante o Oviedo en Riazor, e dúas semanas despois anotou o seu primeiro gol en Segunda, nun derbi contra o Racing de Ferrol, no que fixo o único tanto do encontro. Ao longo da tempada consolidouse como a grande estrela do equipo coruñés e como un dos mellores xogadores da categoría, destacando especialmente polos seus caneos aos rivais. Foi ademais o cuarto máximo goleador da liga con 15 dianas, só por detrás de Luis Suárez, Panichelli e Andrés Martín, e sumou cinco asistencias; e un dos seus goles contra o Albacete foi elixido pola liga como o mellor gol da competición. A súa gran tempada, que lle valeu o premio da AFE como o mellor xogador de Segunda, chamou a atención de numerosos clubs europeos, pero o xogador rexeitou as ofertas millonarias que recibiu e en xuño de 2025 anunciouse a súa renovación ata 2030, con opción a tres tempadas máis.
Foi titular nas primeiras 27 xornadas da tempada 2025/26, nas que apenas foi substituído polo adestrador Antonio Hidalgo, ata que tivo que parar durante un mes para evitar que fosen a máis os seus problemas na pube. Aínda que atravesou algúns altibaixos ao longo da tempada, acabouna como o xogador do equipo con máis contribucións de gol, ao marcar 11 goles e repartir 10 asistencias, e foi un xogador diferencial para que o equipo lograse o ascenso á Primeira División.
Debutou na máxima categoría o 24 de agosto de 2026, na segunda xornada da tempada 2026/27 contra o Málaga na Rosaleda, substituíndo na segunda metade a Luismi Cruz.
Selección española O 10 de outubro de 2024 debutou coa selección española sub-21, ante Casaquistán, nun partido de clasificación para a Eurocopa sub-21. O seleccionador Santi Denia deulle entrada na segunda parte como substituto de Diego López, nun encontro no que España venceu por 4-3. Foi convocado para a fase final do Europeo en Eslovaquia, pero durante a concentración previa na Cidade do Fútbol de Las Rozas sufriu unha lesión nun xeonllo que lle fixo perder o torneo.
Palmarés Deportivo da Coruña Primeira Federación (1): 2023/24.
Estatísticas ClubTempadaDivisiónLigaCopa do ReiOutrosInclúe partidos de promoción de ascenso a Segunda División e a Primeira Federación.TotalPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesFabril2020/21Terceira173----1732021/223º RFEF185--10195Total club3580010368Deportivo da Coruña2021/221ª RFEF 8 0 11-- 912022/231ª RFEF 21 2 102 1 2432023/241ª RFEF25410--2642024/25Segunda391500--39152025/26Segunda381110--3911Total club13132412113734Total carreira 166 40 413 1 17342
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol . Datos do xogador en lapreferente.com .
Categoría:Nados en 2002 Categoría:Nados nas Palmas de Gran Canaria Categoría:Futbolistas das Canarias Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-21