miniatura|250px|Xogadoras de Ilves Naiset na tempada 2021-22 no Tesoman jäähalli. O Ilves Naiset é un equipo feminino de hóckey sobre xeo fundado en 1971 na cidade de Tampere, Finlandia. Inicialmente tivo que xogar contra equipos masculinos de categoría júnior ao ser o único equipo feminino da cidade, e debutou contra un equipo feminino o 5 de marzo de 1978 en Espoo. Xoga na máxima categoría do hóckey sobre xeo feminino de Finlandia, a Naisten Liiga, dende a súa tempada inaugural en 1982, e conquistaron o seu primeiro campionato finlandés en 1985. En total o equipo proclamouse campión de Finlandia 10 veces, sendo o segundo equipo máis laureado do hóckey sobre xeo finlandés por detrás de Kiekko-Espoo, que conta con cinco campionatos máis. En 2011 converteuse no primeiro e único equipo feminino finlandés de hóckey sobre xeo en conquistar un título continental logo de gañar a sétima edición da IIHF European Women's Champions Cup.
Logo de empregar distintas pistas da cidade, na década de 1980 o equipo xogou na pista de xeo de Koulukatu, e en 1989 trasladouse ao recentemente finalizado Tesoman jäähalli como pista para os seus partidos como local, onde xoga dende aquela.
O Museo finlandés do hóckey sobre xeo introduciu sete antigas xogadoras do equipo no seu Salón da Fama (coñecido como Suomen Jääkiekkoleijonat, en galego Leóns/leoas do hóckey sobre xeo finlandés), sendo Marianne Ihalainen unha das dúas primeiras mulleres homenaxeadas. O equipo retirou os números 10, 15 e 16 en honor a Anne Haanpää, Johanna Koivula, e a propia Ihalainen. Ademais, tres mulleres do equipo foron homenaxeadas no chamado "Ilves Hockey Legends", no que están incluídas algunhas das personalidades máis destacadas do equipos de hóckey sobre xeo de Ilves, tanto en categoría feminina como na masculina.
Antecedentes: a fundación de Ilves miniatura|O Tampereen lyseo, onde naceu Ilves en 1931. O Ilves foi fundado no instituto Tampereen Lyseo o 10 de abril 1931 por Niilo Tammisalo, que era profesor no centro, para que o alumnado puidese practicar deportes de pelota. Tammisalo acabaría converténdose no primeiro presidente do club.
Axiña o novo club comezou a práctica do hóckey sobre xeo en categoría masculina, disputando o seu primeiro partido no xeo do Näsijärvi o 24 de xaneiro de 1932, e pouco despois o equipo debutou en competición oficial o 6 de febreiro dese mesmo ano. Con todo, tiveron que pasar varias décadas ata que o club incluíu a práctica do hóckey sobre xeo en categoría feminina.
