Kathleen Lonsdale, nada Kathleen Yardley, nada en Newbridge, no condado de Kildare ( Irlanda ) o 28 de xaneiro de 1903 e finada o 1 de abril de 1971, foi unha cristalógrafa británica de orixe irlandesa que estableceu a estrutura do benceno por métodos de difracción de raios X en 1929, e do hexaclorobenceno por métodos espectrais de Fourier en 1931.
Foi a primeira muller elixida membro da Royal Society, a primeira muller profesora titular da University College de Londres, a primeira muller presidenta da Unión Internacional de Cristalografía e a primeira muller presidenta da Asociación Británica para o Avance da Ciencia.
Traxectoria Kathleen Lonsdale era a décima filla de Harry Yardley, o xefe de correos da cidade, e de Cameron Jessie. A súa familia trasladouse a Inglaterra cando ela tiña cinco anos. Primeiro foi á escola do condado de Woodford só para nenas. Debido a que Kathleen interesouse polas matemáticas e as ciencias, tivo que ir á Ilford County High School, un colexio masculino.
Obtivo a súa licenciatura no Bedford College for Women en 1922 e licenciouse en física pola University College de Londres en 1924. Despois uniuse ao equipo de investigación de cristalografía dirixido por William Henry Bragg na Royal Institution. En 1927 casou con Thomas Jackson Lonsdale co que tivo tres fillos - Jane, Nancy e Stephen - este último foi médico e traballou durante varios anos en Malawi .
Aínda que se criaron como bautistas, tanto ela como o seu marido adoptaron o credo cuáquero en 1935, sendo ambos pacifistas comprometidos. Pasou un mes na prisión de Holloway durante a segunda guerra mundial por negarse a rexistrarse para as tarefas de protección civil ou pagar unha multa por negarse a rexistrarse. Na reunión anual dos cuáqueros británicos en 1953, pronunciou o discurso principal Eliminando as causas da guerra .
Despois dun período dedicado a criar aos seus fillos, Kathleen Lonsdale volveu traballar a finais da década de 1930 na Universidade de Leeds. Tamén volveu traballar con Bragg na Royal Institution en 1934. Ademais de descubrir a estrutura do benceno e do hexaclorobenceno, Lonsdale tamén traballou na síntese de diamantes . Fixo un uso pioneiro dos raios X para estudar os cristais. Lonsdale converteuse nunha das dúas primeiras mulleres membros da Royal Society en 1945, sendo a outra a bioquímica Marjory Stephenson.
En 1949, Lonsdale foi profesora titular de Química e xefa do Departamento de Cristalografía da University College de Londres . Foi a primeira profesora da universidade e ocupou o cargo ata 1968, cando foi nomeada profesora emérita.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Kathleen Lonsdale, la cristalógrafa que tuvo que empezar sus estudios en un colegio para niños no blog Mujeres con ciencia
Categoría:Alumnos do University College London Categoría:Membros da Royal Society Categoría:Medalla Davy Categoría:Nados en 1903 Categoría:Finados en 1971 Categoría:Científicos de Irlanda Categoría:Químicos do Reino Unido