Inicios miniatura|esquerda|250px|Lasse Oksanen (á dereita) foi o principal impulsor do hóckey feminino en Ilves. O Ilves comezou a desenvolver o hóckey sobre xeo feminino en 1971 co pulo do xogador Lasse Oksanen. Durante as súas primeiras tempadas o Ilves era o único equipo feminino de Tampere, polo que buscou opoñentes nos equipo júnior masculinos, e non foi ata o 5 de marzo de 1978 cando xogou o seu primeiro partido fronte a outro equipo feminino, que se saldou coa vitoria do Ilves fronte ao Jäähonka en Espoo por 5-6. O equipo comezou a adestrar e xogar na pista de Kaukajärvi, mais trasladouse cando Esko Peltonen se converteu no adestrador do distrito de Vehmainen. Non foi ata a década de 1980 cando as mulleres do Ilves puideron trasladarse á pista de xeo de Koulukatu, aínda que en numerosas ocasións os adestradores dos equipos júnior masculinos opuxéronse a darlles quendas no xeo. Nesa época, no ano 1980, había xa tantas xogadoras que se puido formar un segundo equipo feminino, que foi chamado Ilves-Kiekko. O equipo feminino puido empregar as distintas pistas de xeo da cidade ao longo da década, aínda que o Tesoman jäähalli, que non se completou ata 1989, converteuse na pista permanente para o equipo. miniatura|250px|Ilves debutou na primeira tempada da Naisten SM-sarja na pista de xeo de Koulukatu o 27 de novembro de 1982. O Ilves participou no Torneo Lipstick, un torneo que é considerado o campionato feminino non oficial entre 1978 e 1982, levándose o título en 1980, 1981 e 1982.Panel de descrición da copa do Torneo Lipstick na exposición do Museo finlandés do hóckey sobre xeo na primavera de 2023 (consultado o 30 de abril de 2023). En 1982 foi un dos equipos fundadores da Naisten SM-sarja, xogando o seu primeiro partido na pista de xeo de Koulukatu o 27 de novembro dese ano fronte ao equipo feminino das Porin Ässät, ao que derrotou por 14–2. No seu debut o equipo de Tampere finalizou a primeira fase da competicón na primeira posición do grupo A, no que contou todos os seus partidos por vitorias e conseguiu unha espectacular marca goleadora de 129 goles a favor fronte a 9 en contra nos oito partidos disputados. Finalmente conseguiu a medalla de prata como subcampión por detrás do HJK de Helsinqui logo de finalizar cun rexistro dunha vitoria e dous empates no grupo final, para un total de catro puntos, un menos que as da capital. Na segunda tempada da Naisten SM-sarja, o Ilves quedou encadrado no grupo central xunto coas Tiikerit, as Ässat e o SaiPa. O equipo conseguiu novamente finalizar na primeira posición a primeira fase de competición sen perder ningún partido, anotando 46 goles e encaixando tan só seis nos seis encontros disputados. Na fase final o Ilves concluíu na terceira posición. O equipo de Tampere tan só puido conseguir unha vitoria fronte ao Tiikerit, e perdeu fronte ao EVU de Vantaa e ao HJK, que revalidaría o título logo de gañar todos os encontros. A dianteira Jaana Rautavuoma liderou o equipo en todas as facetas do xogo durante a tempada.
Época dourada En 1985, logo de colleitar unha medalla de bronce na tempada anterior, o Ilves conseguiu o seu primeiro campionato nacional, iniciando deste xeito unha xeira de catro anos consecutivos alzándose como campioas. O equipo, liderado por Anne Haanpää (49 puntos, 38+11), comezou a competición no Keskilohko (Grupo Central), no que contou os seus oito partidos por vitorias cun rexistro de 161 goles a favor por tan só dous en contra. No grupo final, no que tamén participaron o HJK, o EVU e o seu segundo equipo, o Ilves-Kiekko, sumou cinco vitorias e unha derrota nos seus seis encontros para un total de 10 puntos fronte aos seis dos equipos de Vantaa e Helsinqui, que gañaron as medallas de prata e bronce respectivamente, mentres que o Ilves-Kiekko perdeu todos os seus encontros.
Na rolda preliminar da tempada 1985-86 o equipo finalizou líder do Grupo Leste con oito vitorias noutros tantos partidos e cun espectacular rexistro de 161 goles a favor por tan só dous en contra, colleitando amplas vitorias como o 31-0 ou o 20-0 fronte ao Ketterä e o SaiPa respectivamente como local, ou a goleada 0-31 na casa do StU. No campionato finlandés, disputado nun único grupo, o Ilves gañou os 14 partidos que disputou e proclamouse campión por segunda vez consecutiva. As xogadoras do Ilves anotaron 93 goles e encaixaron tan só 14. O equipo estivo liderado novamente por Haanpää (25 puntos, 19+6), acompañada por Päivi Halonen (24, 10+14) e Marianne Ihalainen (22, 13+9). Pola súa banda, o Ilves-Kiekko só puido sumar dúas vitorias e outros tantos empates nas 14 xornadas de competición e tivo que conseguir a permanencia no play-out. 300px|miniatura|esquerda|A Sammon Malja, trofeo entregado ao equipo campión da SM-sarja. O terceiro título do equipo non tardou en chegar, e na tempada 1986-87 conseguiu o terceiro entorchado consecutivo. O novo campionato nacional chegou logo dunha tempada de 14 partidos na que o Ilves tan só perdeu un encontro, na casa fronte ao EVU por 1-2. Se ben o equipo realizou numerosas goleadas, especialmente nos dous partidos fronte ao Ilves-Kiekko (17-3 e 0-15), as vitorias non foron tan avultadas como na tempada precedente e conseguiu un rexistro de 114 goles a favor e 25 en contra. O equipo estivo liderado por Marianne Ihalainen (39, 25+14), que foi a segunda máxima puntuadora da competición por detrás da xogadora do Sport Sari Krooks, nunha tempada na que seis xogadoras do Ilves estiveron entre as dez máximas puntuadoras da liga. O cuarto campionato consecutivo chegou na tempada 1987-88. O Ilves gañou de novo os 14 partidos que disputou, moitos deles con moita comodidade, ata en cinco partidos anotou 10 ou máis goles e en sete encontros gañou por cinco ou máis goles. O equipo estivo liderado por Anne Nurmi (34, 21+13) e Marianne Ihalainen (33, 20+13), que foron a segunda e terceira máximas puntuadoras da competición, novamente por detrás da xogadora do Sport Sari Krooks, e cinco xogadoras do Ilves estiveron entre as dez máximas puntuadoras da liga.
Entre o 31 de decembro de 1987 e o 3 de xaneiro de 1988 o equipo disputou un torneo internacional en Suíza. As xogadoras do Ilves iniciaron a competición no grupo A, encadradas co Assabeth Valley estadounidense e o Esslingen alemán. O equipo clasificouse como primeiro de grupo logo das vitorias fronte americanas (5-1) e xermanas (12-1), avanzando así directamente ás semifinais, onde se enfrontaron ás suecas do Nacka, ás que derrotaron por cinco goles a un. Con todo, as finlandesas caeron na final fronte ao combinado suízo por seis goles a catro.
Logo de catro anos consecutivos alzándose como campión, o equipo de Tampere tivo que conformarse coa prata na tempada 1988-89. A pesar de non perder ningún partido e ser o equipo máis goleador con 106 goles, logrando as vitorias máis avultadas (24-0 e 0-19 ao Sport), e o segundo menos goleado con 18 goles en contra, só superado polo EVU Vantaa (11 goles en contra), O Ilves e o EVU finalizaron cos mesmos puntos a liga (25), polo que o vencedor decidiuse nunha final entre ambos os equipos. Logo de empatar no primeiro terzo da final (0-0), o Ilves impúxose no segundo (3-1), mais a reacción do equipo de Vantaa no derradeiro período levou o partido á prórroga, e finalmente na quenda de penaltis o ouro decidiuse a favor do EVU. Ese ano o equipo volveu estar liderado por Marianne Ihalainen, que conseguiu 30 puntos (19+11), os mesmos números que Anne Haanpää, sendo a segunda e terceira máximas puntuadoras da liga por detrás da xogadora do EVU Liisa Karikoski (33, 21+12); salientou tamén a figura de Tiia Reima, que cos seus 20 goles foi a máxima goleadora do equipo. En agosto de 1989 inaugurouse o Tesoman jäähalli, un pavillón con capacidade para 800 persoas, que pasou a converterse na casa do Ilves. miniatura|250px|O Tesoman jäähalli converteuse na casa do Ilves Naiset logo da súa finalización en 1989. Na imaxe o seu interior logo da remodelación de 2017.